Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
WELCOME TO TIRUCHY, 12

A India en Galiza

"Queda moito traballo para que a exposición sexa palpable. Debe estar lista en novembro, cando Ambal veña dar unhas cantas conferencias, en Vigo, en Pontevedra, en Santiago, en Lugo, onde poidamos". Duodécima entrega da crónica da nosa colaboradora María Reimóndez desde a India, onde traballa nun proxecto de cooperación a través da ONGD Implicadas no Desenvolvemento. Capítulos anteriores: 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8, 9, 10 e 11.

- 11:20 23/08/2004
Tags:

O meu amigo Beer

Coa man no seu brazo saúdo a Beer. Velaí o está na súa tenda, a última vez pasamos un anaco dentro, no pequeno espazo da caixa de mistos gracias á cal pode vivir. Beer quedou cego xogando ao críquet. Un mal golpe e o mundo en negro.

Pero Beer ten iniciativa. Primeiro recibiu un crédito do proxecto para montar a súa tendiña. E agora acaba de recibir outro para ampliar a tenda cun posto de alugueiro de bicicletas. El sabe que a súa clientela ten que andar lonxe para poder alugalas. En seguida se decatou da boa oportunidade e alá foi á oficina do proxecto coa súa proposta.

Hoxe Beer inaugura a súa nova empresa ampliada. A empresa que lle deu o afecto dos seus veciños, que o sacou da casa onde estaba sumido na escuridade. A empresa que lles pode dar unha oportunidade aos seus fillos, sobre todo ao pequeno, que move con dificultade os brazos nunha estraña parálise. Precisa atención médica especializada. E iso custa cartos. As bicis van ser máis ca un medio de transporte.


Moito máis ca baile

Das sete ás nove é o meu espazo. O espazo para abstraerme e alixeirar a carga dos días que pasan ás veces con terribles pesares. Pero de sete a nove da mañá o mundo é só Bharatyanatam para min. Concentrarme nos pés, no ritmo, nas mans, nos xestos, na historia, na arte. Como se nada máis existise no mundo alén diso. Cada baile é unha historia, un teatro, unha louvanza a algunha deusa. Agora miro con distinta atención as imaxes labradas de Ganesha, de Lakshmi ou Saraswati, a quen teño que representar na danza. O pavo real de Muruga, o fillo de Shiva. Durante dúas horas o meu cerebro voa e revoa por mundos de precisión.

Logo no día a dor de xeonllos tráeme a lembranza dese espazo onde o único esforzo é o do corpo e os únicos problemas a perfección dos movementos. En comparación co entorno, iso é a paz.


Voitres

Kavitha saíu no xornal coas autoridades. A grande noticia é que lle deran un espazo onde poñer a súa tenda. Ela, unha muller discapacitada. O seu irmán garda aínda o recorte. E seguramente o recorte estaría nun marco se non fose porque despois da foto non houbo espazo para poñer a tenda. O primeiro engano, do propio concello.

Agora o irmán de Kavitha, que ten 20 anos, conseguiu que lles deixasen un lugariño a carón do templo e pediu 10.000 rupias para poder comezar o negocio. Unha fortuna. Sobre todo para quen llelos deixou. Para esa persoa que reclamando un 5% de interese dilles que as 6.000 rupias pagas son só iso, o interese do crédito. A min non me saen os cálculos. Ao goberno de Tamil Nadu tampouco. De aí que a lei contra a usura poña a estes individuos directamente no cárcere. Os voitres dos pobres.


Fusión

Nas caras hai sorrisos. Nos saúdos un repenicar de alegría. Case cen persoas amigas. Nenas, nenos, mulleres... Hoxe rematan os concursos. Atrás queda o concurso de debuxo e o de relatos (para mulleres, nenas, persoas con discapacidade...). Hoxe o teatro. Un teatro real. A re-representación da vida no suburbio. Do traballo no proxecto. As mulleres non len papel ningún. Interprétanse a si mesmas. Nós gravamos todo en vídeo para a nosa exposición, para amosar tanto esforzo en Galicia.

Pero no vídeo non se verán moitas cousas. Como a calor humana, o ruído, os risos, a vida e o ferver dese estar preto, dese formar parte. A min paréceme abraiante que todo isto vaia pasear por Galicia adiante. Que vaiamos estar tan preto. Tanto como eu estou todos os días.

Claro que aínda queda moito traballo para que a exposición sexa palpable. Debe estar lista en novembro, cando Ambal virá dar unhas cantas conferencias –en Vigo, en Pontevedra, en Santiago, en Lugo, onde poidamos-. E entón será a fusión.


0/5 (0 votos)