Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Mansilla

Con Irán na recámara

14:30 26/05/2009

Barack Obama e o primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu sostiveron a semana pasada na Casa Branca a súa primeira reunión formal, de cara a formular determinadas perspectivas sobre o novo contexto xeopolítico existente en Oriente Próximo. Un enfoque que ten a Irán como o epicentro da atención para Washington e Tel Aviv.

Mentres Obama e Netanyahu departían os seus respectivos puntos de vista, completado cun encontro estratéxico estadounidense-israelí no Pentágono, Irán amosaba ao mundo o lanzamento do seu mísil Sejil-2, con capacidade de alcanzar territorio israelí a 2.000 km. de distancia.

Con isto, Teherán lanzaba unha dobre mensaxe, obviamente dirixida a Obama. Washington está a piques de anunciar unha nova estratexia global para Oriente Próximo, que se realizará dentro de quince días nun cumio no Cairo. Un momento que coincidirá coas eleccións presidenciais iranianas do próximo 12 de xuño, onde Ahmadíneyad se xoga a reelección dentro dunha complexa conxuntura.

Trala oferta aperturista realizada en abril pasado por Obama a Teherán, diversos escenarios comezaron a abrirse en Oriente Próximo. Os receos de Netanyahu ante esta apertura evidenciaron os temores de Tel Aviv de quedar relegada nas preferencias estratéxicas do novo goberno estadounidense, percibido en Israel como un claro punto a favor para o seu “inimigo” iraniano. Razón pola que o novo goberno de corte ultradereitista en Israel asomara a urxencia de orientar unha iniciativa inmediata, de claro carácter político e militar.

Mentres Irán avanza na concreción do seu programa nuclear (diversas análises predican que logrará alcanzalo a curto prazo), nun contexto global onde Corea do Norte volve a pulsar o botón atómico, Netanyahu necesitaba asegurar as súas “frontes”, definidas especificamente no compromiso de Obama para financiar o programa antimisilístico Arrow-3, valorado en US$800 millóns. Tras meses de temores israelís por non concretar este compromiso militar estadounidense, tomando en conta os recortes orzamentais de Obama ante a crise económica, Netanyahu finalmente logrou o aval de Washington para financiar a metade deste programa.

Estes pactos e compromisos anuncian unha nova carreira armamentística para Oriente Próximo. Os Emiratos Árabes Unidos, país considerado por Israel como “aliado” dentro do mundo árabe, tamén anunciou a súa intención de dotarse dun programa nuclear “defensivo”, claramente deseñado con respecto a Irán. Pola súa banda, Arabia Saudita e Exipto, outros aliados israelís, poderían ampliar esta perspectiva.

Con isto, unha especie de “fronte iraniano” estaríase conformando na zona, un aspecto moi relevante a tomar en conta por Obama no próximo cumio do Cairo. Resta por ver se o énfase israelí en atraer a atención de Obama cara a “ameaza iraniana” se concretará na medida en que se clarifica o panorama electoral e político en Irán, con ou sen Ahmadíneyad no poder.

Igualmente, debese medir se este énfase israelí de contención a Teherán non terminará ocultando problemas mais complexos para a paz en Oriente Próximo, como Palestina e o Líbano, país que celebrará eleccións lexislativas o próximo 7 de xuño, co movemento islamita Hizbulah con gran favoritismo electoral. Outros aspectos a ter en conta son Siria, tradicional aliado político e militar iraniano, cuxos contactos informais con Israel, auspiciados pola diplomacia turca, atópanse parcialmente paralizados, e a interminable posguerra iraquí, con capacidade expansiva para desestabilizar aínda mais a rexión.

Camiño doutro cumio global, veremos se Obama volverá a convencer coa súa palabra presentando unha estratéxica iniciativa que permita adoptar un necesario cambio de enfoque en Oriente Próximo. Polo pronto, Netanyahu e Ahmadíneyad xa amosaron as súas cartas. Obama debe agora definir, sen prexuízos, cales son as súas.

4.5/5 (2 votos)



Roberto Mansilla

Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »



Anteriores...