O bon que ten ir medrando é que un pode cuestionarse cousas que lle aprenderon cando era cativo.
Esta da que quero opinar hoxe non só ma contaron cando era neno, aínda ata hai pouco tempo era unha suposta verdade absoluta que un non podía matizar e, moito menos, cuestionar. Falo da chamada Transición española e da súa presunta e intrínseca brillantez. Ese pretendido reencontro entre dúas comunidades que se enfrontaran nunha guerra e que conviviran de costas durante corenta anos baixo a ditadura de Franco. Ese tempo que nos amosou Victoria Prego, no que os bos foran o Rei de España, Adolfo Suárez, Santiago Carrillo e Fraga Iribarne, e os malos os de sempre.
A Transición en España non foi perfecta, e tampouco foi modélica. A maioría dos formadores de opinión radicados en Madrid ou coa mente radicada en Madrid e o corpo en Galiza/Galicia veñen reseñando que ese proceso de recuperación da democracia serviu de espello para outros casos semellantes en Latinoamérica. Pero iso é falso, e a proba témola no "autus interruptus" de Baltasar Garzón sobre o franquismo, e na actitude da propia Fiscalía, acusando ao xuíz pouco menos que de delirar por querer abrir as fosas comúns. As transicións modélicas foron as de Chile, Arxentina e, agora Paraguai, por citar algunhas. Chile reduciu os espazos de impunidade do ex ditador Pinochet e da súa familia (aínda con el en vida), na Arxentina son moitas xa as sentenzas que condenaron os represores, e o presidente do Paraguai, Fernando Lugo, pediu perdón en nome do Estado ás vítimas do tempo de Stroessner.
Iso son transicións á democracia que fomentan os valores da equidade e da democracia mesma, aínda con todas as eivas que se lles atopen, que son moitas. En España aprobouse unha Lei de Memoria Histórica que é un quero e non podo ou, mellor dito, un podo e non quero, porque nin se aplica nin busca a verdade histórica nin a reparación moral e política dos asasinados, perseguidos e exiliados. Baltasar Garzón quixo abrir unha causa xeral contra o franquismo, buscando os desaparecidos, elaborando censos de vítimas, abrindo foxas e calificando os feitos como debía, e o Estado, case en bloque, botouse enriba del, comezando por un fiscal que depende xerarquicamente do Ministro de Xustiza do mesmo goberno que aprobou a Lei de Memoria.
Xa o mesmo auto de Garzón limitaba a súa investigación do 18 de Xullo de 1936 ao 31 de decembro de 1959, posiblemente sabedor de que se expande a investigación, batería con que dez anos despois o actual Rei xurou os principios do Movimiento Nacional franquista e que, polo tanto, aí comezaba a arquitectura institucional que temos hoxe. E tamén batería con que algúns integrantes daquel goberno ilexítimo que lideraba Franco aínda están vivos. Pero nin por esas. Garzón parou. Só el saberá se recibiu máis presións das que coñecemos.
E xa vale de escoitar que reabrir foxas reabre feridas. As feridas vainas levar meu pai ao cadaleito se antes de morrer non sabe que foi dun dos seus irmáns desaparecido, se non sacamos dunha foxa a outro irmán seu, e se non damos sepultura como merece ao seu pai. Iso son feridas. E xa sabemos a quen non lle interesa que se fale disto. Os que non queren falar nin investigar isto son quen saben que poden saír cousas á luz que non lles interesan. Pero España non está preparada. Se non o está hoxe non o estará nunca. Terán que vir tribunais internacionais a xulgar o que a nós non nos deixan?
Así que non Victoria Prego. A túa Transición non mola.
Bo e oportuno artigo agora que nos van a bombardear coa leria dos trinta anos da constitución.
Outro artigo recomendable: http://www.rebelion.org/notici...
Excelente artigo, Dani. Já chega de ler/ouvir parvadas sobre um processo que nom passou de um acordo entre "umha parte do regime franquista" e "umha parte da oposiçom ao mesmo". Saberá a gente nova que nas primeiras eleições havia muitos partidos sem ser legalizados, ainda que o solicitaram? Eu que na altura era refugiado político na França, solicitei o passaporte espanhol repetidas vezes e nom mo deram até depois dessas famosas eleições. De que democracia se pode falar quando a gente nom tivo nem a oportunidade de se pronunciar sobre a forma de governo, ao contrário do ocorrido na Itália depois da guerra ou, muito mais recentemente na Grécia.
