Vieiros

Vieiros de meu Perfil


HAI QUE ROELO

O Alternavigo

11:15 03/07/2009

Sirva este artigo para animar os organizadores do festival Alternavigo a seguir por este carreiro. Os vindeiros 7 e 8 de agosto Galiza contará cun festival jevimetaleiro de primeiro nivel grazas ao pulo dos responsables de Cultura do Concello de Vigo. Non é o Heavy Metal un estilo musical que conte coa aprobación da meirande parte das institucións do País, así que coido imprescindible animar a quen se implica para satisfacer aos seareiros máis identificados coa súa música e máis fieis: os metaleiros.

Achégase a segunda edición dunha cita que colleitou moitas opinións favorables o ano pasado, polas boas instalacións e os servizos axeitados a un festival de altura internacional, cousa que non todos poden dicir. Desta vez, o cartel é atractivo abondo para que unha boa panda de guedelludos vaiamos a Vigo a castigar as vértebras pero, sobre todo, a relación calidade das bandas-prezo da entrada é o máis salientable. Podemos estar ante o binomio máis atractivo de todo o continente europeo, sen esaxerar.

30 euros (ata o 15 de Xullo) por dous días de Metal a tope non teñen competencia hoxe en día. Ademais, a acampada vai incluída. Falando da música, que é o esencial, temos un cartel variado en canto a estilos e con grupos de verdadeira actualidade (aínda falta un por se confirmar).  O venres petan Amon Amarth, UDO, Dragonforce, Scar Symmetry, Destruction, Paradise Lost e Dark Tranquility; e o sábado Los Suaves, Hamlet, Skizoo, Stravaganzza, Ktulu e Angelus Apatrida. Rock Duro, Viking, Metal, Thrash… Haiche de todo.

Quen non vira aínda a Dragonforce en directo, que se prepare. Estes mestres do Power híper-rápido fixéronse famosos grazas á súa presenza no vídeo-xogo Guitar Hero III, e dan un verdadeiro espectáculo sobre as táboas, con temas de oito minutos e solos de guitarra imposibles que se prolongan ata 180 segundos. Se teñen un son nítido, serán do máis divertido. Amon Amarth gozan dun excelente estado de forma confirmado co seu último “Twilight of the Thunder God”, unha colección de bos temas que os elevou á cima do Metal Vikingo. Paradise Lost e Dark Tranquility son mestres do escuro, do intimista, de darlle voltas e reviravoltas a bosques sónicos nos que antes ninguén se atrevera a entrar, e UDO (ex Accept) e Destruction son auténticas institucións no Heavy e no Thrash respectivamente. Aínda por riba, non hai moitas oportunidades de ver estas bandas, así que moi traballada esta parte do cartel.

O sábado saberemos se o novo disco no que traballan Los Suaves, titulado “Adiós, adiós”, é o principio da fin. Espero que non, porque eles teñen que vivir para sempre. Antes, os Hamlet darán leña a mazo agora que volveron ao rego do Metal máis extremo con “La puta y el diablo”, un Cd que che pode saltar os dentes se te pegas moito ao bafle. O resto de bandas españolas presentes son sinónimo de innovación e calidade, e aínda falta unha, insisto.

Noraboa por anticipado aos promotores e organizadores por apostar por este estilo tan pouco mimado en Galiza. Vémonos en Vigo, e que aproveite o zume de cebada! .. /  .. /

4.22/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Dani Álvarez

Dani Álvarez

Naceu nas Pontes en 1977. Marchou para Euskadi estudar Xornalismo. Logo de licenciarse, comezou a traballar en Radio Euskadi. Na actualidade dirixe o programa radiofónico "Ganbara", de información xeral e debate. Canda Xabier Lapitz coordinou o libro "Proceso de paz en Euskadi. 20 voces por la normalización".



Máis opinións