Hai palabras que nada mais escoitalas fan que che percorra o espiñazo unha friaxe desacougante. Especulación é unha delas, e onde a palabra acada o seu cumio de maldición é no terreo económico.
Un especulador é un ser aborrecible, sen escrúpulos, a encarnación do mal. Incluso o capitalismo, que tampouco é que goce de moi boa prensa, pode converterse nunha atrocidade se lle engadimos o cualificativo: capitalismo especulativo. ¡Arrenégote demo!
O acto de especular é algo que caracteriza ó ser humano como tal. Non teño noticias de que os animais especulen. Cando o pequeno Simba asela unha presa nas vizosas fragas da Balouta poderiamos pensar que se cadra especula sobre o resultado da espera; pero é só un supor, xa que nin eu son un discípulo de Lorenz nin tampouco fun nunca un león.
Especular é un xeito de administrar o tempo futuro, e está nos alicerces de toda acción humana con transcendencia económica. Cando merco dúas botellas dun Rías Baixas de oferta, estou especulando sobre o prezo futuro desa mercadoría en concreto (amais de non ter cartos para comprar outro). Cando eu poño á venda o coche ou o piso (amais de ter que facelo “a collóns”) especulo sobre o seu prezo futuro, porque penso que hoxe é o mellor día, e non onte nin mañá. Especulo cando encho o carriño de botellas de aceite porque escoitei por aí (se cadra información privilexiada) que se ían disparar os prezos. E por suposto, especulo cando merco un segundo ou terceiro piso, porque penso que é un xeito de garantir o futuro dos fillos. Son un especulador, queda claro. Porén, aínda non escoitei pola rúa “Aí vai o especulador de Sucasas”.
Logo, ¿cando a xente comezaría a chamarme especulador? ¿Será unha cuestión de cantidades? Se no canto de marchar con dúas botellas de Rías Baixas, collo e cargo o Barreiros 540 de meu pai coas existencias de Rías Baixas do súper, ¿sería daquela un especulador? Home, non o sei, pero o mais probable é que non pasara de tolo ou algo así. Outro tanto ocorrería se fago o mesmo coas existencias do aceite en oferta. Pero, ¿e se no canto de dous ou tres merco 100 pisos? Neste caso penso que a opinión da xente dependería aínda de dous matices mais: onde os merco e con que cartos. Se os 100 pisos están espallados por toda Galiza e págoos cos meus cartos, probablemente pasaría desapercibida a miña especulación, xa que non fago outra cousa que modificar a miña carteira de activos –antes tiña cartos, agora teño pisos-. Pola contra, comezaríase a especular sobre a miña especulación se merco os 100 pisos en Lalín –co que acadaría unha posición de forza sobre os prezos do mercado inmobiliario-, ou se é un banco tolo quen me presta os fondos para afrontar a operación –a xente recúa diante dos castelos no aire-.
Chegados ata aquí, eu pregunto: ¿é malo especular, ou tan malo como din? ¿É a especulación culpable da crise mundial que padecemos? Xa sei que me van caer pescozadas, mais eu penso que non é a culpable, senón un sistema económico baseado nunha expansión constante e disparatada do crédito, que levou á xente a facer cálculos erróneos sobre o futuro das cousas.
Non creo que ninguén lle vaia a atacar con ningunha pescozada, señor Sucasas, nen sequera das metafóricas, que doen menos; alén de que o que dí vostede son, como se di en sermo vulgaris, 'verdades como puños'.
O problema mesmo é o capitalismo. A idea mesma de que poida existir un capitalismo 'armónico' sen 'especuladores' nen excesos é absolutamente ridícula, e só cabe na mente dos maiores pailáns e ignorantes e nas línguas dos maiores cínicos embusteiros (eses mesmos que choran agora para que papá estado veña ao rescate, e que cando a crise estexa en trance de recuperación voltarán a cantar as marabillas do libre mercado non regulado).
Querer capitalismo sen crises é parte da atitude entre estúpida e infantil que afectou a tódolos sectores sociais e intelectuais das nosas acomodadas sociedades occidentais. Ven a ser como querer auga que non molle, ou comida rica que non engorde (bendito caldo!), lume que non queime, ou escopetas que non maten. A lóxica do sistema que vivimos e co que todos estaban tan contentes é esta, e inclúe esta cara amarga da moneda. Se non lles gusta, propoñan cambiar o sistema, como fixeron outros (con pouco éxito, como se viu, anque malo será que non se acerte algunha volta) ou que calen a boquiña e se resignen ao 'lado malo' do que escolleron.
