Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MOVENDO O MUIÑO

Estatuto sí, mais decidimos nós

00:05 18/06/2007

Lendo a interesante reflexión de Iolanda Díaz (á que felicito polo seu brillante artigo) sobre a reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia, coido que se aplicamos a lóxica, as posturas non poden estar tan lonxe como poida parecer.

A cuestión identitaria semella ser o gran problema para que os nosos políticos cheguen a acordos sobre un texto absolutamente fundamental para o desenvolvemento da sociedade galega do século XXI.

Realidade nacional uns, comunidade autónoma outros, nazón de Breogán, País, etc…,diferentes denominacións que representan as diversas sensibilidades sociais que existen en Galiza, e que deberán ser superadas para chegar a un necesario consenso a prol do país e non dos diferentes intereses que poidan existir nun momento político ou electoral concreto.

Se é certo que Galicia/Galiza reúne todos os requisitos para que un ente territorial poida ser considerado nazón, e a min, na miña modestia, non só non me parece mal, senón todo o contrario; mais engadirlle o termo “de Breogán” sería un esperpento valleinclanesco innecesario.

Que na sociedade actual os galegos teñamos que depender de Madrid no que se refire ás nosas costas ou que sendo a primeira potencia pesqueira de Europa non teñamos un poder de decisión máis directo, son dunha falla de lóxica aplastante, ademáis de anacronismos que o novo Estatuto debería solventar claramente, xunto cun profundo debate sobre as funcións e competencias, tanto dos concellos, como das Deputacións, e sobre a súa financiación. Pero eso só se pode facer actuando todas as forzas políticas e sociais, ademáis da cidadanía, en clave galeguista, é dicir, en clave de País e non agardando non molestar aos políticos librepensadores centralistas que pululan tanto pola rúa Ferraz como pola rúa Genova da capital do Estado.

Galicia, que accedeu á autonomía pola chamada "vía rápida" constitucional, non pode nin debe quedar en inferioridade competencial con Cataluña, nin con aqueles territorios considerados históricos por ter formulado un Estatuto na Segunda República, aos que o golpe de Estado do 36 non deixou practicamente desenvolver. Un Estatuto que reflicta o espírito galeguista de Castelao, de Boveda, e tamén dos Carlos Casares, Paz Andrade, Tobío, Ramón Piñeiro, e tantos outros que loitaron por facer da súa terra, un lugar do que todos poidamos sentirnos orgullosos.

4,58/5 (159 votos)



Rafael Cuiña

Rafael Cuiña

Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).



Máis opinións