Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Mansilla

Continuísmo en Costa Rica

11:31 10/02/2010

Cunha contundente vitoria plasmada no 46,7% dos votos, a candidata Laura Chinchilla converterase na primeira muller en ocupar a presidencia en Costa Rica. Visto desde a perspectiva rexional dos últimos dous decenios, a súa elección confirma unha dinámica de xénero inmersa na política latinoamericana, así como unha garantía de continuísmo político neste país centroamericano.

Chinchilla asegurará a hexemonía do gobernante Partido de Liberación Nacional (PLN), habilmente controlado polo agora ex presidente Oscar Arias. O PLN gobernou 33 dos últimos 57 anos de vida política contemporánea en Costa Rica, agora ampliando o seu mandato ata o 2014.

    Tanto como a contundencia da súa elección e o feito de ser a primeira muller en ocupar a presidencia deste país, a vitoria de Chinchilla ilustra outros escenarios políticos dentro dun país caracterizado pola súa estabilidade e cultura democrática. Como ex ministra de Seguridade e ex vicepresidenta desde 1996, Chinchilla posúe unha elevada experiencia gobernamental, sempre como aliada política principal do presidente Arias, que permite outear diversas expectativas de cara ás eleccións de 2014.

Estas expectativas estarían centradas na posibilidade de que Arias volva a presentarse á presidencia dentro de catro anos, cun PLN controlado polo seu irmán Rodrigo Arias e a propia Chinchilla, observada dende diversos sectores como a “delfín” do actual presidente. A pesar da súa histórica orientación socialdemócrata e progresista, o PLN actual abandeira unha axenda política máis conservadora no social e liberal no económico, consolidada a través da súa maioría parlamentaria.

Así, Chinchilla marcará unha axenda política orientada a potenciar o libre comercio con EEUU, reforzar o papel mediador de San José no contexto político centroamericano (coa posibilidade de reinserir á Honduras de Porfirio Lobo nos organismos hemisféricos), activar unha orientación máis conservadora e reaccionaria ante temas políticos como o aborto e os matrimonios homosexuais, e afianzar o poder do “arismo” dentro do PLN.

Igualmente, os resultados electorais en Costa Rica confirman un cambio de orientación política hemisférica cara a dereita. A derrota electoral do candidato centroesquerdista Otton Solís, do partido Acción Cívica, quen alcanzou o 25% dos votos, e a súa renuncia a seguir presentándose como candidato tras tres derrotas consecutivas desde 2002, desestima calquera aproximación política costarricense cara gobernos situados máis á esquerda, como Venezuela, Cuba ou Bolivia, baluartes do eixe da ALBA.

O terceiro candidato, Otto Guevara, reforza o sector conservador da política costarricense, incluso animando a unha maior dureza e distanciamento con respecto a Cuba, Venezuela e a ALBA. Neste sentido, o exemplo hondureño puido persuadir a unha porción considerable do electorado costarricense, apoiando así a opción de Chinchilla.

Con Ricardo Martinelli en Panamá, Sebastián Piñera en Chile, Porfirio Lobo en Honduras e agora Laura Chinchilla en Costa Rica, as variables políticas da dereita semellan retomar a iniciativa electoral de cara ao período 2010-2012. Unha perspectiva que, visto tamén ante a recente intervención estadounidense en Haití, confirmaría un  retorno da influencia de Washington na rexión.

3.4/5 (5 votos)



Roberto Mansilla

Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »



Anteriores...