Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Mansilla

Conta atrás en Tegucigalpa

09:24 05/10/2009

A piques de rematar o prazo de dez días outorgado polo presidente de facto Roberto Michelletti ao goberno brasileiro para entregar ao presidente lexítimo Manuel Zelaya, refuxiado na embaixada desde país en Tegucigalpa, a opereta hondureña comeza a manifestar síntomas de cambio de temón.

O pasado 1º de outubro, a Corte Suprema de Xustiza, que avalara o golpe contra Zelaya, derrogou os draconianos e ilegais decretos de Michelletti de suspender varias garantías constitucionais, como a liberdade de prensa, e que provocaron danos aos canais críticos co golpe, así como unha maioritaria repulsa na sociedade hondureña e a comunidade internacional. Igualmente, aparecen fisuras dentro do goberno de facto en Tegucigalpa, ante a oferta de diálogo e negociación exposta por Zelaya e Brasilia.

 Atrapado nun labirinto causado por el mesmo, Michelletti naufraga en augas turbulentas, dando “paos de cego” e ofrecendo saídas políticas inconcibibles, tales como renunciar á presidencia a cambio de entrega de Zelaya á xustiza hondureña. Aparentemente illado, sen saber con exactitude se ten o apoio unánime dunhas Forzas Armadas cada vez máis sinaladas de violar dereitos humanos e fortalecer a represión, a Michelletti se lle esgota a súa estratexia de “queimar tempo” ata unhas eleccións presidenciais, pautadas para o próximo 29 de novembro, cada vez máis observadas con desconfianza dentro e fora do país.

Tanto como Michelletti queima as súas últimas cartas, as opcións de Zelaya non son tan boiantes como se estiman. Ten un indubidable apoio popular no seu país e o recoñecemento exterior da súa legalidade presidencial. Pero a prolongación temporal da súa presenza na embaixada brasileira pode afirmar un esgotamento maior para Brasilia, principal colaborador de Zelaya xunto ao goberno venezolano. E tampouco está claro qué sucederá no caso de que progrese o diálogo anunciado co goberno de facto.

A entrega por capítulos desta historia non rematará tan rapidamente, mentres a conta atrás cara o prazo outorgado por Michelletti e as próximas eleccións incrementa o nivel de tensión que pode espallar un enfrontamento violento se non se impoñen os necesarios canais de diálogo entre todos os actores. Todos os escenarios están abertos pero aparentemente sen ningunha solución á vista.

3.4/5 (5 votos)



Roberto Mansilla

Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »



Anteriores...