Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Mansilla

Convulsión euroasiática

10:07 07/11/2007

A inestabilidade política semella un mal crónico no espazo euroasiático. Dende o Cáucaso ata Asia Central, a convulsión sociopolítica con resgos de confrontación armada, manifesta un área sumamente sensible para os intereses xeopolíticos globais, por ser unha ruta enerxética estratéxica e de tensións nacionais, étnicas e relixiosas.

Sen esquecer o pulso entre Irán e Occidente, este espazo xeográfico amosa tres crises de considerable ou grande magnitude na actualidade: Xeorxia, Curdistán e Paquistán. No caso xeorxiano, unha masiva rebelión opositora ao proccidental presidente Mikhail Saakasvilli pedindo a súa destitución, semella repetir outro escenario similar ao que hai poucos meses ocorreu en Ucraína.

Xeorxia foi o país que inaugurou no 2003 as chamadas “revolucións de cores” que tivo o seu impacto mais importante no cambio de goberno en Ucraína no 2004, manifestando unha delicada balanza de intereses para Rusia e Occidente. Posteriormente, Kirguizistán e o Líbano seguiron esta estela de cambios non necesariamente cara a estabilidade.

Pero o 2007 semella anunciar a era da crise destas mediáticas “revolucións”. Como ao prooccidental Viktor Yúshenko en Ucraína, o presidente xeorxiano observa a ruptura da súa plataforma política, mentres tamén se vislumbra un pulso xeopolítico entre Rusia e Occidente por manter esferas de control neste espazo caucásico e ex soviético, en gran parte definidos por ser ruta de acceso aos recursos enerxéticos do Mar Caspio.

Con Xeorxia retomando un estado de convulsión que pode ter manifestacións de tipo territorial, no caso das rexións secesionistas de Abxazia e Osetia, actualmente está definíndose un escenario de confrontación armada no Curdistán iraquí. A errática e pouco fiable política occidental volve a deixar aos curdos nunha encrucillada ante as súas demandas independentistas.

Anteriormente apoiado por Washington e Bruxelas, a posibilidade dun Curdistán independente ao norte de Iraq queda en suspenso ante o directo apoio estadounidense á ofensiva militar turca, contando co tácito apoio europeo, respaldo que conta tamén co goberno islamita turco, que tenta balancear a forte presión política dunha poderosa casta militar e unha elite laica que ven sufrindo serias derrotas electorais.

Finalmente, a crise política en Paquistán vive un momento decisivo coa proclamación por parte do seu presidente Pervez Musharraf, dun “estado de excepción” con claros síntomas de intención de perpetuidade no poder.

Control militar

Os recentes atentados en Paquistán trala chegada da ex primeira ministra Benazir Bhutto, sen que a autoría estea aclarada, trastoca os intereses de Washington e Londres neste estratéxico país, clave para conservar latente a guerra contra o terrorismo yihadista. Bhutto, rival política de Musharraf, gozaba do apoio estadounidense a fin de limitar o poder dun presuntamente alicaído Musharraf.

Polo tanto, o presidente paquistaní suspendeu a actividade do Tribunal Supremo, principal institución opositora, mentres afonda o control militar na sociedade paquistaní, con centenas de detencións en aras de preservar este “estado de excepción”.

O “autogolpe” de Musharraf amosa un escenario aínda mais delicado se tomamos en conta o avance e a fortaleza dos partidos islamitas a nivel nacional e dos grupos yihadistas e talibáns na fronteira con Afganistán, onde Occidente e Musharraf consideran está localizada a cúpula de Al Qaeda.

A posibilidade de que Paquistán se converta nunha polvoreira modificaría substancialmente o equilibrio estratéxico en Asia Central e o sueste asiático, así como o sistema de alianzas estadounidenses, que agora enfocan á India como principal socio nuclear e xeopolítico.

Xeorxia, Curdistán e Paquistán son os apéndices deste foco de inestabilidade xeopolítico que, con toda probabilidade, espallará a súa tensión se as ameazas contra Irán cobran efecto  nos próximos meses. E non esquezamos que en poucas semanas podemos asistir á independencia formal de Cosova, cun impacto aínda incerto no delicado espazo balcánico.

3.5/5 (6 votos)



Roberto Mansilla

Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »



Anteriores...