Aló polo ano cero, aló lonxe na diáspora, onde Galicia recibía o nome de Galilea, naceu de Zebedeo e Salomé o noso apóstolo Santiago. De espírito inquedo axiña se arrimou a unha banda revolucionaria que loitaba contra o poder establecido. Apresado e executado o xefe da banda, Santiago continuou aireando as proclamas prohibidas e así foi que, un mal día día, acabou coa cabeza separada do corpo nunha chousa a medio camiño entre as casas estremeiras de Xerusalén e mailo monte Calvario.
Non se sabe cantos despois, uns familiares desenterraron o cadáver de Santiago e embarcárono nunha gamela de pedra en dirección á Terra Nai e Señora, para que os seus osos descansaran á fin en paz. Navegaron os mares mediterráneos, cruzaron en silencio o estreito de Xibraltar e viraron no atlántico cara arriba, sempre guiados polo son estridente dunha gaita de fol mal tocada. Cando estaban fronte á entrada da ría da Arousa, escoitaron o tiruliru terra dentro e decidiron remontar a ría e, como as notas eran cada vez mais altas e nidias, subiron tamén o río Ulla ata que encallaron nunha areeira, xa preto de Padrón. Esgotados pola viaxe, e constatando que xa pisaban terra santa e propia, os navegantes deron por bo o sitio e soterraron os restos de Santiago nalgún toco dos montes de por alí.
Ó bo de Santiago o descanso eterno duroulle o que tardou en dar co el un furtivo ribeirao, que lle andaba armando garamelos ó teixo, e contarlle a descuberta ó bispo Teodomiro de Iria Flavia. De aí en diante, agás folgar, o que queiras meu rei. Ramiro I montouno nun cabalo branco, armouno de espada afiada e levouno a matar mouros; Compostela púxolle no centro do pobo unha catedral para recibir consultas e apertas, e rematou por xuntar para sempre o seu nome ó do apóstolo; os Reis Católicos mandárono ás indias a matar indios; España nomeouno patrón maior e Galicia, a súa esquina noroeste, consagroulle o seu Día Nacional; Pérez Varela, o pequeno, anunciouno urbi et orbe con grave dispendio de música e foguetes. ¡E o que aínda lle queda por roular!
¡Pobre Santiago de Zebedeo, verse despois de morto convertido en pendón do poder establecido! El, que en vida non fixera outra cousa que loitar na súa contra.
Din que o xudeu que o delatou a Herodes Agripa I rematou por arrepentirse e foi decapitado. E tamén se conta que o cazador furtivo de teixos acabou os seus días co pescozo colgado da pola dun carballo, no camiño que vai e ven entre Padrón e Dodro.
As honras que a Igreja católica dedica continuamente a alguém por «matar mouros» nom é apologia do terrorismo?
E ainda falarám do fundamentalismo islamista.
Como relato de verán non está moi mal. Semella que custaba espremer unha miguiña os miolos e tirar outro magnífico artigo cos que nos tén acostumados. Debe mellorar, coma na escola.
É vostede polícromo, señor Sucasas. Non concordo con #2 barravaite, xa que para contar a historia do apóstolo tamén falla espremer os miolos, a non ser que un vivira canda el. E penso que vostede é un chisco mais novo...
Parabéns.
Vexo moita falta de fe por estas congostras...
Había 3 Santiagos:
Santiago Tadeo, irmán xemelgo de Xudas Tadeo. Non creo que este fose o apostol de Compostela.
Santiago Zebedeo o irmán de Xoan Zebedeo, que foi o primeiro dos doce que sacrificou a súa vida. Herodes Agripa temía máis a Santiago que a todos os demais apóstolos.
Santiago o irmán de Xesús. Dato que nega a Igrexa católica, pero é un feito, reflectido nos propios evanxeos admitidos pola Igrexa, que Xesús polo menos tiña 4 irmáns e un deles chamábase Santiago.
Eu non creo que ningún dos tres estea enterrado en Compostela. E se o estivese daríame exactamente igual. Pero se a lenda valeu para que a cidade teña un nome no mundo enteiro, non imos a despercidiala nonsí?
Pois eu vexo un relato bonito, sen dubida mais bonito do que me contaron a min de pequeno. Que pasa, neste país xa non temos capacidade para ironizar sobre calquera cousa, se que a xente se alporize.
Amodiño co que escrebe Sr. Sucasas, cando pasen 500 anos un rato de biblioteca atopa un dos seus artigos e xa temos San José Luís Sucasas, un home santo que loitaba contra o poder e non se alporizaba o facelo.
Prisciliano está enterrado na catedral de Santiago...
sr Sucasas, vostede non ten pinta de santo varón
Abofé que non, señor martin32. Vou tendo a de varón, que xa é algo...
Un saúdo.
Se Santiago, xudeo morto por outro xudeo, é o Matamoros. Que karalho é Jorgi Bush?
Sigo insistindo: que carallo fai un elemento coma este no BNG!
¿quen ta no BNG, o apóstolo Santiago?
Moi boa, onofresabate. ¿tarán os dous?
Home, si Simón O'Celote, era nacionalista, porque non iba a estar o Santiago no BNG?
José Luís Sucasas Fernández naceu en 1959 en Cadrón(Lalín). Economista e enxeñeiro técnico informático, concorreu en 2003 e 2007 nas listas do BNG do seu municipio. Como escritor publicou dúas obras: O paxaro que ninguén ve (2002) e Soñaron buratos na terra (2003).