¡Que caladiño o tiñas!. ¡Sibarita!, tíraste o Rías Baixas e o aceite de oliva virxe.
Esbourou o crédito e doulle de cheo primeiro a xente e despois os banqueiros, ¡mala chispa os coma!.
Parabéns polo artigo.
Estou dacordo co artigo. Gostaría ampliar algún aspeito. Non hai moito tempo empezou a televisión a falar da especulación como se fora un delito, Nalgún caso incluso se acusou a constructores de especuladores. Fiquei abraiado. O código penal non define especulación como un delito. Sería absurdo.
A pregunta que fai o artigo ten unha moi doada resposta. As leises vixentes fixan e delimitan o proceder económico en xeral. Se merco tódolos pisos de Lalín e empezo a fixar eu o prezo de mercado, Competencia da Xunta podería abrirme un expediente e detectar se esto é así ou non (ó igual que xa fixo con varias autoescolas de vigo que ofrecían o mesmo prezo, e distorsinaban a competencia no mercado). Falando un pouco da situación económica, o Banco de España ten a obriga (así o recolle o seu regulamento) de velar polo bo facer das entidades financeiras que él mesmo manten dentro do sistema. ¿Por qué non se aplica directamente esta normativa e o seu procedemento sancionador, detectando responsables e aplicando sancións ou penas?. Descoñezoo... óptase por refundar de novo o sistema (supoño que para acabar facendo o mesmo dentro de quince anos).
Tódolos cidadáns estamos a costear un sistema bastante caro: Un sistema legal que nace da vontade popular vía parlamento, e un sistema xudicial que ten o cometido de aplicala. Que a estas alturas, despois de vintecinco anos nos estemos a preguntar estas cousas É SORPRENDENTE E PREOCUPANTE.
A MAIAKOVSKI
O problema mesmo é o capitalismo. A idea mesma de que poida existir un capitalismo 'armónico' sen 'especuladores' nen excesos é absolutamente ridícula, e só cabe na mente dos maiores pailáns e ignorantes e nas línguas dos maiores cínicos embusteiros
Non estou dacordo. Nego a maior. Qué é capitalismo armónico?. Sen especuladores?.
MAIAKOVSKI, non hai capitalismos armónicos ou fora de tono. En qué tono os queres tí?. O que hai é un sistema legal que todos coñecen e que nos da seguridade xurídica do que podemos e do que non podemos facer. A partires de ahí o que incurre en ilegalidades sabe a que está xogando... Ah, claro... que os xuices as veces non son independentes e están vinculados ó poder político e económico. ESE É O PROBLEMA, NON O CAPITALISMO.
Sen dúbida, un bo artigo para a reflexión. Máis, eu penso que a especulación é o altar do capital. E coma diría Voltaire: o interés o seu perfume. Quizabes a especulación non sexa por se mesma e sóa a culpábel da crise mundial que padecemos, pero axuda ao capitalismo. Chegados a iste ponto tería en conta iste proverbio anónimo: “Ao home que fai fortuna nun ano habería que aforcalo ao cabo de doce meses”. Quero dicer con isto que, o espazo tempo e a especulación van collidos dan man. Vde. mesmo o dixo: especular é un xeito de administrar o tempo futuro.
Polo demáis, penso que o artigo non ten desperdizo para os tempos que nos está a tocar vivir. Espero que sexa lido por moita xente e nos faga cavilar un chisco a todos.
Esta é a viraxe BNG encol do tixolo e afíns?
Que ao mellor non é tan malo especular?
Eu entendo por especular mercar un terreo barato, manipular ilicitamente a súa cualificación e vender ou construir sobre o terreo obtendo beneficios que non se terían sen a recualificación.
A consellería de vivenda está EXPROPIANDO terreos para parques industriais e polígonos de vivenda protexida, mercando a prezos ridículos, cinco, dez, vinte euros, terreos cultivables, edificables ou forestais; recualificando e vendendoos ou poñendoos en mans de promotores privados. E a legalidade da recualificación paréceme dubidosa: estase a gobernar do xeito máis sinxelo, cargando o peso sobre a parte máis debil
Cando o lector de VIEIROS vaia por Lalín e vexa a Suqui e Pío de conversa cunhas cuncas de viño, que se poña a tremer co seguinte artigo...
