Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

Aí vén o Santiago de estrelas cuberto

09:30 26/07/2009

Aí ven o santiago de estrelas cuberto, o día grande da miña sogra. Escolleu tal día coma ese para nacer, hai moito tempo —non imos entrar en miudezas de canto mais ou canto menos—. Claro que podía coller calquera outro dos mais de trescentos que ten o ano, pero éche o que hai. Xa sería de xente retorta pensar que elixiu ese día a mantenta, para coutar ó seu xenro na casa e impedirlle asistir ós fastos da Resistencia nas camposas de San Lourenzo. ¡Pobre, ela que ía saber!

Hai que dicir que o xenro da miña sogra nunca foi de natureza inclinada ó balbordo das festas, feiras e mercados; pero se hai que facer un esforzo faise, e se é pola Patria asoballada xa nin che conto. Contan que estando na mili, e durante unhas manobras contra o inimigo mouro, o interfecto foi o primeiro en invadir o terreo hostil, arrastrándose polo chan con tanto denairo que atravesou a liña inimiga sen ser detectado. “Cuspidiño a un lagarto fuxindo do lume”, exclamou o sarxento mouro.

Ou sexa, que o rapaz ten valor demostrado, pero non tanto como para levarlle a contra á sogra. Ata aí chega a súa afouteza. E se ela avisa que coitado do que non asista ó seu aniversario, pois a Patria debe esperar para ocasión mais propicia. E se a eso lle engadimos o polbo de rillar, o viño de purrela e o banco corrido sen respaldo, pois que queredes que vos diga, carga o carro todo para o mesmo lado.

Con todo, o ano pasado deume visado para faltar á súa festa. Claro, corrían outros tempos, os nosos estaban no Goberno e seguramente ela cavilou que sería boa cousa deixarme ver por entre os chigres da campa sacra, porque quen che di que non cae unha Dirección Xeral ou un Negociado calquera, a poder ser todo exterior polo da luz natural. E incluso levei comigo ó seu neto meu fillo, para que se fora enchoupando co ar da resistencia. Nada que vai para ningures. De volta ó coche, colleunos un trebón e chegamos á casa da sogra enchoupados de auga ata as orellas. Pai e fillo así, coma pobres de pedir. ¡Unha mágoa!

4,8/5 (46 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións