Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Mansilla

Repensar o Quebec

17:40 02/04/2007

En decembro de 2006, o parlamento canadense aprobou unha resolución histórica que recoñecía a Quebec como “unha nación dentro dun Canadá unido e federal”. Esta moción aprobada polo goberno conservador de Stephen Harper semellaba ir enfocada como elemento político de influencia cara os comicios lexislativos na provincia francófona, celebrados esta semana.

O impacto foi decisivo, xa que o péndulo político virou considerablemente en Quebec tras estas eleccións. Tanto o Parti Quèbecois, PQ como o gobernante na provincia Partido Liberal Quebequés, PLQ, recibiron un correctivo electoral que potencia o ascenso do Partido Acción Democrática do Quebec, ADQ, unha agrupación de centro-dereita que avoga por unha maior autonomía para Quebec pero dentro dun Canadá federal.

O gobernante PLQ terá unha pírrica maioría (32,9%) fronte o ascendente ADQ (30,9%) e un PQ estático (28,4%) Os ecoloxistas (3,9%) e o partido Quebec Solidario (3,7%) poden contribuír a desnivelar a balanza nunha etapa que augura históricos reacomodos políticos. Por vez primeira en 129 anos non existirá un goberno maioritario en Quebec, engadindo complexidade aos futuros pactos políticos que determinarán cara onde se dirixe este péndulo.

Obviamente, a opción do ADQ foi a sorpresa mais relevante dun proceso electoral que evidenciou o desgaste político dos independentistas e a fraxilidade dos liberais á hora de manter o seu goberno. O líder do PQ, Andre Boisclair, foi acusado por simpatizantes independentistas manter sintonía política co primeiro ministro conservador Stephen Harper.

Este factor probablemente condicionou aos independentistas á hora de ir a votar mentres persuadiu ao electorado “centrista” a optar polo ADQ e o seu líder, Mario Dumont.

Precisamente, o éxito de Dumont semella basearse no desgaste de Boisclair e o primeiro ministro liberal Jean Charest, este último firme defensor da unidade federal de Canadá. Dumont, de 36 anos, é contrario a un referendo independentista polo que a súa opción saíu adiante reforzada polo recoñecemento do parlamento federal cara a “nacionalidade” de Quebec dentro de Canadá.

Con estes resultados, o partido de Dumont, cuxas críticas ás “excesivas concesións” cara os inmigrantes levantan serias suspicacias, ocupará uns 40 asentos dos 125 do parlamento quebequés, obrigando ao PQ e aos liberais á concertación dun probable pacto político parlamentario.

Pero, a efectos da situación autonomista dentro da provincia, a opción de Dumont de “afirmarse sen separarse” pode representar para Quebec unha modalidade mais acorde co goberno federal canadense de Harper e a súa inédita resolución parlamentaria. En conclusión, un nacionalismo “light” e ambiguo, de marcado carácter conservador, que atenaza as tentativas independentistas ou de maior autonomía dentro dun Quebec cada vez mais multirracial e multicultural, a tenor do aumento da inmigración na provincia.

Velaí que estas eleccións lexislativas eran vistas polos independentistas como unha oportunidade clave para chegar ao goberno e impulsar para o 2008 un terceiro referendo autonomista, tralos fracasos de 1980 e 1995. Segundo as estatísticas antes dos comicios, os independentistas movíanse nunha balanza entre o 35-40% da preferencia electoral quebequesa.

Pero esta dura derrota electoral obrigará ao PQ a modificar as súas estratexias e, probablemente, a prescindir dun Boisclair cuestionado polas bases do seu partido e agora mais debilitado politicamente. Polo tanto, o referendo autonomista deberá esperar, dentro dunha etapa marcada pola incerteza.

Quebec sempre foi observada como unha referencia para os procesos autonomistas e os nacionalismos periféricos dentro do hemisferio occidental, especialmente para Porto Rico, Euskadi, Cataluña, Bretaña, Gales e Escocia. Pero os recentes resultados lexislativos obrigarán a repensar cal opción será mais acorde para o que necesita Quebec e o seu futuro. A célebre alegoría independentista de Charles De Gaulle en 1967, “Vive le Québec libre!”, non será, polo de agora, unha realidade.

3.6/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Roberto Mansilla

Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »



Anteriores...