Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Mansilla

Operación Curdistán

13:30 19/10/2007

A tantas veces anunciada invasión militar turca ao Curdistán iraquí esperta inquedanzas que, moi probablemente, resultarán nunha súbita alteración das alianzas e do equilibrio estratéxico ata agora existente en Oriente Próximo.

O “pobo invisible”, como o denomina o experto en temas curdos Manuel Martorell(1), volve a atoparse nunha delicada encrucillada. A aparentemente garantida autonomía de facto do Goberno Rexional do Curdistán (GRC), ao norte de Iraq, deberá definir agora unha serie de delicados equilibrios xeopolíticos que involucran directamente a Turquía, Iraq, EEUU e Europa e, indirectamente, a países como Rusia e Irán, con implicacións no contorno xeográfico euroasiático e de Oriente Próximo.

Unha primeira aproximación define unha aparente sintonía de intereses entre o primeiro ministro turco, o islamita Recep Tayyip Erdogan, e o seu establecemento militar, factores de poder na Turquía actual, que mantiñan un duro pulso político nos derradeiros meses, decantado electoralmente a favor de Erdogan.

A moción parlamentaria contundentemente aprobada polo partido islamita AKP, con maioría na Gran Asemblea Xeral turca, secundada co apoio de diversos partidos laicos e nacionalistas de esquerda e dereita, evidencia este “pacto de necesidade” entre Erdogan e o xefe do Alto Mando Militar, o xeneral Yasir Buyükanit.
Principal rival de Erdogan nos derradeiros meses, Buyükanit viña ameazando cunha invasión militar ao Curdistán iraquí para acabar coa guerrilla do Partido dos Traballadores do Curdistán (PKK). Paralelamente, Buyükanit sorprendeu a Occidente con declaracións tendentes a variar a xeopolítica turca cara países como Rusia, Irán e China.

Buyükanit facíase eco da frustración turca polo retraso da admisión na Unión Europea e pola política exterior estadounidense, que sempre observou a Turquía (membro da OTAN desde 1952), como un estratéxico aliado político e militar. A moeda de cambio experimental para manifestar este descontento semella ser o Curdistán.

A Turquía interésalle máis o control das suntuosas reservas petroleiras e hidráulicas do Curdistán iraquí que a posibilidade de que un Curdistán independente ao norte de Iraq exerza unha influencia poderosa nos 20 millóns de curdos que habitan en Turquía, que tampouco é un factor secundario.

Neste aspecto, Turquía manifesta unha similitude de intereses co goberno iraquí, que ten como presidente a un histórico líder curdo, Jalal Talabani. Bagdad, que non apoia a case probable invasión militar turca, teme tamén perder os recursos enerxéticos do Curdistán.

O Curdistán iraquí posúe o 50% da produción petroleira iraquí e o 30% das súas reservas, especialmente localizadas na rexión de Kirkuk. Esta rexión espera celebrar nos próximos meses un referendo autonomista que lle permita á GRC controlar as reservas petroleiras.

En agosto pasado, a GRC promulgou unha lei que lle permite negociar coas multinacionais a explotación deses recursos, moción lexislativa declarada como “ilegal” en Bagdad pero que non obstaculizou os investimentos de empresas como Hunt Oil de Texas, Heritage Oil ou Peranco.

Tanto como as súas reservas, o Curdistán turco e iraquí é o territorio de paso dos grandes proxectos de oleodutos e gasodutos que parten do Mar Caspio ao Mar Mediterráneo e Occidente, atravesando territorio turco.

O papel de Estados Unidos e Europa
Qué papel xogan EEUU e Europa? Os seus respectivos rexeites á invasión militar turca descifran unha serie de inquedanzas sobre a evolución e a dinámica de Turquía dentro dunha nova xeopolítica dirixida cara Oriente Próximo e outros aliados, como Rusia e Irán.

Para Europa, esta invasión militar turca complicará os mecanismos de admisión á UE, mentres podería axitar socialmente a numerosa diáspora curda residente nos países europeos.

Para EEUU, o asunto é máis complicado: Turquía é un socio militar importante tanto no esforzo de posguerra en Iraq como nunha tentativa de confrontación militar contra Irán. En ambos escenarios, Ankara amosou o seu descontento coa perspectiva estadounidense.

Para complicar o asunto, un comité do Congreso estadounidense recoñeceu oficialmente o “xenocidio armenio” de 1915, irritando aos turcos e provocando que o propio presidente George W. Bush rexeitara tanto esta declaración como os plans militares turcos de invadir o Curdistán iraquí.

Todo este crítico panorama ocorre simultaneamente á visita do presidente ruso Vladímir Putin a Teherán, onde concretou unha alianza de países do Mar Caspio, como Kazajstán, Turkmenistán e Acerbaixán, para apoiar o programa nuclear iraniano e impedir a utilización dos seus territorios para atacarlle, en clara advertencia a Washington. Os cinco países pasaron por alto a decisión turca de invadir o Curdistán, co cal semella manifestar un tácito apoio aos cálculos xeopolíticos turcos.

Xa que logo, o Curdistán encerra moitas claves xeopolíticas. O problema segue a ser que o soño curdo de posuír un Estado independente (e o seu futuro) esmorece, coma sempre, dinamitado polos intereses dos actores esóxenos.

4.63/5 (8 votos)



Roberto Mansilla

Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »



Anteriores...