Vieiros

As linguas suman
Vieiros de meu Perfil


"OTRA VACA EN EL MAIZ"

O día que toleou Virginia R. Mateos

09:50 01/07/2008

Eran as sete da mañá. Era martes 24 de xuño. Entre grolo e grolo do café con leite de máquina estaba eu a ler o FARO dese día. Coma sempre, só reparaba nos titulares das novas e non en todas. Ata que cheguei á carta que unha lectora lle mandaba á Redacción, e alí enfociñei. A escribidora respondía ó nome de Virginia R. Mateos.

Dicía a individua (eu son moito de Bibiana Aído) que “el afán liberticida nacionalista no conoce límites. No contentos con haber obligado a desterrar el español escrito en Galicia, pretenden que tampoco lo hablemos…”. A esas horas recentes do día, co motor a ralentí e lagañas nos ollos, pois asusteime, que queredes que vos diga.

¡Era visto! ¡Os meus amigos do Bloque aló van no monte, coas escopetas da armería Álvarez ó lombo e a boina estrelada ben encasquetada ata as orellas! Pensei en chamar a Quintana para que mo confirmara, pero axiña desbotei a idea por consideración a Cristina e mailas crianzas, que moi seguro durmirían daquela felices e inocentes.

Imaxinei o que me esperaba ó chegar ó quiosco da Praza Maior. Alí estarían os exemplares de A VOZ DE GALICIA, de O PROGRESO, de A NAZÓN (antes A Rexión, antes La Región, antes nada que non existía), de O PAIS; todos e con todo en galego. ¡Miña naiciña! Incluso o MARCA e mailo AS relataban en galego as patadas triunfantes da Vermella e as eternas desculpas do Fernando Alonso. Incluso O MUNDO e A RAZÓN viñan en galego, incluída a columna de don Federico, coa mesma acedume na palabra, pero en galego. ¡Meu Deus! ¿Era ou non para asustarse o que estaba pasando?

Estaba tan asustado que non era quen de volver pasar as follas do FARO e comprobar así a desfeita. Porque se Virginia levaba razón, eu viña de ler o FARO en galego e nin conta me dera. Así que xuntei as forzas necesarias, volteei o xornal e comecei a miralo dende a primeira folla. ¡Nada que vai para ningures!. A portada estaba en castelán, as follas do Deza e Tabeirós tamén, e tamén as de Galicia, España e mais as do Mundo Enteiro. E tamén as dos deportes. Incluso os mortos seguían morrendo en castelán, coma onte e antonte, coma sempre.

E logo Virginia, ¿por que dixera o que dixo? Namentres arrimaba a barriga ó mostrador para pagar, pensei que Virginia toleara e sentín mágoa por ela. A desconexión da realidade é un dos síntomas de case todas as enfermidades mentais e a pobre tiña todas as trazas de padecer unha ou de estar a piques de.

E sendo así, ¿o FARO por que publicaría a carta? ¿Tamén perdeu el o contacto coa realidade? ¿Ou é que publica todo o que lle chegue, veña de onde veña, poña o que poña?

4,69/5 (65 votos)


Comentarios (20)

Carl #1 1/Xullo/2008 Carl
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

polo grado de tolemia a "R" debe ser Ruíz da familia Mateos. Como vello amigo que son da familia Álvarez, máis pola pesca que pola caza, sei que frecuentas bastante as instalacións coa boina estrelada, mais estrelada en azul...

Aldara #2 1/Xullo/2008 Aldara
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O día que os grandes medios de comunicación do país empreguen o galego sen complexos a batalla poderemos falar dunha mínima normalidade. Mentres, Galicia Bilingüe e outras tribos falan dunha imposición marciana de non se sabe ben que.

edreira #3 1/Xullo/2008 edreira
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Coido que V.R. Mateos vive no pais de Fedeguico o Glande. Tendo en conta que nese pais Don Mariano Rajoy é definido como "maricomplejines que ha dejado en manos de la rojeria internacional los despojos de nuestra ahora fragmentada patria....". Penso que xa tes unha idea de como é o pais que che digo.
O malo non é que toleen eles o peor seria que coas súas toleadas remataran toleándonos a todos.
Saúdos dende Galiza....ou agora será Galicia?. Ou vivimos nos dous e non nos decatamos?. Quen sabe, se cadra e unha terra e dous espíritos.
Parabéns polo artigo señor Sucasas.

condedelrio #4 1/Xullo/2008 condedelrio
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Señor Sucasas,¿pero que fai tan cedo levantado? ¿E que xa non descansa na cama? ¡ui! Seica imos para vellos...

XurxoMG #5 1/Xullo/2008 XurxoMG
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Hai unha cousa que a min me chama a atención: por que non hai un xornal minimamente 'progresista' en Vigo que lle faga competencia ao Faro? A tradición xornalística progresista na cidade é inmensa até a guerra civil (de xeito continuo) e trala ditadura con algún pequeno exemplo (A Folla do Luns e Diario 16, collido todo entre pinzas).
A min fódeme pensar todas as vendas que ten o Faro, con esa ideoloxía monárquica, dereitosa, peseteira e agresiva contra os nacionliastas e mesmo co galego (sen que todos sexan nacionalistas). Moita xente que merca o Faro non o fai por simpatía con el senón por coñecer as novas da súa cidade ou comarca. Algúns deberían matinar en facerlle fronte ao Faro de Vigo e darlle resposta a dexenerados como a tal V.R. Mateos, a G. Lago e toda esa pandilla cun novo xornal de corte contrario ao Faro.

vonMises #6 1/Xullo/2008 vonMises
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Señores Carl, Edreira, Aldara e Condedelrio: cando xunte uns cartiños de "libre disposición" eivos convidar a unha pulpada, polo consideración con que tratades as miñas ocorrencias.
Unha aperta.

