Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Outro Partido Popular é posible

17:55 10/03/2008

…E engadiría que necesario. O partido liderado por Mariano Rajoy, polo menos cara á opinión pública, tiña como obxectivo ser a forza máis votada e con máis escanos nas eleccións xerais. Evidentemente non o foi, se ben é certo que tivo unha subida con respecto aos pésimos resultados conseguidos hai catro anos nun escenario especialmente complicado polos atentados do 11 de Marzo e a súa xestión nefasta da crise que desembocou na lexítima victoria nunca recoñecida en “Génova” da formación fundada por Pablo Iglesias.

A derrota é o suficientemente dóce como para que, tras unha profunda reflexión e xa sen escusas pouco cribles, a formación popular vaia facendo unha máis que necesaria especie de Glasnost, abandone posturas crispadoras, non atenda consellos de determinados gurús da comunicación e se alonxe da influenza de FAES; que comece un tempo novo cunha urxente renovación tanto de ideas como de líderes. Xa se sabe que pouco vale a vitoria que non abrase de felicidade as veas do conquistador. No Partido Popular existe moitísima xente capacitada para unha renovación que os alonxe dos postulados radicais, dos peóns de Aznar no partido: Acebes, Zaplana, Aguirre, Arriola, Pío García Escudero e algún máis que non é tan coñecido mediaticamente. Fáiseme difícil pensar nunha nova candidatura de Mariano Rajoy dentro de catro anos, quizáis no próximo congreso do partido se teñan que tomar decisións senón drásticas sí o suficientemente importantes e significativas como para alterar o rumbo da nave popular cun cambio de políticas e dirixentes que transmitan unha imaxe dun centro-dereita moderno e responsable, capacitado para gobernar dende a moderación e o compromiso social.

No que á nosa terra atinxe, os dirixentes populares deberían facer unha profunda análise de cal é o motivo para seguir perdendo apoios a pesares de ser a forza máis votada nas catro provincias. Recuperar os signos de identidade galeguista no partido sería fundamental para que algún día poidan voltar a liderar a sociedade galega, pero non cun galeguismo artificial, senón aquel da xente comprometida co país, coa nosa cultura: sen medias tintas nin ambigüedades coa cuestión lingüística, que non subordine os intereses galegos aos intereses bastardos impostos dende a capital do Estado.

Nun sorprendente artigo no diario El País, durante esta campaña, un dos grandes intrigantes do xornalismo galego escribía sen ningún pudor que a rama “autonomista” do PPdeG a representaba ¡Xesús Palmou! A cegueira que pode producir unha amizade leva a afirmacións surrealistas coma esa e á manipulación da realidade. O PPdeG anteriormente tiña líderes que conseguían vitorias irrefutables, agora tenos que públicamente se amosan satisfeitos con victorias parciais. “De vitoria en vitoria até a derrota”, e se as cousas non cambian nas próximas eleccións autonómicas terán outra vitoria destas inútiles fronte ao avance do PSdeG no noso país. Alberto Núñez Feijoo, que ten todo o meu modesto respecto e aprezo persoal, está lexitimado para tomar todas as decisións que considere oportuno para lograr os seu obxectivos. O que acontece é que cando un fai renovacións un tanto sui generis corre o risco de que a realidade dos resultados remate renovando a quen non tomou as decisións axeitadas, xa sexa por acción ou por omisión.

4,42/5 (50 votos)


Comentarios (21)

semprecelta #1 10/Marzo/2008 semprecelta

Calro, claro. Con Fraga vivíase mellor, non si?

lourentia #2 10/Marzo/2008 lourentia

O PP ten a nivel estatal un grave problema que aínda nunca foi capaz de resolver. Para gañar no estado, o pp precisa dos votos da dereita máis rancia. Isto fai que a viaxe ao centro, que tanta tinta ten feito correr, sexa un andar e desandar contínuo no PP. Está claro que o PP é dificilmente homologable ás formacións de centro-dereita europeas. Só hai que ver a ranciedade á hora de abordar a homosexualidade, a relación estado-igrexa ou a pluraliade lingüística do estado. Por certo, o discurso sobre a inmigración de Rajoy nos debates televisivos poñían medo.
No que respecta a Galiza, non creo que sexa posible unha liña galeguista mentres que en Madrid se pense en aniquilar todo o que poida danar a esa "gran nación que es España", como dixo onte un Rajoy que perdía...por segunda vez..

xacataca #3 10/Marzo/2008 xacataca

Coido que a análise é correcta, mais parte dunha premisa que, ao meu humilde entender, é errónea:

"A derrota é o suficientemente dóce como para que (...) comece un tempo novo cunha urxente renovación tanto de ideas como de líderes".

