Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Mansilla

A elección de Panamá

14:30 29/04/2009

O próximo domingo 3 de maio, mais de dous millóns de panameños están convocados para elixir unha nova presidencia, cargo que están disputándose a candidata Balbina Herrera, do gobernamental Partido da Revolución Democrática (PRD), e o opositor Ricardo Martinelli, de Cambio Democrático (CD)

Quen resulte gañador sucederá ao actual presidente Martín Torrijos (PRD), a quen as últimas enquisas de opinión pública outorgan un nivel de aceptación do 55% da súa xestión, iniciada no 2004. Paralelamente, o próximo presidente ou presidenta panameña acometerá no próximo quinquenio o maior proxecto de investimentos do país: a ampliación do Canal de Panamá, previsto a finalizar no 2014.

    A pesar da popularidade de Torrijos, factor que en principio debería favorecer e impulsar a candidatura de Balbina Herrera, as últimas enquisas amosan un claro consenso en outorgarlle a Martinelli o favoritismo electoral, con índices aproximados do 55% Este empresario, propietario dunha ampla cadea de supermercados, tentaría modelar unha ampla plataforma electoral, con partidos de corte centrista, nacionalista e liberal.

Unha vitoria de Martinelli suporía un cambio electoral na política panameña posterior á caída do réxime de Manuel Noriega e a invasión militar estadounidense de 1989. Dende entón, o PRD e o Partido Panameñista, herdeiro do histórico Partido Arnulfista, dominaron o escenario político nacional. Por contra, no caso de triunfar Balbina Herrera, sería a segunda muller en alcanzar a presidencia panameña tras Mireya Moscoso, presidenta entre 1999 e 2004.

Rematada a campaña electoral, tres asuntos dominaron o debate político: a alza da inseguridade cidadán, o problema do transporte público e r o impacto da crise económica global. A todo isto, a expansión do virus da influenza porcina comeza a manifestarse como un problema de saúde pública.

A economía panameña rexistrou elevados índices de crecemento nos últimos anos, con promedio do 8%, que apuntalaron os programas sociais en saúde e vivenda do goberno Torrijos. Pero as estimacións para 2009 son dun crecemento mais moderado, en torno ao 3-4% Os programas de infraestrutura viaria e o combate contra a inseguridade (no 2008 rexistráronse 593 homicidios, segundo o Ministerio Público panameño) dominaron igualmente a oferta electoral dos candidatos.

Tanto Martinelli como Herrera tentan atraer a atención dos investidores estranxeiros, especialmente de cara a apuntalar proxectos de investimentos unha vez remate a ampliación do Canal. Durante o goberno de Torrijos, segundo fontes oficiais, Panamá recibiu 2.000 millóns de dólares anuais en investimentos estranxeiros, afincando un clima estable para os negocios.

Aínda que con menos atención mediática e política, a elección presidencial panameña non pode tampouco afastarse do contexto xeopolítico hemisférico e, particularmente, centroamericano. A estabilidade democrática e económica panameña permite albiscar poucos cambios políticos a futuro, probablemente apostando por un modelo mais centrista e socialdemócrata, participando en diversos mecanismos hemisféricos de integración sen esquecer a súa estratéxica e historicamente turbulenta relación con EEUU.

Se ben o futuro político panameño a mediano prazo está enfocado entre Martinelli e Herrera, o horizonte semella apuntalar as bases do maior proxecto de investimento e desenvolvemento económico deste país, estipulado na ampliación do Canal de Panamá previsto para o 2014. Pode que este factor concentre moitas das claves electorais do próximo domingo.

2.55/5 (11 votos)



Roberto Mansilla

Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »



Anteriores...