Carl, algo escoitei de que van facer pública a súa relación...
#6 Por certo, lura, quen é o TIXOLO?
Moi bo artigo, coma todos os seus.
Mais que especulación si ou non, o que eu creo é que non se está baseando a economía en cousas "reais", non se comercia ou especula con patacas ou cravos por dicir algo.
Senon que cada vez mais se comercia con "papelinhos" que son pasados de man a man (de cando en vez paran un pouco para facer un rolinho co que aspirar unha "raia", eso si) e se crean cartos cun toque do rato.
Ainda que tampouco lles sei moi ben como vai isto da economía.
Permíteme opinar sobre o que eu penso que é o termo económico especulación.
Para min especular é "comprar a baixo prezo e reter unha mercancía para a súa venda posterior, esperando, e se se pode provocando, unha subida de prezos para obter unha ganancia"
Comprar, como fixo moita xente coa folga de transporte, carros cheos de aceite ou iogures, para o consumo propio, para min non é especular, aínda que tampouco é de xente solidaria. E de xente egoísta que se deixa levar polo medo.
Nestes casos, os vendedores deberían de prohibir comprar máis de certas unidades, ou cobrar máis. Por exemplo. "Se leva dous cobrarémoslle tres"
Comprar pisos, para investir, non para uso propio, e telos baleiros ata que suban moito os prezos e entón vendelos é unha forma de especular que teñen os cidadáns da pé e para min é "un pecado" coa cantidade de xente que hai sen vivenda. Polo menos polos en aluguer.
Deberían de pór fortes impostos aos pisos baleiros e ás ganancias inmobiliarias. Non se poden permitir subidas de dous díxitos nun ano, cando o IPC está sobre o 4%
Comprar accións esperando que suban e vendelas, tamén é especular, pero polo menos aquí non se prexudica a terceiros.
A especulación que fan os mono-oligopolistas, os países produtores do petróleo, sen ir máis lonxe, reducindo produción para subir os prezos ou escondendo mercancía de consumo de primeira necesidade, materias primas, medicamentos e alimentos, non só é un pecado, é un crime contra a humanidade e debería estar castigada con fortes multas e penas de cárcere.
Como ves Von Mises, aínda que non están moi claras as diferenzas entre especular e investir, eu creo que as hai.
Na especulación o comprador intervén, directa ou indirectamente nesa subida de prezos. No investimento non.
Na especulación búscase a subida do prezo, no investimento búscase máis os intereses e as rendas periódicas.
Eu creo que na crise financeira das hipotecas subprime houbo moita especulación, pois se prestaba diñeiro moi por encima dos prezos dos pisos, descontando un prezo futuro, froito da especulación. Se engadimos que esta xente non tiña en moitos casos, nin avais nin traballo seguro para poder pagar esas hipotecas, vaise facendo crecer a bóla de neve que nos está esmagando a todos.
Parabens polo artigo e dille ao teu pai que comprar dúas botellas de Rias Baixas non é especular. Pois xa sabes que unha non chega a nada.
Ademais se as retén moitos anos, se lle avinagran.
O outro día andaba un ruxe-ruxe aquí pola mariña que poñía a Sucasas e Cuíña (e algún outro opinador de Vieiros)como punta de lanza dunha operación tipo "Coalición Galega". E eu veña a dicirlles que non vía a ningún dos dous como punta de nada...
Carallo Suqui! seica vas a deixar o BNG para ser punta de lanza de CG... como se enteren os teus amigos da UPG temos lío a vista. En canto a min, señor condedelrio, non perda vostede o tempo con esos "texemanexes..."
Cada un ten unha opinión distinta do que é especulación. No caso de querer prohibila, qué prohibiríamos exactamente?.
Vexo que a xente está un chisco despistada.
BARCELOS, a especulación non consiste en influir na suba de prezos, porque eso non o pode facer case ninguén, agás a OPEP, e poucos máis (ese é outro tema, non penso que o poidamos mudar). Do que estamos a falar, penso, é da posibilidade ou do dereito, de calquera de nós de invertir unha cantidade de diñeiro coa espectativa (evidentemente) de que se gane máis diñeiro. Eso non se pode prohibir. Porque eso facémolo todos tódolos días (incluso supoño que é o que pensaría o primeiro primate que decidiu baixar das árbores, arriscando a súa vida, sí, máis podendo acceder a un novo tipo de alimentos).