Carl #7 1/Xullo/2008 Carl
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

de momento a pulpada e o polo caseiro xa o poño eu o xoves. Estounos cebando ben, que comentan por aí que os "vieiros" papan a Deus...

ranciadas #8 1/Xullo/2008 ranciadas
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O que precisamos é un medio xornalísico EN GALEGO xa, que defenda os nosos dereitos. Do resto non se pode agardar nada, son prensa española e os do grupo Moll (Faro, La Opinión, etc.) son de aupa. Servos da españolidade máis cutre. Non hai que mercalos.

Cando o BNG coidará nun medio GALEGO?

edreira #9 1/Xullo/2008 edreira
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Cando un galego deixa de argallar faise un "mergullador ex cathedra" e deso por desgraza cada día temos mais, e falan, e falan, e escreben, e escreben......e nin o demo os entende. Non se decatan de que Galiza é dende a AP-9 ata o Cebreiro o outro dende que descubrín o Jujel penso que é Jalisia.
Eu poño o queixo, cando vostedes queiran.
Apertas.

ecoe #10 1/Xullo/2008 ecoe
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Bon, si tanto eres da Aído, "arnegueiro", entón serás Sucasos, que Sucasas serán elas. Haberaias tamén, ou?

ecoe #11 1/Xullo/2008 ecoe
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Non só toleou Virginia, mais temos un Sucasas para compensar a presión!

vonMises #12 1/Xullo/2008 vonMises
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Ecoe, ti tamén estas invitado. Pero se edreira pon o queixo, ti tes que poñer a orquesta.

Telleiro #13 1/Xullo/2008 Telleiro
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Que tiña que haber un xornal galego e progresista en Vigo (e non só) témolo claro...mais ú-los cartos?

Pasade pola web de Oscar Pereiro para que medite a súa adhesión ao
"Manifiesto por la lengua común".Ten cara de ser bo rapaz.

galeguzo #14 2/Xullo/2008 galeguzo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Esse meio que tanto procurais já existe: o Novas da Galiza (novasgz.com), único periódico deste país não submetido a qualquer partido político (é igual de criticado desde o BNG que por Nós-UP) ou poder económico.

O único defeito é que é mensal :p Se tendes algo mais de premura (e não vos importa luxar a vista com moreias de publicidade institucional), um jornal progresista recomendável é também A Peneira, que é quinzenal (apeneira.com).

Só uma cousa: qualquer uma destas iniciativas, que são muito modestas (sobretudo o NGZ) precisa de grandes investimentos económicos. Já sabeis: menos queixa e mais euro, laretas!

ecoe #15 2/Xullo/2008 ecoe
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Non hai dous sen tres: tras de Virginia, que xa nolo dixeron, agora o da bici de Mos e mailo estirado de Verín.

Que faga algo o Sucasas, anque sexa un ex-conxuro! ou aquí vai pasar algo con tanta EPIDEMIA

Que se extende, demo!

edreira #16 3/Xullo/2008 edreira
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Coido que este ano vai haber moitos capóns na feira de Vilalba.
O palco señor Sucasas xa o pon a Xunta, falta o viño, a empanada e unha boa queimada. Boh!, tamén levo eu a empanada. E non vos poñades farrucos, imos ter moitos mais capóns galegos de aquí o Nadal e algún deses de reviravolta e media.

TiXaMeEntendes #17 4/Xullo/2008 TiXaMeEntendes
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

parabéns polo xeito tan gráfico de describir a realidade do galego no noso País. Penso que o compromiso individual tamén é moi importante, polo que me resulta moi triste ver fillos de galegos falantes como falan en exclusiva o español

Chousa #18 4/Xullo/2008 Chousa
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Carallo! (e aquí permíteme a licencia que non sexa da Aído...), para unha vez que hai "incentivo" eu estaba mirando cara outro lado. Fáltavos o pan (de Antas) para mollar no aceite.
--Eu barrenei tamén algo semellante nestes últimos días; claro que a miña dicción semántica non é tan fluida coma a tua, pero -cada galo dende o seu poleiro- vai cantando como pode--

vonMises #19 5/Xullo/2008 vonMises
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Xa temos o necesario: pan, polbo,queixo, viño...Esto vai collendo boa pinta.
Chousa, estou ó corrente dos teus barrenes, alomenos os que fas públicos.

sophia #20 7/Xullo/2008 sophia
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Pois moi bo artigo e con moita retranca, faría gracia se non fose tan triste a situación do galego.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

José Luís Sucasas Fernández naceu en 1959 en Cadrón(Lalín). Economista e enxeñeiro técnico informático, concorreu en 2003 e 2007 nas listas do BNG do seu municipio. Como escritor publicou dúas obras: O paxaro que ninguén ve (2002) e Soñaron buratos na terra (2003).



Máis opinións