Precisamente o feito de que a derrota fose dóce é o que vai impedir que líderes e ideas sexan anovados no Partido Popular español.



No que respecta ao PPdeG, a cuestión de fondo é moi sinxela. Aínda que moitos gosten de pensar que existe unha rama que ten unha certa conciencia nacional, o certo é que en ningún momento esta se manifestou, sobre todo naqueles momentos importantes -reforma do Estatuto- en que cumpría facelo.

En algo concordo. O de Palmou é de coña. Ou cecais, non; porque en realidade é un autonomista, coma todo o PPdeG ou coma poden ser María San Gil ou mesmo Esperanza Aguirre.

Saúde, e parabéns polos teus artigos en Vieiros.

Sr_J #4 10/Marzo/2008 Sr_J

Nom, ho, nom. Deixa-os estar, que sigam assi. Nom estám felizes de acadar umha vitória tras outra? Pois que nom mudem nada, nom vaia ser...
Em quanto a essa "gente capazitada para umha renovaçom que os alonge dos postulados radicais" e tal e tal... ubi sunt? U-los? Eu nom sei quem serám, pero estám bem caladinhos. Nom dam nem chio, a ningum pepeiro o ouvimos criticar, ou sequera matizar, as burradas que orneam desde Génova. Será que som estómagos agradecidos? Seguramente, pero tamém é que, realmente, essas burradas a eles dam-lhes igual, ou mesmo acreditam nelas. Nom existe no PP, como se pretende a miúdo, essa gente "moderada", "civilizada", ou "centrista" da que nos falam. Nom existe, porque se existisse nom poderia levar tanto tempo calada; e se cala é porque nom tem esse talante. Os que estám no PP estám ao que estám (colocar-se) e dá-lhes igual que Aznar mentira para invadir o Iraque ou sobre o 11-M, por exemplo, ou que Corina Porro vaia animar aos de Galicia Bilingüe, se queremos um exemplo mais cercano e recente... eles estám de acordo com essas cousas, faltaria mais!
Outra direita galeguista é possível? Pode ser, outra cousa é que seja viável eleitoralmente (a história negou-no repetidas vezes). Mas nom é possível criá-la com os vímbios que se podam atopar no PP.

ghalisia #5 10/Marzo/2008 ghalisia

"Un dos grandes intrigantes do xornalismo galego". Hahahaha... Se só fose intrigante, outro galo cantaría. Sempre ao sol que máis quenta, sempre. Botárono da Voz, do Grupo Zeta. A ver se sabedes a quen anda arrimado agora...

Tudense #6 10/Marzo/2008 Tudense

O PP nunca foi galeguista, so que nos tempos de Fraga aproveitando a sua posiçom dominante se podia camuflar baixo o galeguismo GPE (Gaitas, Polvo e Empanada) mentres era actor por passiva da perda de falantes do nosso idioma. Agora que está na oposiçom é está a mostrar a sua verdadeira faciana de partido rancio e antigalego. Rafael, necessitamos umha CiU galega, pretender que o partido mais jacobino e centralista do Estado seja realmente galeguista é pretender umha quimera e nom comparto que o fosse algumha vez, o único galeguismo daquela altura no PP era: en el partido en Galicia mando yo, e en Ourense eu, retrucaba Baltar, esse era o único galeguismo do PP.

lourentia #7 10/Marzo/2008 lourentia

Un dos debates máis vellos en Galiza é se existe espazo para un partido de centro galeguista-nacionalista, unha Coalición Galega sen todos os lastres coa que naceu a de Franqueira no seu momento. Aínda que non sería a miña opción a hora de votar, sería unha boa noticia para o país que existise.

Mais como diría o outro, polo de agora, "ni está ni se le espera". Un exemplo é o do PG, que acabou metendo nas súas listas tipos tan antigaleguistas coma Carlos Marcos na Coruña. Ou que dicir de Terra Galega, que non tivo reparos en meter nas súas candidaturas municipais a xente que ninguén no seu xuízo chamaría galeguistas.

CiU ten moitas eivas, pero no caso da lingua e na necesidade da súa normalización non ten ningunha. Aquí, o PPdeG encargouse de cargar con todas as súas forzas contra un decreto de normalización da lingua no ensino que só lle garante o 50% das asignaturas ao galego. Ningún membro do PP deu un chío e seguiu o discurso da dirección e de Galicia Bilingüe, claro.

suso #8 10/Marzo/2008 suso

O PP nunca será galeguista nem terá uma "corrente" galeguista, simplesmente porque o PP é essencialmente um partido nacionalista espanhol. De facto deberia mudar o seu nome por "PNE", Partido Nacionalista Espanol. Alguém pode imaginar "uma corrente espanholista no PNV"? Ou no BNG? seria de conha. Outra cousa é que determinados indivíduos que militam no PP poidam ser algo galeguistas num nível pessoal, igual que há homosexuais no partido...mas e de tal esquizofrénia que finalmente rematam amargurados ou esmagados.
Outra questão interessante que não devemos esquecer é que o PPdeG são realmente dous partidos fussionados: o PP próprio e Centristas de Ourense. O PP próprio é uma sucursal igual de bolorecida que o resto do PP, enquanto que o CdeOu é uma coaligação de caciquinhos sem ideologia menhuma. Se algum dia racham (já pode ter sucedido), o CdeOu pode ser o alicerce para um partido galeguista de centro-direita algo podre (ser galego não é garantia de ser boa pessoa) que com algo mais de tempo podia chegar a ser a CiU galega. Se um quer construir um pais, há que contar também com os caciques, os empressários, os mangalhões, os lambecús...não se pode montar um pais só com gente "guai" de esquerdas, não existe um pais assim em nenhures.

Kandpalleiro #9 11/Marzo/2008 Kandpalleiro

Eu; dende a lonxanía coido que #7 e #8 teñen bastante razón no que dín: 1: o Partido Nacionalista Español (centrípeto gosto de dicir) non pode encaixar unha "corrente galeguista" no seu interior sen trocar o seu 'ideal de España', 2: Non se pode facer 'galeguismo' dende a galegofobia ó estilo Galicia Bilingüe. 3: En galicia houbo alguns intentos con bastante seguimento que fixeron galeguismo dende o centro-dereita e vostede sabe moi ben quen e como os "integrou" no PPdG.
Non coñezo tanto como os outros comentaristas as forzas que se postularon para as municipais mais tratandose de cómicos (si, pon cómicos) locais; sen dúbida, se trata mais de persoeiros que de programas-ideoloxías.
E, ainda que suso o diga de conha, o certo é que non se pode facer un pais só con parte dese pais.
ah, moitas gracias por abrir estes artigos ós coments.

Gaviotero #10 11/Marzo/2008 Gaviotero

¿Por qué será que todos los titulares de los progres tienen que tener eso de "Otro (lo que sea) es posible"?

Pues no, majete, no...De hecho, que no te guste ESTE Partido Popular a ti o a gente como tú es la mejor evidencia de que estamos ante el mejor modelo de Partido Popular que podamos tener.

Con este Partido Popular se han ganado más de 400.000 votos, frente a los apenas 40.000 del PSOE y los 354 del BNG.

De acuerdo, todavía son insuficientes para gobernar, pero a este paso, majete, este Partido Popular, te va a dejar a ti sin columna donde poner tonterías como la de que el Partido Popular nunca reconoció como legítima la victoria del PSOE tras el atentado del 11-M.

Y a ver si lees un poco la prensa, chatín, que lo de atribuir el rollo de la "crispación" al PP ya está demodé...especialmente tras haber pillado al embustero diciendo que había que buscar tensión y dramatismo.

No, hijo, no...los que quemaban las sedes hace cuatro años y los que agredieron durante esta campaña no eran los del PP. Era la izquierda, como acostumbra...

surenho #11 11/Marzo/2008 surenho

Estimado señor Cuíña. De verdade pensa que existiu unha ala galeguista no PP como proxecto político?
Non dubido dos sentimentos galeguistas de persoas do PP, pero de tal cousa non se deriva un proxecto galeguista nesas persoas. ¿non si?

maltus #12 11/Marzo/2008 maltus

Señor Cuíña, non dubido que vostede teña un sentimento galeguista. mais coincidirá comigo en que con xente como Gaviotero é imposible manter unha liña autónoma no PP de Galicia. O lóxico é que a xente do PP que non está cómoda nun partido de claro corte centralista e furibundamente contrario a un estado plural (xa non digo nacionalmente, falo de culturalmente) formen outra forza autonomista, galeguista ou como queira chamarlle.

ecoe #13 11/Marzo/2008 ecoe

O partido de Fraga é, e non é o único do minguadísimo espectro “parlamentar”, un partido Nacionalista Español en toda regla.

O galeguismo estilo Fraga, mais arriba definido, cabe á perfección no espectro noroccidental do partido, pois o invento da Comunidade Autónoma (non existen como tal concepto na ciencia xeográfica) subordinada, por definición constitucional e de feito, ó disimulado “centralismo real” constitucional, non perturba nin afecta o máis mínimo a parte esencial e “constituínte” constitucional da fraudulentamente pretendida e concebida “nación Española” (esencialismo franquista por antonomasia).

