Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Hai algo alén da política e dos políticos?

23:15 09/12/2007

Todos os días aí pola mañá cedo baixo ó bar para tomar o café con leite de máquina e ler o xornal. O café tómoo para saborear o primeiro cigarro do día, e leo o xornal para comprobar que foi certo o que vin o día anterior e ás veces para saber o que vai ser certo no día que estou e nos vindeiros. Xa me ten pasado que cousas que presenciara logo non saíran no papel impreso, polo que rematei por admitir que os sentidos me xogaran unha mala pasada.

Pois ó que estabamos, hoxe estaba eu a pasar as follas do xornal cando me asaltou unha sensación desacougante. E como xa non me fío un raio da miña capacidade de discernimento, do que en realidade é ou non é, dixen para min: ”Mellor será que llo consultes ós lectores de Vieiros, a ver se eles, ou algún deles ten experimentado outro tanto ou parecido.” E así o vou facer.

O que mirei foi o que sigue. As follas de información comarcal contiñan un total de 37 novas, de tamaños variados, e un artigo de opinión. En 33 das novas aparecían, directa ou indirectamente, con ou sen foto, políticos das corporacións locais –alcaldes, concelleiros do goberno, concelleiros da oposición-. As 4 restantes facían referencia a un torneo de tute por parellas que organizaba unha cafetería, unha cabaza xigante fotografada co dono da leira, unha entrevista de dúas preguntas á dona dunha mercería de toda a vida, e a foto dun coche en estado de abandono nunha das rúas principais.  O artigo de opinión, asinado por un veciño, poñía a caer dun burro a un dos alcaldes da comarca.

Despois desta enchente política na información local, que eu achaquei á tranquilidade atávica das poboacións pequenas, metinlle o dente as páxinas de Galicia. Nada, mais ou menos a mesma proporción de políticos e política, so que agora ós alcaldes e concelleiros de toda Galicia uníanselle o Presidente da Xunta, os Conselleiros, os señores Deputados, o Valedor, os Directores e Subdirectores Xerais, os Delegados provinciais,..etc. E outro tanto aconteceu nas páxinas de España e Internacional: trocaban as albardas, pero o burro era o mesmo.

Xa desesperado, pensei: “E se non chegamos a ter políticos, os xornais non terían nada que poñer, e eu non tería nada que ler polas mañás, e onte non existiría, nin mañá nin pasado mañá...” Entón levantei os ollos do xornal e vin un señor absorto nas páxinas do Marca. Mireille para a cara e, xúrovolo, semellaba feliz admirando as avultadas coxas de Messi e lendo ata os comentarios das fotos.

4,05/5 (21 votos)


Comentarios (5)

Carl #1 10/Decembro/2007 Carl

a doble moral da sociedade, non podemos vivir sen os políticos e sen criticalos. Bo artigo, dá que pensar

condedelrio #2 10/Decembro/2007 condedelrio

Compréndoo e acordo con vostede. A sociedade civil está recuando diante dunha especie de "inflacción" política. Como ben di Carl, a cousa é para pensar.

ecoe #3 11/Decembro/2007 ecoe

A maior certeza que vostede podería tirar ó lér os xornais sería que NADA DO QUE LÉ PASÓU TAL COMO DIN.

Se ademáis ten outras certezas como que o campo de xogo que lle amosan (política comarcal e "anatómica") na realidade NON É ONDE SE XOGA DE VERDADE, pois estaría vostede BEN CERTO XA de duas cousas, coido.

edreira #4 12/Decembro/2007 edreira

O mellor o que nos fai falla José Luís e facer unha diálise mental diaria cando temos un pouco de tempo para non rematar intoxicados, senón pódenos dar un ictus antes de chegar o día seguinte.
Xa descubrimos fai tempo que hai diarios oficiais (os que publican as leis) e diarios non oficiais os que crean opinión para facelas e mantelas.
Fai moito tempo que a política deixou de ser estar o servizo da xente para ser unha profesión non regulamentada, e os profesionais necesitan para seguir coa historia os seus anacos de publicidade.
Por certo son un dos que le tódolos días un diario galego, despois tamén lle voto unha ollada o Marca, o mellor é unha técnica de relaxación subconsciente.

Chousa #5 12/Decembro/2007 Chousa

Concordo contigo J.L. na necesidade imperiosa do cafe matutino, xunto coa premura por ubicarse no tempo/espazo; pero había alguén que dicía que a prensa so trae tres verdades: a data, o prezo e mailas esquelas. Agora haberá que engadirlle que tamén a existencia dos políticos.
En todo caso eu para relaxar o subconscente, por facerlle caso a edreira, en troques do Marca, leo o interviu.
Saúdos

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



José Luís Sucasas

José Luís Sucasas

José Luís Sucasas Fernández naceu en 1959 en Cadrón(Lalín). Economista e enxeñeiro técnico informático, concurriu en 2003 e 2007 nas listas do BNG do seu municipio. Como escritor publicou dúas obras: O paxaro que ninguén ve (2002) e Soñaron buratos na terra (2003).