Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Mansilla

Outra orde global

09:33 10/09/2008

Cómpre observar con atención a mobilidade diplomática que veñen realizando diversos líderes e dirixentes, a través de recentes xiras internacionais que poden ofrecer interesantes sinais de cambios de poder nas relacións internacionais.

A primeira semana de setembro foi sumamente prolífica no apartado diplomático internacional. O presidente boliviano Evo Morales realizou unha visita a Teherán, onde concertou diversos acordos enerxéticos, políticos e comerciais co presidente iraniano Mahmud Ahmadíneyad. Morales devolvía así a visita realizada polo mandatario iraniano a Bolivia a comezos de 2007.

Paralelamente, o presidente venezolano Hugo Chávez visitaba África do Sur, concretando non só importantes acordos bilaterais nos eidos enerxético e tecnolóxico senón como marco de preparación para o II Cumio África-América Latina, a celebrarse en Caracas en novembro próximo. A aposta venezolana por África é notoria, debido a que constitúe, tras Brasil e Cuba, o terceiro país latinoamericano con maior número de embaixadas neste continente, un total de 18 representacións diplomáticas.

Observar os respectivos e inéditos cumios Irán-Bolivia e Sudáfrica-Venezuela dan a entender a proximidade dunha revitalización da cooperación Sur-Sur claramente deseñada para configurar outra orde global. Nesta nova perspectiva, similar á conducida polo Grupo dos Países Non Aliñados desde 1955, aínda que basicamente sen manifestar un compromiso de corte ideolóxico, os países do Sur aumentan as súas demandas de asociación e cooperación, a fin de exercer con maior coherencia unha voz de influencia no escenario internacional.

Esta cooperación Sur-Sur afronta diversas perspectivas, especialmente traducidas na conformación de bloques de países considerados como “potencias emerxentes”. Son, principalmente, os casos de Brasil, Rusia, India, China e África do Sur, reunidos nunha plataforma que ven funcionando desde 2003, ao que se poderían engadir outros países con activa diplomacia internacional, como son os casos de Irán, Venezuela e México. Este discurso aposta polo multilateralismo e a conformación dun mundo multipolar non hexemónico.

Mentres o Sur esperta novas formas de cooperación dentro do escenario internacional que está a configurarse, non menos significativa é a xeopolítica global que Washington segue a impulsar no concerto internacional.

A histórica visita a Libia da secretaria de Estado Condoleeza Rice, realizada o 5 de setembro (con obvio carácter de apertura enerxética e aproximación xeopolítica) confluíu coa xira do vicepresidente Dick Cheney por Xeorxia e Ucraína, en clara demostración da aposta estadounidense por expandir o seu escudo antimísiles e a OTAN ao espazo ex soviético.

Esta fase expansiva estadounidense cara dous países estratéxicos como Xeorxia e Ucraína (esta última inmersa nunha indefinida crise política interna) incrementa a percepción en Moscova de crecente ameaza occidental dentro da súa periferia, destinada a afastar a posible influencia rusa neste espazo xeográfico.

A recente crise caucásica permitiu observar o retorno da posición de Rusia como potencia global, dirixida a amortecer o unilateralismo hexemónico estadounidense así como a expansión das súas prioridades xeopolíticas, defensivas e enerxéticas na periferia rusa. Este retorno ruso comulga coas demandas de creación dun mundo multipolar, expostas por potencias emerxentes como China, India, Brasil e Irán.

A fin de contrarrestar a ofensiva occidental, Moscova responde reproducindo anteriores imperativos xeopolíticos, confeccionados dentro deste novo pulso con EEUU. Un caso característico o constitúen as cartas rusas dentro da periferia estadounidense. Así se constata o apoio de Venezuela e Nicaragua á ofensiva rusa en Xeorxia, incluso coa declaración do presidente nicaragüense Daniel Ortega a prol das independencias de Osetia do Sur e Abxazia.

Paralelamente, Rusia volve a centrar o seu interese en Cuba, especialmente dende a perspectiva comercial e enerxética. Coa Venezuela de Chávez, Moscova posúe importantes acordos enerxéticos e militares, nos que tamén se inclúen China e Irán.

No caso chinés, é tamén relevante a súa aposta con Venezuela no eido comunicacional, co próximo lanzamento dun satélite venezolano con tecnoloxía chinesa, previsto para o mes de outubro. Pola súa banda, Irán está dando curso a unha activa diplomacia con Venezuela, Bolivia e Nicaragua, especialmente nos eidos enerxético, comercial e político.

De cara aos próximos comicios presidenciais estadounidenses, onde os candidatos Barack Obama e John McCain afondan na perspectiva de recuperar “a credibilidade e o poder global de EEUU”, cómpre resaltar estes cambios embrionarios no sistema internacional. Pode que 2008 ilustre o ascenso dun novo sistema internacional de posguerra fría, caracterizado por un escenario de manifestacións bipolares e multipolares, con cada vez menos capacidade unilateral e con múltiples actores en cuestión.

3.73/5 (11 votos)



Roberto Mansilla

Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »



Anteriores...