Nunca poderá ser unha centro dereita nin moderna por xénese: é o partido do Franquismo máis absoluto pois recolle as “esencias” máis enxutas do franquismo sociolóxico e un abano moi importante do ideolóxico. (Na altura ata engulíu o toda a “ideoloxía” UCD)
Ó respeito lembrar simplemente que en Francia, de Gaulle loitou contra os nazis e os colaboracionistas de Vichy, e de alí saeron os Giscard e a República Francesa (ideoloxía republicanista, con tódolo seu significado)

No eido lingüístico obviamente GB obedece ós prantexamentos ata aquí enunciados: franquismo recalcitrante con nacionalismo español en bruto. É obvio qsue Fraga, Xerardo das Festas e os Rosón, fixéronno millor e máis intelixentemente, e por moito tempo

Sobre esto tamén dicir que é perfectamente posible unha rama pro €$tado €$pañol nos denominados partidos nacionalistas periféricos (PPsoeIU tamén o son, mais centrais): no PNV (acaso os Imaz qué representan?) e no mesmísimo Bng, desde logo (hai un certo “autonomismo” ideolóxico nesa dirección, cacais). Non deixaría de ser unha concepción autoritaria de unha outra forma do €€. Outra cousa sería o que de xeito voluntaria e absolutamente libre, os pobos da Península decidisen, cómo e en qué condicións se unir.

Aquél PP sí foi, e é posible, mais en calquera caso, nefasto para as xentes e para toda a Humanidade.

ecoe #14 11/Marzo/2008 ecoe

igual que éste (debera entenderse). Dsisimulen.

Lidor #15 11/Marzo/2008 Lidor

Otra Falange Española es posible.

edreira #16 11/Marzo/2008 edreira

Coido que imposíbel Rafa. O PP a nivel de Estado é o que é. A dereita española esta a anos luz da europea, e iso é moi malo para o sistema democrático español. Cambiar de goberno no estado non só é posíbel pola corrupción, ou pola crispación, o interese persoal do votante tamén xoga, pero para mudar o voto non se pode ser extremista e o PP foino moito nestes catro anos e tamén na campaña, penso que lles sal da alma.
O PPdeG non pode ser de outro xeito a como é. O galeguismo non é un invento de hoxe. Moitos temos claro que unha dereita nacionalista é fundamental, mais non pode nacer do PPdeG, nin de Terra Galega, nin do PG. Os dous modelos (PNV ou CiU) non son un invento de hoxe, e tes que mirar cal é a clase social que as impulsa, penso que hoxe e impensábel que o empresariado galego ou certa clase social galega de o seu apoio a unha dereita nacionalista.
Chámese como se chame ese partido nacionalista ten que nacer de novo e a xente que estea no proxecto ten que ter credibilidade, ideoloxía nacionalista, tempo para chegar as institucións e cartos (sempre toparemos cos cartos). Non é doado, tampouco é imposíbel. Ideoloxicamente eu non teño ningunha dubida que será moito mais progresista que o PSdeG (un PP doce no xeito de gobernar en Galiza).
O espazo electoral para o nacionalismo de dereitas esta, existe, pero quen ten as napias para poñerse mans a obra e atopar o financiamento.
Parabens polo teu artigo.

Atlantico #17 11/Marzo/2008 Atlantico

PP é galeguismo son imcompatibles. ¿Quen se cargou a Coalición Galega? Precisamente os máis "galeguistas" do PP, Cacharro e Baltar.

Tudense #18 12/Marzo/2008 Tudense

Parabéns Edreira, eu já estou mans à obra, estamos coa redacción dos estatutos, o seguinte paso e darnos de alta no Ministerio, estou de acordo contigo, fan falta bemoles pero o espazo existe como demostrou a experiencia de CG num contexto muito pior.

Gaviotero #19 13/Marzo/2008 Gaviotero

A los nacionalistas gallegos, como a los catalanes o a los vascos, les gustaría tener enfrente un partido tan nacionalista y totalitario como el de ellos. Lástima que se tienen que quedar con las ganas, porque frente a la imposición y al totalitarismo todo lo que se encuentran frente a ellos es ansias de libertad.

lostrego #20 14/Marzo/2008 lostrego

"Alberto Núñez Feijoo, que ten todo o meu modesto respecto e aprezo persoal" ... o mesmo que apoia a "Galicia bilingüe" (?), namentras fagan iso pouco me importa se hai ou non hai outro partido popular, porque ise PP seguirá a ser o que diga Madrid e entre o que diga Madrid e os clientes de Baltar coa pátina inexistente de galeguismo/caciquismo... case que non lles vou votar

teixugo #21 14/Marzo/2008 teixugo

Da-me a mim o corpo que Feijooy,
vai ser tão presidente como Rajooy...

CuÑÑÑaoo!!!! Que parelha :-)

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: