Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Mansilla

O “non” a Chávez

12:10 05/12/2007

En termos xerais e inmediatos, cabe interpretar o resultado do referendo da reforma constitucional como unha “derrota política” para o presidente Hugo Chávez. Unha derrota política que, a medio e longo prazo, pode dar cabida a unha necesaria reestruturación dentro do panorama político venezolano.

Cun 50,7% en contra, a “pírrica” vitoria do “non” á reforma constitucional, tal e como subliñou o propio Chávez tras recoñecer os resultados, implica tamén un exercicio de medición sobre ata qué punto se atopa fracturada Venezuela e sobre os mecanismos necesarios para atopar espazos de entendemento ou, no caso máis preocupante, de radicalización da polarización.

Porque, precisamente, esta vitoria política da oposición, o posterior recoñecemento oficial da súa derrota por parte de Chávez e a súa “felicitación” aos vencedores, deberían propiciar a apertura de necesarios camiños de conciliación social e política e recoñecemento mutuo para Chávez e a súa oposición. Se ben o resultado supón un duro contratempo para o proxecto socialista defendido por Chávez, aínda está por ver de qué maneira tanto o presidente como a oposición medirán este resultado e as súas futuras estratexias políticas.

Paralelamente, resta por saber como calibrará o propio Chávez esta derrota de cara a re-impulsar a medio prazo unha nova convocatoria que lle permita volver a mobilizar aos seus simpatizantes na reactivación da “reforma constitucional”. Chávez posúe unha particular astucia política para, co paso do tempo, converter as súas “derrotas” en posteriores “vitorias”.

Os factores do “non”
En termos electorais e sociolóxicos, o voto a favor do “non” uniu por vez primeira a diversos sectores opositores e simpatizantes de Chávez, alterando simbolicamente a conformación sociopolítica dos derradeiros anos en Venezuela.

Hai apenas un mes, as enquisas favorecían unha vitoria do “si” para Chávez, o cal aumenta, dentro da actual conxuntura, esa sensación de derrota política para o “chavismo”. Se a isto engadimos que nas dúas derradeiras eleccións directas, o referendo revogatorio de 2004 e as eleccións presidenciais de 2006, Chávez obtivo un 59% e un 63% respectivamente do voto popular, o resultado en contra acaecido o 2-D suxire certos dilemas internos no “chavismo”.

O problema para Chávez quizais se explique na emerxencia dunha determinada erosión do seu tecido político e electoral e na súa base social precisamente nunha conxuntura na que tanto a súa posición política como o seu modelo de proxecto nacional semellaban consolidados, encamiñados nunha senda vitoriosa.

O 2007 inauguraba para Chávez un novo período presidencial de seis anos ata o 2013. Con altos niveis de popularidade, unha plataforma política e social aparentemente consolidada, elevados prezos petroleiros que facilitaban o gasto público cara as misións sociais, un sólido crecemento económico e unha oposición política en declive, Chávez tiña todas as cartas favorables para impulsar o seu modelo socialista.

A marcha do “socialismo do século XXI” era concibida publicamente por Chávez como un proceso a cobrar forma “para o período 2007-2021”. Dous eixes se manifestaban como claves deste proceso: a conformación do Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV) e a reforma constitucional.

Non obstante, en vez de converxer cara puntos de coincidencia, ambos eixes provocaron inicialmente fisuras no seno do “chavismo”. Esta división incluso manifestouse entre diversos sectores dentro dos partidos aliados de Chávez como PODEMOS, Patria Para Todos (PPT) e o Partido Comunista, cunhas dirixencias principais e algúns sectores de base que racharon coa conformación do PSUV e coas pretensións de reforma constitucional. A crise trala non renovación da concesión á canle RCTV tamén presentou síntomas de erosión social para Chávez, incluso en sectores populares afectos ao “chavismo”.

Esta sensación de ruptura acrecentouse no segundo semestre de 2007: o PUSV avanzaba con lentitude e polémica mentres, a comezos de novembro, o anuncio público de rexeite á reforma por parte de históricos aliados de Chávez como o ex ministro de Defensa, xeneral Raúl Isaías Baduel, e do comandante Joel Acosta Chirinos, presentaba claros signos de desgaste político para Chávez.