Outro caso distinto é se empresas que fan esto poden influir na liberdade económica ou no normal funcionamento da competencia. Insisto, para eso está a Ley que nos fai a todos iguais.
Unha cousa é acaparar e outra ben diferente especular:
ACAPARAR v.t. 1. Xuntar e reter [artigos de consumo] en cantidade excesiva ante a posibilidade de que vaian escasear, xeralmente para vendelos despois máis caros. Foi acusado de acaparar alimentos durante a guerra. 2. fig. Ocupar [algo] ou coller para si en exclusiva, sen compartilo cos demais. Aquela noticia acaparou a atención do público. SIN. centrar.
A película acaparou tódolos premios do festival.
ESPECULAR v.i. 1. Pensar detidamente [nun asunto de certa complexidade, polo xeral de carácter abstracto], tratando de atoparlle explicación. Especular sobre a natureza humana. 2. Dar como posible, baseándose en certos indicios, a veracidade dunha hipótese acerca [dun suceso determinado]. Especúlase sobre a súa fuxida ó estranxeiro. 3. Realizar operacións comerciais ou financeiras baseándose na previsión ou no coñecemento dos cambios que van experimenta-los prezos. Especular en bolsa. 4. Realizar negocios ilícitos con ánimo de lucro aproveitándose dunha posición social ou política privilexiada. Especular en terreos.
O artiguista fixo dúas cousas mal, acaparou viño e aceite, especulou tentando facerse o amo de Lalín (non sei se tivo información privilexiada ou non).
Polo que ten a condena de beber durante un ano Mencia ou Godello, para que deixe as costumes da elite local do BNG.
Dende fai un ano o BCE leva subindo os xuros, os bancos restrinxindo o crédito. Fai uns seis meses a débeda (papel) que se negocia nos mercados financeiros de algúns bancos non tivo quen a mercara, iso supón que o seu valor é cero. Despois veu o que veu.
Leva camiño Sr. Sucasas de atoparse un día diante da súa casa “Sucasas for Mayor” ;-)
Home, Barcelos eu non sei moito de economía pero dicir que a compra-venda da accións non prexudica a terceiros paréceme que non é correcto. O que non prexudica a terceiros é o tute ou a "escoba " de dous aínda que xoguen todo o seu capital, porén os que xogan ás cartas son xogantíns mentres que os que xogan á bolsa son inversores. Cousas dos eufemismos.
Polo que respecta á Sucasas, ten razón Edreira pois cando se xunta con ese elitista de Pío toma "bifiter" con tónica en vez do patriótico augardente de herbas
Sucasa, é vostede un grande! cando queira tazas está convidado na costa da morte.
Señor martin32, tómolle a palabra e tómolle as tazas, que é o que imos levar deste mundo.
Señor salvora, ¡que lle podo dicir!, ben sei que non me convén andar con Pío, mais o amor é cego...
Xa da noxo, pero vou ter que volver concordar contigo. Para mitigar un chisco esa noxenta coincidencia vou matizarche no último paragrafo:
Cando dis "que levou á xente a facer cálculos erróneos sobre o futuro das cousas"; eu diría que levou á xente a NON FACER cálculo algún.
Polo demais o de espeCULAR ghústanos moito a todos, como ben dis; incluso aos que vos poñen a Cuiña e a ti como punta de lanza. Facer faríades boa parella. Todo é poñerse...
Sairéi eu na defensa do don pío, que polas guedellas con que se adorna, ben se mira que é de lalín centro e mal vai se anda a presumir de relacións, e menos íntimas (nin quero falar do asunto, que eu cegue!!).
Acaparar é o que indica a palabra e especulación urbanística é un delito, recoñecido e amparado ou non, mais está concomitante a prevaricación funcionarial e política (ésta derradeira despenalizada, of course) e a alteración de condicionantes (legais, plan ordenación urbanística, etc.) que influen na alza dos precios ou ESPECULACIÓN URBANISTICA.
Non terqueedes máis e levade a tomar algo ás von Mises esas, que sempre vos pode ser millor (!!), ou?
José Luís Sucasas Fernández naceu en 1959 en Cadrón(Lalín). Economista e enxeñeiro técnico informático, concorreu en 2003 e 2007 nas listas do BNG do seu municipio. Como escritor publicou dúas obras: O paxaro que ninguén ve (2002) e Soñaron buratos na terra (2003).