Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Mansilla

Na pel do Lobo

12:00 02/02/2010

Non será fácil a lexislatura, revestida de factores certamente ilexítimos, que terá por diante o novo presidente hondureño Porfirio Lobo, tras ser investido o pasado 27 de xaneiro en Tegucigalpa. "Lexitimado" así o golpe de Estado acaecido o 28 de xuño de 2009 contra o entón presidente Manuel Zelaya (exiliado agora en República Dominicana tras un pouco claro pacto político), cumpre observar agora os retos e futuros escenarios que se presentan no país centroamericano.

En primeiro lugar, Lobo gastará gran parte da súa lexislatura ata o 2014 en atopar os factores de lexitimidade da súa presidencia. Pero agora deberá modelar un novo rumbo, a tenor de que os poderes detrás do golpe, sendo estes as Forzas Armadas, a oligarquía e a Igrexa católica, consumaron o seu triunfo político ao verse amnistiados e exonerados de responsabilidades, en especial os militares e os membros do gabinete de Roberto Michelletti.

Con Zelaya exiliado en Santo Domingo, algo que pode ser observado como un logro diplomático do goberno dominicano de Leonel Fernández, Lobo deberá acometer unha resistencia interna que se "resiste" a desaparecer. Este escenario se potenciará toda vez se evidencie que Lobo practicamente supeditará o seu mandato ao apoio dos mesmos poderes que consumaron o golpe contra Zelaya.

Fóra da atención política trala mascarada de eleccións presidenciais celebradas o pasado 29 de novembro de 2009, estes grupos de resistencia que durante meses apoiaron o retorno de Zelaya á presidencia poderían incrementar a súa presión nun momento en que a crise económica podería afectar a consistencia do goberno de Lobo. Baixo esta perspectiva, o novo presidente hondureña acelerará con carácter de urxencia a súa lexitimidade exterior, a fin de acabar co illamento internacional posterior ao golpe.

Resta así observar se Lobo apostará por abrir unha xanela de negociacións cos sectores opositores nun contexto en que observa cómo a tan ansiada lexitimidade exterior comeza a cobrar forma. Neste sentido, Washington xa se decantou oficialmente por Lobo. O secretario de Estado adxunto para o Hemisferio Occidental, Arturo Valenzuela, celebrou o acto de investidura presidencial de Lobo e a saída de Zelaya de Honduras como un "paso importante", instando ao retorno hondureño á OEA.

Paralelamente, cumpre observar a perda de influencia diplomática de Brasil, o outro actor externo máis implicado na crise hondureña, aceptando finalmente a lexitimidade presidencial de Lobo e o exilio dominicano de Zelaya. A mediación dominicana para posibilitar o exilio de Zelaya evidenciaría, en certo sentido, cómo Washington logrou consolidar a súa diplomacia a varias bandas de cara á crise hondureña, restando a Brasilia esa capacidade de manobra diplomática.

Pero a presidencia de Lobo, tan viciada pola herdanza golpista, resulta unha incerteza de cara á solución da crise política. Con Haití ocupando o centro da atención, cumpre valorar cal será o futuro (e a posible e perniciosa referencia continental) da crise hondureña.

3.25/5 (4 votos)



Roberto Mansilla

Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »



Anteriores...