Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Moncho Iglesias

Irán e Israel, dous puntos extremos

12:15 10/08/2009

Irán e Israel comparten cualificativos e anos de historia que, segundo a época, deviñeron en nacións amigas ou estados enfrontados. A historia demostra que, nas zonas nas que hoxe en día están Irán e Israel, ferveron os alicerces dalgunhas das culturas máis influentes do mundo, aniñando fes e filosofías que cambiaron o pensamento de etapas anteriores. O protagonismo herdado desa época mudou por intereses ás veces demagóxicos, pero sempre vinculados a avances e xeitos de observar a vida moi distantes para a inmensa veciñanza.

Tras sesenta anos da fundación do estado de Israel, a súa supervivencia segue a pendurar das decisións tomadas no exterior e da capacidade de resolución interna. Dende fóra anímase a continuar o establecemento dun estado parapeto, mentres que dentro discútese entre a necesidade de lexitimar o poder divino ou defender unha liberdade allea ao máis alá e máis achegada ao pensamento extirpado de Occidente. No caso iraniano, trinta anos despois da revolución islámica, a súa existencia como tal cuestiónase, debaténdose a integridade entre partidarios dun reformismo máis achegado a Occidente e defensores dun estado relixioso onde o termo república non parece adaptarse ás necesidades actuais. Tanto nun sitio como noutro, outro estado, aínda máis lonxe dos dous puntos estremos que engloban a maioría do mundo árabe, os Estados Unidos, decidiron e continúan a decidir cales son as posturas máis favorables para o seu propio interese.

En 1948, Israel buscou aliados e Irán converteuse enseguida nun deles. De feito, o Sah foi o primeiro líder musulmán en recoñecer o estado xudeu, que logo subministraría a metade do armamento do que dispuxo Irán durante o mandato da dinastía Pahlavi. Así, a cooperación entre estados logrou que se chegase a xestar a idea de crear un novo mísil conxunto. Con todo, os vínculos de amizade rompéronse e deron paso a un período de hostilidades e acusacións mutuas. O intento de destronar o Sah por parte do Aiatolá Homeini, que declarou o estado de Israel como inimigo do Islam, e a posterior vitoria da Revolución dinamitaron todo tipo de relacións. É máis, dende a renacida Irán, as críticas ao sionismo e a Israel protagonizan o contacto político co exterior, unhas críticas que, dentro, non son tan atroces, e non máis que un reflexo da vontade política dos dirixentes do momento.

Na actualidade, Israel recoñece en Irán a punta dunha arma lexitimadora de vida ou morte, xa que a finalización do programa nuclear e a factible construción da bomba nuclear fan tremer o estado hebreo. Pero, se ben Irán nunca calou os seus avances, e Israel só desvelou o segredo por medio do técnico nuclear israelí Vanunu, parece que as intimidacións non son consistentes. De selo, Irán actuaría con máis sixilo e non trataría de convencer ao mundo de que borrar do mapa o estado sionista é cuestión de tempo, e Israel non declamaría o mesmo coa mesma insistencia. Porén, os intereses gañados por grupos e estados afíns a uns ou outros son os posibles avivadores dun conflito que parece afastado xeograficamente pero que está moi achegado no tempo e nas constantes flutuacións fronteirizas.

4,11/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Moncho Iglesias

Moncho Iglesias Míguez (Vigo, 1974). É mestre de castelán como lingua estranxeira en Belén, Palestina. Licenciado en Filoloxía Hispánica e doutorando en Filoloxía Galega. Coas súas crónicas, Moncho cóntanos de primeira man o conflito árabe-israelí. »



Anteriores...