Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Mansilla

O regreso do PRI

17:45 06/07/2009

Cómpre prestar atención ao contundente triunfo do Partido Revolucionario Institucional (PRI) nas eleccións lexislativas celebradas o pasado 5 de xullo en México. Renovado baixo a dirección da súa nova presidenta Beatriz Paredes, quen encaraba as súas primeiras eleccións, o PRI articúlase como o actor central máis influente do actual escenario político mexicano.

Ao igual que a vitoria do PRI, a elevada abstención, complementada con notables índices de votos nulos auspiciados por determinadas elites intelectuais, supuxo un duro golpe para o presidente mexicano Felipe Calderón e o gobernante Partido de Acción Nacional (PAN), afrontando un complexo escenario para a segunda metade da súa lexislatura, que expira no 2012.

Cun PRI como principal partido hexemónico na Cámara de Deputados, con posibilidades de consolidar unha maioría absoluta se logra o apoio do Partido Verde Ecoloxista Mexicano (PVEM), así como varias gobernacións a nivel nacional baixo o seu control, augúrase a posibilidade dunha cohabitación política entre o PAN e o PRI, ata que se perfilen as próximas candidaturas presidenciais. Así, os tres próximos anos anuncian o comezo dunha campaña presidencial pre-electoral.

O renacemento electoral e político dun PRI renovado afecta directamente  a posición e as cartas políticas do presidente Calderón e do líder esquerdista Andrés Manuel López Obrador e o seu Partido da Revolución Democrática (PRD), abrindo posibles novos escenarios políticos e presidenciais para o 2012.

Neste sentido, o efecto da crise económica global nun país emerxente como México e, principalmente, certo descontento social pola xestión gobernamental da crise sanitaria provocada pola gripe A o pasado mes de abril, poden explicar o fracaso de Calderón e do PAN, quen deberá agora iniciar un amplo proceso de busca dun candidato electoral. O peso desta derrota oficialista certificouse coa perda de determinados bastións “panistas” a favor do PRI, como son os estados de Chihuahua e Novo León.

Pero, probablemente, os máis afectados neste renacemento do PRI serían López Obrador e o PRD, cuxa sensible baixa electoral pode deixalos con escasas posibilidades presidenciais para o 2012. Cun PRI en ascenso, constituíndose en alternativa que capitalice o descontento social, suporá un escenario de maior complexidade para un López Obrador que pode experimentar maiores perdas políticas e de votos, abrindo o escenario a unha posible renovación no PRD.

De cara ao 2012, a estabilidade gobernamental de Calderón probablemente dependerá da súa cohabitación co PRI, que pode dar marcha atrás a determinados proxectos de lei que o PAN esperaba aprobar nesta segunda metade da lexislatura. Pola súa banda, o PRI comeza a outear con maior optimismo a súas cartas electorais para as próximas presidenciais, confirmando co seu regreso a preeminencia do bipartidismo no escenario político mexicano.

2.69/5 (16 votos)



Roberto Mansilla

Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »



Anteriores...