Vieiros

Vieiros de meu Perfil


HAI QUE ROELO

Non son coma ti

10:00 10/07/2009

Non. Eu non son coma ti. Eu non me meto no Bernabeu para que Florentino me deixe abraiado cos seus cartos e as súas trapalladas pseudofutboleiras. Eu non berro Hala Madrí cando mo manda Ronaldo, nin me emociono cando sona a voz de Plácido Domingo cantando non sei que cousas da honra do equipo de España. Non son coma ti porque eu non agardo a que cada noite en Intereconomía Televisión me digan como hai que xustificar a Francisco Camps (que ben lle queda o alcume ese de “O Creguiño”, como lle chama O Bigotes!), para que nos creamos que é inocente.

Síntoo, pero non me presta ser así. Non me limito a repetir o que estes días nos contan os do renovado lobi nuclear nin tampouco o conto ese do aborto. Pode asinar os manifestos que queira Isabel San Sebastián, que non penso xulgar a ningunha muller por tomar a decisión máis difícil da súa vida. Canto vos preocupan os non nacidos e que pouco os vivos! Entendo que pasaras un mal ano porque o Barça gañou tres títulos, pero iso non che dá dereito a esmagarme a cabeza a todas horas coas cousas que pretendes que todo o mundo comparta. E tumba e dalle, que non. Que non son coma ti. 

Era ou non era Berlusconi un home de dereitas homologable? Era ou non era amigo de Aznar e de Rajoy? Era ou non era o neniño favorito do Vaticano? Pois agora non me veñas con películas. Eu respecto moito que tanto el coma o Topolanek se empalmen na mansión, pero se eles eran de admirar antes, agora seguirán sendo, ou non? Ou diso tampouco falamos?  

Cantas veces che teño que repetir que non quero o póster do Kaká que trae o Marca nin que tampouco me convences de que Rosa Díez (á que xa non aturan nin os seus compañeiros de partido, polo que se ve) sexa de esquerdas. Nin Rosa é de esquerdas nin Rouco Varela é un galego ilustre; digamos que é galego e punto. O de ilustre venlle grande.  

Nin son coma ti nin falta que fai. Din por aí, nalgunhas radios, que sodes moitos máis ca nós, e entón eu pregúntome por que demo vos pasades a vida poñéndonos a parir. Se tampouco somos tantos e ademais case nunca amolamos, porque nin para iso somos capaces de poñernos de acordo. Nin sequera nos xuntamos para berrarvos, e mira que nos dades motivos. Pero nada. Se somos tan pouca cousas podiades investir o tempo das vosas tertulias noutras cousas.  

E non me veñas outra vez co de Sanghenjho. O de La Coruña aínda cho perdono, pero Sanghenjho xa é demasiado. Que non, oh, que non. Que eu non son coma ti. Agora si, nunha cousa heiche de dar a razón. O Feijoo acabará facendo bon a Fraga. Pensei que nunca na vida o ía dicir, e resulta que este obrigoumo a facelo en dous meses. Pero ti segue, non cales, que canto máis falas menos nos parecemos.

4.65/5 (26 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Dani Álvarez

Dani Álvarez

Naceu nas Pontes en 1977. Marchou para Euskadi estudar Xornalismo. Logo de licenciarse, comezou a traballar en Radio Euskadi. Na actualidade dirixe o programa radiofónico "Ganbara", de información xeral e debate. Canda Xabier Lapitz coordinou o libro "Proceso de paz en Euskadi. 20 voces por la normalización".



Máis opinións