Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

Economía de primeiros auxilios

12:00 05/04/2009

A crise económica na que vivimos instalados puxo e pon cada día en evidencia a unidade de criterio dos poderes públicos á hora de enfrontala: cartos a feixes para taponar os buratos que van aparecendo. Fano tódolos gobernos, tanto os de centro dereita –Sarkozy, Berlusconi, Merkel, Balkenende- coma os de centro esquerda –Obama, Zapatero, Brown-. E por moito que esbardallen dende a oposición, os Royale, Veltroni, Steinmeier, van Heemst,  McCain, Rajoy e Cameron, farían mais do mesmo. Incluso outro tanto faría Aymerich o Favorito, chegado o caso.

Esta unanimidade vén imposta pola ferocidade e amplitude da crise, afectando a case tódolos sectores e estendida pola globalización a case tódolos países. As economías nacionais semellan bocois cheos de viño acoitelados por cen sitios e con só dúas mans para deter a desfeita. E para tanta sangría e a curto prazo, os paradigmas económicos coñecidos non subministran outro remedio que o de ciscar desesperadamente cartos aquí e acolá, aínda coa certeza de que moitos deles caerán en terras ermas e cascalleiras. ¡Pero non hai outra!

Porque a solución alternativa –non intervir e deixar a cada porco a soas co seu sanmartiño- é moito peor. Esto veriámolo case todos con bos ollos  senón fora por uns efectos colaterais vulgarmente coñecidos como “parados”. ¿E que fas cos equis millóns de parados? ¿Que lles contas? ¿Que se deiten debaixo da figueira a esperar que o tempo recompoña? ¿Que lle baixas os impostos? ¡E que, se non teñen ingresos! ¿Que agarden a que as flexibilizacións de aquí e acolá dean resultado, ou a que se recupere o capital perdido? ¿E se para daquela xa morreron de fame?

Xamais debemos esquecer que o suxeito da actividade económica é o home. Non os cartos, nin as mercadorías, nin todo o santoral do PIB. E sen o home non hai Ciencia Económica. Así que, a curto prazo e se non hai outra, é preferible ter a xente facendo buratos no deserto ou limpando cunetas que boquexando nas oficinas do INEM.

4,45/5 (29 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións