Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

Chámome Adolfo... Adolfo Domínguez

09:27 22/02/2010

Vaia por diante que o empresario Adolfo Domínguez ten dende hai tempo a miña admiración. A comezos dos 70 puxo en marcha un proxecto téxtil e corenta anos despois é un valor que cotiza en bolsa e ten puntos de venda por medio mundo. El e mais Amancio Ortega foron quen de poñer no mercado un producto diferenciado, e facelo con éxito nun sector tan competitivo coma o da moda. Intentárono moitos outros na Galiza e quedaron no intento. Seguramente porque non foran os primeiros, ou porque lles faltou afouteza e determinación, ou porque non souberon. Se cadra, porque non tiveron a dose de sorte necesaria.

A diferencia de Amancio Ortega, o xastre de Trives sempre tivo querencia por facerse ver e facer público que o seu mundo non comezaba e remataba no fío e na agulla, senón que abranguía calquera eido do espírito humano: escribiu un libro, produciu unha película e de cando en vez apareceu nos medios disertando sobre arquitectura, filosofía, política...Un home da Ilustración, que se di. E nestes días que pasaron, armouna facendo pública a súa opinión sobre as medidas para saír da crise económica, asemade atacaba os alicerces do estado de benestar. Entón a miña admiración ensombreceuse e converteuse en simple repulsa ante tamaña incoherencia, soberbia e ingratitude.

El creou a súa empresa a comezos dos setenta e foi medrando (a empresa, quero dicir) canda o Estado de Benestar, e acadou o cume sen botarse fóra del. Os seus traballadores eran súbditos do Estado de Benestar, ó mesmo ca os consumidores dos seus productos. E para daquela, o pérfido Estado do Benestar non era un atranco. Nin foi un atranco cando lle arderon as instalacións fabrís e a Xunta lle botou unha man cos cartos de todos nós. Nin foi un atranco cando na época dourada do téxtil galego –os felices 90, cando o sector era a proa do dinosauro-, chovían cartos a mancheas para desfiles en París, pasarelas aquí e feiras acolá, publicidade nos medios, e todo un mostrario de estudios –a metade inventados-: de mercado, de reorganización empresarial, de innovación tecnolóxica, de agullas sen fío, etc. E este mar de cartos viñan dos petos de galegos, madrileños, franceses, alemáns,... todos eles sufridores membros de Estados de Benestar que mercaban o 100 por 100 da súa producción. Porque non creo que lle mercaran moitas prendas os bosquimanos ou os rusos de Rusia.

Se ó Adolfo xa non lle vale o Estado de Benestar, e supondo que non avoga por un Estado de Malestar, podemos inferir que está pola labor dun Estado de Estar. Así, estar a secas, nin ben nin mal e que Deus reparta sorte. Coma cando andabamos polas árbores choutando de póla en póla. Di un refrán de vello que é de ben nacido ser agradecido. Como Adolfo semella non selo, non estaría fóra da lóxica concluír que é un mal nacido. Pero eu non penso dicir cousa tan grave de ninguén.

4,9/5 (40 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións