Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MOVENDO O MUIÑO

Pactos versus Losada

12:23 03/07/2007

Aínda co bo talante (palabra por desgraza en franca decadencia) de Touriño e Quintana, e a súa indubidable vontade pactista, os problemas das dúas formacións que sustentan o Goberno, atenazan un proxecto que a nivel galego comenzou co aval e a lexitimidade das urnas nas eleccións autonómicas. Semella que teñan máis dificultades para ratificalo no ámbito municipal e no eido supramunicipal, tanto nas deputacións nas que o acordo da esquerda pode permitirlles gobernar, como na propia FEGAMP.

Dá a sensación de que en moitos concellos da nosa terra o BNG mira de reollo os pactos cun PSdeG que sae normalmente favorecido deles a costa do estancamento, cando non baixada, dos nacionalistas; aínda que eso non se reflicta nas cotas de poder ás que accede a formación de Quintana.

En varios concellos, a pesares de apoiar a investidura dos candidatos socialistas, prefiren seguir na oposición e non formar coalición de goberno, ou poñen moitas trabas, como acontece sen ir máis lonxe nos Concellos de Lugo e Pontevedra. Ademáis vai ser moi divertido observar como se resolve o PXOM de Vigo, sendo as posturas do PSdeG e BNG moi diferentes, tanto que os nacionalistas coincidían cos populares neste tema tan trascendente para o futuro de Vigo.

É sintomático oír falar cada dous por tres ao representante de todo aquelo que transmita negatividade á coalición bipartita: Antón Losada, o futuro (supoño) ex secretario xeral de ¿Relacións? ¿Institucionáis? O alto cargo do Goberno galego, é dicir, do goberno PSdeG-BNG, adícase case por sistema a falar mal do PPdeG (ata certo punto lóxico) mais o sorprendente é que tamén o fai do PSdeG. Se eu fose da formación socialista, tería claro que o inimigo comenza neste alto cargo do meu goberno. O que non remato de entender, é como unha persoa da valía, traxectoria e futuro de Anxo Quintana, mantén contra vento e marea a un individuo que só lle causa problemas e non aporta solucións.

Circunstancia cambiante

Quizáis Losada non sexa quen de adaptarse á circunstancia cambiante. En lugar de gobernar prefire xogar a ser o “azoute fraguiano” que tanto lle gustaba co anterior goberno. Non se decata de que incorre en comportamentos que antes criticaba dende as atalaias mediáticas postas ao seu servizo, para que a súa máis que demostrada dobre moral tivera un lugar onde poñerse de manifesto.

Supoño que Touriño non accederá ao “ruxe-ruxe” que anda por Compostela: aceptar a cambio a “cabeza” de Fernando Salgado, ao que sectores do BNG non lle perdoan o seu comportamento na época de director do xornal “El Progreso de Lugo”. Ese cambalache sería malo para a democracia e sen dúbida para a saúde da coalición gobernante, e un detonante de liortas internas que poden levalos á súa autodestrucción.

¿E o PP qué?, pois imposibilitado de pactar practicamente con ninguén, tanto a nivel estatal, como a nivel do noso País. Se eu fose o líder desta formación estaría preocupado vendo que ninguén quere chegar a acordos, sendo esto un sinal inequívoco de que ao mellor algo non se está facendo ben… ¿ou non?.

4,49/5 (167 votos)



Rafael Cuiña

Rafael Cuiña

Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).



Máis opinións