O tempo e os feitos din que non foi unha transición, foi unha restauración da monarquía que segue agochando as vergoñas do golpe do 36 e da Ditadura.
Cando un Estado non repara o dano feito, perde lexitimade. Cando os seus políticos e todo o sistema cala e que o mellor temos que sacarlles as cores nun Tribunal Internacional.
Hai cuestións de Estado e de Goberno, esta é unha cuestión de Estado e se non cumpren as leis internacionais deberanlle ser impostas nunha sentenza.
Parabéns polo artigo.
Non é persoal xuvenco, pero algúns en Vieiros están pesadiños de carallo co puñetero Rebelión.
El non haberá medios alternativos abondo en Galiza (ou en portugués) para ter que botar mao sempre dun medio español para ler unha boa análise? (Véxase o caso de Dani Álvarez).
E non cho vou negar semprecelta, xa dixen no outro comentario que me pareceu un bo artigo.
Se recomendo un artigo doutro medio alternativo e porque me parece interesante sen máis idependentemente de onde esté escrito.
Tamén admito suxerencias porque igual ti e outra xente coñecedes medios que eu non coñezo.
Un saúdo
Dani, moi bo artigo, si señor, para min esa transición tampouco molou e ademais esquécese dicir todas as folgas que houbo, a crise do petróleo, as continuas persecucións dos "grises", os de extrema dereita (Triple A, Guerrilleiros de Cristo Rei, etc.) que non tocaba ninguén, os franquistas voltos democráticos falsamente como Fraga Iribarne., etc. O único que se fixo foi pasar páxina e instaurar unha monarquía non elexida e procedente do fascismo.
Bo artigo!
hai que ter moita capacidade de imaxinación para crer que todo o nos contaron é normal, e moita indecencia para seguir sostendo toda a "arquitectura institucional" que hoxe se asenta sobre nós.
Pois modélica sí que foi: para o franquismo, para o mundo históricamente retrógrado que criou, para unha igrexa trentina e decimonónica sempre desacorde cos tempos (outra cousa son grupos de crentes definidos, etc.), para unha burguesía xenéticamente incapaz da sua propia rebelión ou revolución -transitada ela mesma desde o Antigo rexime á modernidade, sen perder a anclaxe no mundo agrario grande propietario, nin as suas concepcións, que a incapacitaron, entre moitísimas cousas, para empuxar e concibir unha industrialización, que se acada noutros países-. Tamén foi modélica para a moxigatería, beatería e constreñimento sociocultural acadado ca desaparición física forzada da maior (en cantidade e cualidade) xeneración cultural xamáis dada, botada a estragar nun mundo fechado, supersticioso, putrefacto de caciquismo e favoritismo, etc., etc. Sin esquecer a cirurxía exercitada co case pleno pláceme mundial, consistente na eliminación física tamén, da parte máis creativa e combativa da clase operaria, que xunto ó resto das clases populares e a pequena burguesía ilustrada, artellaron por primeira vez duradoira (3 anos efectivos!) unha república burgues, pero no papel moi preogresista e modernizadora.
Así que máis ben se tratou de unha perfecta TRANSACIÓN entre dous blocos hexemónicos, un dominante aínda, e outro emerxente na formalidade, ben adubiada pola inxerencia directa extranxeira (CIA, fundamentalmente) por diversas vías, e cuio resultado COOPTADO foi, lóxicamente, a TRA(NS)ICIÓN, traición ó bloco emerxente que significou a ausencia de ELECCIÓNS LIBRES A PARLAMENTO CONSTITUÍNTE, como é preceptivo nun país democrático e libre e o sucedaneo de constitución que pretenden que non a escrituremos millor con P, de prostitución, pois non se trata de ningunha constitución como é fácil, senón dun conxunto regulado de obrigas para a población -todas as que o bloco dominante no intre quixo pór- e uns dereitos efectivos para as institucións exercentes e tan só nominais, para a maioría da población, para quenes se desenvolven os regulamentos que limitan e matizan tais dereitos, entre eles o funcionamento do ESTREITO ABANO POLÍTICO, nunha sociedade desenrolada e plural por máis que intentan encarrilala (medios mediante e cas leises) na abafante congostra constitucional.
Naceu nas Pontes en 1977. Marchou para Euskadi estudar Xornalismo. Logo de licenciarse, comezou a traballar en Radio Euskadi. Na actualidade dirixe o programa radiofónico "Ganbara", de información xeral e debate. Canda Xabier Lapitz coordinou o libro "Proceso de paz en Euskadi. 20 voces por la normalización".