Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MOVENDO O MUIÑO

Retos da VIII lexislatura (I)

10:25 08/04/2009

Non lles vou  negar que me sinto un tanto descolocado no tocante ao que nos agarda nesta lexislatura que comeza; ao mesmo tempo que albisco no horizonte político galego unha batalla sen tregua contra o novo goberno galego por parte da oposición, sindicatos e outros axentes sociais.

Sorprendido estou ante o afirmado pola nova Presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, sobre a necesidade de negociar un novo Estatuto para Galicia. A Presidenta e máis eu temos concepcións da política para esta terra absolutamente dispares, ela vén dunha idea de Galicia con respecto ao resto do Estado que non comparto pola súa visión centralista-xacobina, evidentemente non é o meu caso, mais agardo que unha transformación neste eido sexa posible, e camiñe cara concepcións da políticas mais apegadas/achegadas a Galicia e os seus intereses. A chamada ao consenso para o novo Estatuto é politicamente correcta, mais ímonos atopar co valo, por desgraza insalvable, da cuestión identitaria, na que estos populares renovados están nas antípodas do que algún outro grupo do Parlamento –o BNG claro está- poden chegar a consensuar sen que “levanten en armas” o chamado Encontro Irmandiño e unha ampla base social de votantes nacionalistas tanto de esquerdas como de centro-dereita  –no caso que esto último exista-.

Tanto Dona Pilar como o novo goberno galego deben ter claro que Galicia non pode permitir un Estatuto que deixe a Galicia en posición de inferioridade con outros pobos como o catalán, e que non nos permita o desenvolvemento necesario que como pobo diferenciado necesitamos, como sempre digo, para poderen estar en igualdade de condicións co resto dos pobos de España e de Europa. A negociación do  novo Estatuto pode nacer viciada pola experiencia da anterior lexislatura na que o consenso foi imposible, mais agora que os suxeitos da negociación mudan, agardo que o pragmatismo duns e o compromiso doutros o consiga, ainda que un xa vai tendo unha certa idade como para non crer nos miragres.

O novo Presidente electo xa comentaba durante a campaña electoral que o novo Estatuto non sería unha prioridade, e neste caso na miña modesta opinión trabúcase, pois se non temos uns alicerces claros dos que o seu proxecto debe partir, complicado será facer unha estrutura na que moitos poidamos sentírmonos cómodos, independentemente de como “respiremos” políticamente, porque como debe ter claro Feijoo, a pesares da sua lexítima maioría debe gobernar para todos, aínda que a suma dos que non votaron por el sexa superior á dos que sí o fixeron, e quizais a base da resolución de tamaña cuestión poida estar en escoitar, sen pexuízos, a todos e cada un dos que poidan aportar algo para a construcción da casa común chamada Galicia. E reiterarlle ao Presidente que teña coidado con aquel axioma freudiano que falaba da situación de indefensión do ser humano fronte ao eloxio permanente, e a posibilidade de defenderse de quen o ataca, porque a maioría das veces os mesmos da palmadiña no lombo nos bos tempos, son os mesmos da coitelada nos non tan bos. E iso é intrínseco á políta galega dende tempos inmemoriais.

No seu primeiro acto como Presidenta do Parlamento, Pilar Rojo pediulle aos parlamentarios que se levantasen para escoitar o himno da Nación galega. Quizais o subconsciente da pontevedresa a traizoou e leva nas veas unha galeguista ate o de agora descoñecida. Dona Pilar, non descarte posibilidades, que cousas máis raras teño visto, e ao mellor convértese na nova referencia galeguista dentro do partido, visto que os que a tiñan que ser, están calados agardando un postiño ou mesmo tempos mellores.

Ou non…?

4,46/5 (46 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafael Cuiña

Rafael Cuiña

Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).



Máis opinións