Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


De adiantos electorais, ética e outras teimas (II)

17:50 28/08/2008

Falou o oráculo socialista, e dixo que non teremos adianto. Unha decisión axeitada, eticamente correcta, e sen dúbida o que lle convén ao país en tempos de crise.

No anterior artigo puxen todo esto en "standby" ante as dúbidas e rumores que percorrían a xeografía galega, con máis ou menos tino, pero sempre expectantes ante unha decisión que non era precisamente unha calquera, senón a de convocar ao pobo galego a uns comicios por intereses dunha forza política fronte aos de Galicia. Touriño demostra un interesante grao de independecia con respecto a Madrid -léase Pepe Blanco- que fai que, aínda que non provoque o entusiasmo de Barack Obama, o seu partido en Galicia e a militancia poidan estar orgullosos del.

A decisión tamén estou seguro que gustou nos cuarteis xerais tanto do BNG como do PPdeG. Os primeiros porque pensan que terán máis tempo para poder vender políticamente os beneficios para a nosa terra do chamado "concurso eólico", comandado polo mellor conselleiro da Xunta bipartita como é Fernando Blanco, sen dúbida o gran erro de cálculo do PSdeG á hora da negociación de consellarías; e os segundos para poder afianzar o seu renovado proxecto, e a súa volta ás orixes galeguistas (créanme que así mo contan importantes dirixentes do PPdeG) aínda que iso cóstame crelo, non porque non o pretenda o seu líder, que cónstame que sí, senon polos cadros intermedios do partido en xeral (vostedes xa me entenden). O que non me gustaría crer é que algún partido –exceptuemos o PSdeG- tivera a vil esperanza de que unha crise económica máis profunda puidese beneficialo electoralmente cando os comicios sexan finalmente convocados. E o PSdeG, pola súa parte, a coller novos folgos para facer uns bos presupostos, rematar co tema dos camiños de ferro e o fundamental financiamento autonómico, ademáis daquel tema que se comenzou a tratar, semella que hai varias "centurias", como é o novo Estatuto para Galicia.

O BNG terá tempo tamén de mellorar a imaxe do seu líder nas cidades, nas que os estrategas da organización frentista pensan que non remata de asentarse a imaxe de Quintana coma un gran líder polo noxento argumento de vir dun concello rural como é Allariz (de qué me soa a min unha historia similar noutro partido), non así no rural galego, no que semella tela moito mellor, romerías mediante.

O peor vai ser a precampaña, que dende xa comeza, na que o BNG acusa ao goberno socialista central de roubar Galicia o PSdeG arremetendo contra a política social da Vicepresidencia da Xunta e o PPdeG, por suposto, contra todo o que se mova.

Supoño que este modesto artigo unha vez máis non gustará á xente de comunicación do PPdeG grandes seguidores desta humilde columna cando lle dea os meus sinceros parabéns a Touriño pola súa coherente decisión, mais neste caso teño que recoñecer que, salvando as distancias, o Presidente galego foi como Bismark cando decía que "o político pensa na próxima elección e o estadista na próxima xeneración", aínda que eu sempre me quedarei co eterno Borges cando albiscaba no horizonte que co tempo “mereceremos non ter goberno”…

Ou non?


PD: e que tal unha declaración institucional de “persoa non grata” para o premio príncipe de Asturias George Steiner?

4,11/5 (38 votos)


Comentarios (13)

vonMises #1 28/Agosto/2008 vonMises
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Ese Steiner, unha de dúas: ou é un falabarato ou tennos xenreira por algún marisco en mal estado. Por certo, Rafa, nin sabía que era Príncipe de Asturias nin sei quen é. Son un inculto, está claro.
No de Fernando Blanco estou de acordo contigo. ¡E mira que o criticou publicamente aquel tipo de Lalín...!

carxeva #2 28/Agosto/2008 carxeva
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Mellor era que o Steiner viñese á Galiza, derámoslle uns cantos libriños da nosa pouco importante literatura e lingua e pasealo pola nación (con custe ao seu peto), e despois que diga o que queira.

fillotolo #3 29/Agosto/2008 fillotolo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Estou totalmente convencido que non adiantan as eleccións porque as enquisas lle dan unha subida maior ao BNG. Ao meu parecer pretenden esgotar a lexislatura para ver se coa axuda de "La Voz de Galicia" (que se nalgún día foi un xornal, deixouno de ser para converterse no nodo do PSOE) remontan a situación. Máis que valentía me parece oportunismo, pero coma sempre gosto de ler a súa columna

DANNY #4 29/Agosto/2008 DANNY
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Parabens polo seu artigo, na changallada na que se atopa o relatorio politico identitario do noso pais. O morno acougo das suas verbas, o educado espazo pra o desacordo que amosa a sua actitude e un bo espello pra os galeguistas non esmorecer. Serio bo chegar a acordos entre nos e desaproveitar os nosos folgos en liortas que deixanos nunha eterna inmaturidade. Fora da minña acordanza coa sua liña politica, e un pracer atopar espazos pra a normalizacion. Ogalla se afoutara mais xente do seu pensamento politico.
De novo, os meus parabens.
Saudos

Anxo #5 29/Agosto/2008 Anxo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

A prensa "seria", parecese cada vez máis a prensa rosa. Anuncia a bombo e platillo unha noticia, que sinxelamente é un rumor, enchen con este rumor, programas de radio, televisión e páxinas de prensa escrita e electrónica.