Así, o aumento da presión nas rúas por parte da oposición, especialmente do seu activo movemento estudantil e universitario, así como o elevado e esaxerado ton de confrontación retórica por parte de Chávez nas derradeiras semanas, incluíndo os ataques verbais contra España e Colombia, dous países estratéxicos nas relacións exteriores venezolanas, moldearon unha matriz de opinión interna e externa cada vez mais desfavorable sobre a reforma constitucional.

Esta conxuntura influíu sensiblemente na actitude e percepción de Chávez de cara ao referendo constitucional, a tal punto que calculou o referendo como unha especie de “plebiscito” sobre o seu mandato e persoa, publicamente manifestado na súa mensaxe de peche de campaña de que “votar en contra da reforma significa votar contra min”.

Outro factor que pode analizarse como influínte no posterior triunfo do “non” estaría limitado ao nivel de abstención, que acadou o 44% do electorado. Tras recoñecer a súa derrota, Chávez asegurou que tres millóns de votantes “chavistas” se abstiveron de acudir ás urnas, factor que tamén puido influír na derrota do “si”.

Curiosamente, o factor da abstención era motivo de controversia dentro da oposición: uns reclamaban non votar por considerar que o sistema electoral estaba “viciado” e era “pouco transparente”. Outros sectores opositores reclamaban a participación electoral, confiados en que así se sumarían votos que permitiran o triunfo do “non” o pasado 2-D.

O impacto no mapa político

Así, a “pírrica” derrota de Chávez nas urnas supón un aliciente para a oposición, que baralla a posibilidade de volver a reagruparse politicamente e conformar unha plataforma e liderado mais unitario, nunha perspectiva que favoreza alcanzar o poder por métodos electorais e democráticos.

Neste sentido, cobra especial importancia dende a perspectiva xeracional o movemento estudantil e universitario, auténtico motor das derradeiras manifestacións contra a reforma constitucional. En Venezuela existe unha poboación de millón e medio de estudantes universitarios, actualmente organizados en diversas plataformas políticas.

As mobilizacións estudantís do segundo semestre do 2007, especialmente tralo peche de RCTV, permitiron aos venezolanos coñecer a un líder político en potencia para os próximos anos, Jon Goicoechea, probablemente a figura individual gañadora deste referendo constitucional polo seu liderado en rexeitar a reforma.

Tras case nove anos no poder, Chávez comeza a observar ao movemento estudantil e universitario como unha posible avanzada política opositora, un sector aínda non controlado polo “chavismo”. Líderes universtarios como Goicoechea, Freddy Guevara e Stalin González lograron imprimir unha mensaxe electoral máis poderosa para persuadir a diversas capas do electorado sobre a urxencia de votar para “preservar as liberdades e a democracia” e así “salvar ao país da ditadura”.

Esta simbolización permitiu mobilizar á oposición e a algúns sectores desencantados do “chavismo” de cara a interpretar o referendo como “unha última oportunidade” para Venezuela. Aquí existe unha notable variación sociolóxica e electoral entre “chavistas” e “antichavistas” que non só pode propiciar a conformación dun multiforme bloque alternativo a Chávez, agora impulsado por algúns dos seus ex aliados políticos como Ismael García ou o propio Baduel, senón iniciar mecanismos de diálogo e recoñecemento entre o goberno e a oposición, elementos tan necesarios na Venezuela actual.

Non obstante, e a pesar da súa derrota, Chávez posúe diversas cartas a favor. A Lei Habilitante outorgada pola Asemblea Nacional ata mediados de 2008 concédelle poderes especiais para gobernar mediante decretos-lei. Dentro da Asemblea posúe unha indubidable maioría que podería propiciar a reactivación da reforma constitucional por outros canais.

A derrota do 2-D permitirá a Chávez reestruturar o seu movemento, avaliar os erros e mobilizar ao seu electorado cara outras prioridades. Velaí a razón pola cal asegurara que a reforma “segue viva” e que esta era outra derrota “polo de agora”. Unha reestruturación de criterios e métodos que igualmente influirán dentro da plataforma opositora, que agora calcula con certeza electoral que Chávez non é invencible.

3.59/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Roberto Mansilla

Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »



Anteriores...