Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Mansilla

Israel: a crise dos 60

11:17 30/05/2008

En parello ao recen conmemorado 60º aniversario da fundación do Estado de Israel, unha grave crise política ameaza con acabar co goberno do primeiro ministro Ehud Olmert e anunciar a inmediata celebración de eleccións anticipadas.

Unha serie de acusacións de corrupción contra Olmert, verificadas esta semana co testemuño dun empresario estadounidense que lle transferiu ilegalmente milleiros de dólares cando Olmert era alcalde de Xerusalén, provocou unha inmediata petición de renuncia por parte do ministro de Defensa e líder laborista, Ehud Barak.

Non é o primeiro caso de corrupción contra Olmert, quen xa fora acusado de propiciar a venda, en condicións irregulares, dun banco no 2005. Os escándalos na política israelí tamén salpican ao seu presidente Moshe Katsav, acusado anteriormente de violación dunha secretaria persoal e de abuso de poder.

No pasado recente, os ex primeiros ministros Benjamín Netanyahu, Ehud Barak e Ariel Sharon tamén foran investigados por presuntos casos de corrupción, aínda que non formalmente acusados como é o caso actual de Olmert. Alén da corrupción, tanto a Olmert como a Barak, o ex ministro de Defensa Amir Peretz e altos mandos militares como Dan Halutz, foron acusados directa ou indirectamente de “neglixencia militar” polo fracaso das forzas armadas israelís na breve guerra contra o movemento islamita libanés Hizbulah en agosto de 2006.

Nese momento, a ministra de Exteriores, Tzipi Livni, pediulle a Olmert a renuncia. Actualmente, en caso de que a Fiscalía israelí determine como válidas as acusacións de corrupción contra Olmert, a súa sucesión transitoria no cargo de primeiro ministro podería quedar nas mans de Livni.

Con este panorama, a alta política israelí semella moverse por un cúmulo de escándalos que diversos analistas e avogados dese país non dubidan publicamente en cualificar de “crónica epidemia de corrupción”.

Obviamente, estes escándalos teñen unha forte repercusión política: se as demandas de dimisión e a presión política cara Olmert non fructifican, seguramente se presentará unha ruptura na coalición gobernamental entre o partido Kadima e os laboristas na Knesset (parlamento), que provocará a mais que segura caída do goberno Olmert e o adianto electoral. Unha enquisa asegura que o 70% dos israelís e un 51% dos votantes de Olmert consideran que o primeiro ministro está mentindo.

Así, resulta probable a convocatoria de eleccións anticipadas, con diversos escenarios á vista. Por unha banda, deixaría a Barak coa posibilidade de retomar o liderado nos laboristas para presentar a súa candidatura. Por outra, a descualificación moral e política de Olmert complicaría enormemente as posibilidades de que o seu partido Kadima reedite a vitoria electoral de 2006, incluso no caso de que Tzipi Livni considerase a posibilidade de converterse en candidata electoral.

Ao igual que o presumible retorno de Barak e a caída libre de Olmert, estaría afincándose o regreso de Netanyahu como candidato do partido dereitista Likud, con amplas posibilidades de obter unha resoante vitoria electoral. Pero os cálculos políticos non son tan claros. O mais probable é que no próximo goberno israelí aconteza a xa consolidada atomización do escenario político nacional evidenciada nos derradeiros anos, con gobernos débiles dependentes do apoio parlamentario de diversos partidos, moitos deles minoritarios e con diversas tendencias e intereses.

Como Olmert, Israel está na encrucillada. Afincada na súa tradicional alianza político, militar e económica con EEUU e nun momento de parálise nas negociacións de paz cos palestinos pero con interesantes aproximacións a unha posible paz con Siria, os escándalos políticos internos atizan un escenario tan delicado como vergoñento. Non hai moito que celebrar no seu 60º aniversario.

3.38/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Roberto Mansilla

Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »



Anteriores...