Logo de andar mareando ca nova, de declaracións de uns e de outros sobre o ruxe ruxe, ten que sair o presidente cando lle parece ben para desmentilo.

Agora ben en que se diferencia esta nova da boda da Duquesa de Alba, se fala dun ruxe ruxe que anda por ahí de supostas fontes fiables, se pregunta a xente do entorno e interesados, se enchen programas de televisión de radio, etc., etc., ata que cando a Duquesa de Alba xa farta lle interesa fai o desmentido.

Algunha diferenza entre prensa rosa e a prensa seria, ningunha, hoxe o xornalismo "serio" basease todo en supostos, non sobre noticias que se deben confirmar, cando foi o desgraciado accidente do avión de Baraxas, xa sairon mil historias sobre o accidente, se explotou no aire, se conversas dos pilotos, etc., etc., e así moitas novas enchen todos os días a televisión, a radio, os xornais é internet.

O debate sería en que se converteu a prensa?

bezoucos #6 29/Agosto/2008 bezoucos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

No de Quintana, simplemente dicir que alguén terá que recoñecer que existe unha especie moi caracterísitca no BNG que é a que se podería chamar "maníacos depresivos". Esta tipoloxía de individuos (con perdón) é recoñecible na medida en que se teña un certo contacto con eles. Xente á que o seu prurito ético e elevación ideolóxica lle impide dar por bo cousas bastante razonables e posibles e que alviscan para o futuro tremendos males e desastres para o nacionalismo hexemónico do século XXI... se todo sigue como está, claro. Engada-se-lle a isto un argumentario que vocexan aos catro ventos e logo é usado por militantes doutros partidos (lembre-se artigo sobre a "política clielentelar" do Quintana, escrito pola rapaza esta do PSdeG e publicado nesta páxina web hai tempo).
Señores maníacos depresivos dean unha volta pola Galicia, que pasear é bo para a depresión... e ah!, que lles receten ansiolíticos.

martin32 #7 31/Agosto/2008 martin32
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

e cando vai a decederse a entra na politica?

trasancos #8 31/Agosto/2008 trasancos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Pois eu sinceramente penso que Touriño simplemente viuse obrigado a recuar ante a que lle viña enriba. Ter adiantado as eleccións sería interpretado como un síntoma de febleza, mesmo de covardía e de non querer dar a cara, por parte da sociedade galega. Touriño deixouse levar polas teses de Madrid (sempre Madrid....) e tras comprobar a que se lle viña enriba tivo que dar marcha atrás.

http://www.terra-galega.org

carxeva #9 31/Agosto/2008 carxeva
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Eu penso que foi o BNG quen lle apretou as torcas... e como dentro do bipartito as cousas non están para tirar foguetes saiu co conto que el era o presidente da Galiza e facíase o que el dicía, pero entón por que non lle dixo nada ao Quin?
Dáme a sensación que o PSdeG ten unha boa mareaxe por dentro, só os une o poder.

Tino #10 4/Setembro/2008 Tino
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Ao fio da q está caendo económica e mediaticamente, eu fago estas perguntas para q fiquen no ar:

-Prometeron q entrando en Europa estariamos mínimo, no paraíso.
-Coa entrada da moeda única os prezos baixarian (ou comprendemos mal e resulta q baixar en inglés e francés é subir?)
-Q as hipotecas serían mais asequíbeis pq aumentaria a competencia entre a banca (hipo-teca...hipo-pótamo...hipo=salouco. Nada mais q engadir) Perdón, engado algo mais, as comisións dos bancos tamén diminuirian!
-O mercado laboral sería moito mais dinámico e asequível: 65 horas semanais é asequível avondo?
-O prezo da enerxia: mellor non falar.

Pois os do PP e Psoe débennos bastantes explicacións.

bezoucos #11 4/Setembro/2008 bezoucos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

#10 Coido que haberá que recriminar como entrou Galicia na CEE daquela, mais con Europa mellor que sen ela...

Tino #12 5/Setembro/2008 Tino
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

#11 eu retomaria o lema "Europa si, mais non asín,,.

colina #13 12/Setembro/2008 colina
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Rafael, me gustaría que me aclarases a qué lider del PPG te refieres cuando dices que "te consta" que quiere volver "ás orixes galeguistas".

A día de hoxe, ao meu modesto entender, dame a impresión de que o que hai no PPG é un equipo encabezado por un lider que carece da intelixencia e da capacidade necesaria para afrontar sen "complexos" a realidade de Galicia: galeguistas SÍ, de sentimento e de verdade, pero españoles tamén.

Esa é a filosofía que creo impregna aos votantes e simpatizates do PPG de sempre que non compartimos esa indefinición actual e que o que estamos a buscar é a integridade, a convivencia pacífica e aunar esforzos, non dividir.

De nada vale presumir nuns foros de "birrete" mal entendido e reivindicar noutros a orixe "galeguista".

Ser do "birrete" para nada é incompatible con ser galeguista e, se non, que llo pregunten aos que realmente o son.

En definitiva, estamos ante uns "aspirantes" a gobernantes que carecen da coherencia e integridade suficiente como para fidelizar o voto de xente de dereitas ou de centro dereita progresista, galeguista e españolista.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:





Locais:
GZ-Sete