Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

O noso é chuzar

09:00 07/06/2009

Após das imaxes dos seres queridos quizais sexan os estereotipos un dos elementos mais abundantes no cerebro humano. Herdeiros dos mecanismos desencadeantes innatos do mundo animal, os estereotipos cumpren a función de aforrarlle traballo ó cerebro en cousas menores, e así poder concentrar as súas sinapses en tarefas de mais transcendencia.  Sen estereotipos, a Isaac Newton non lle daría o corpo para deitarse debaixo das maceiras a mirar como caían as mazás, nin os descubridores do punto Gz do Ciclo Económico chegarían a onde chegaron.

Hai infindos e variados estereotipos —tantos coma imaxes simplificadas da realidade poidamos ter—, que poden facer referencia a persoas, animais, cousas ou conxuntos de calquera deles. Dentro destes últimos encadrariamos o estereotipo “bloqueiro”, que non fai referencia ós constructores de bloques de formigón, senón a todo homínido militante ou simpatizante do partido político Benegá, e que fica caracterizado como persoa túzara, atolada, sucia, mal vestida, antisocial, de beleza esparexida (fea, nunha palabra), roñona, de posibles escasos, protestona,...etecé etecé. Penso que os nados baixo o estigma bloqueiro sería ben que coñeceramos como nos imaxina o resto da xente, e decidir se acordamos con esa imaxe e, no caso de que non, poñer os medios para ila cambiando.

O outro día abordoume un labrego baloutés e cun aceno de certa urxencia díxome que que esperabamos para armar bulla co tema do leite, que lle están dando cartos ós bancos, ós fabricantes de coches, e a maría santísima, ¡e ós gandeiros que os parta un raio...! Eu, que daquelas horas aínda levaba o croasán-crianza do Currás a medio asentar, xuntei a miña mellor educación e solteille: ¡Anda, ide rañala contra un valado!...Hai dous meses non valiamos para gobernar e agora ¿vesnos pedir que protestemos por vós? Coma se non dera creto ó que estaba escoitando, o paisano agrandou os ollos e abriu os brazos para exclamar: ¡Pero se eso é o voso!

4,59/5 (46 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións