Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MOVENDO O MUIÑO

Emocións de censura

12:40 01/10/2009

O recentemente finado Edward Kennedy dicía que na política é como nas matemáticas, todo o que non é totalmente correcto, está mal. E razón probablemente non lle faltaba ao senador por Massachusetts de orixe irlandesa. Se algo me parece especialmente reprobable dentro do mundo da política son as mocións de censura que buscan a consecución de intereses bastardos, máis que a gobernabilidade dunha institución pública.

Estaremos dacordo en que é un instrumento perfectamente democrático ao que poden recorrer os partidos políticos en situacións excepcionais de ingobenabilidade dalgunhas institucións, mais o que dubido é da ética e dos obxectivos dos que toman as decisións, xeralmente dende despachos enmoquetados pululados por ambiciosos políticos “resultadistas”, máis que por cidadáns elexidos polas urnas sufridores de situacións institucionais máis ou menos preocupantes. Temos dous recentes casos que por coincidir no tempo tiveron especial relevancia mediática. Tanto Benidorm como o meu veciño concello de Silleda estiveron na palestra estes días por culpa dos movementos, escuros e pouco achegados á cidadanía dos seus políticos, que por outras cuestións que puidesen servir para favorecer a imaxe dos seus pobos. Tanto socialistas como populares deron un espectáculo democraticamente lamentable, de intereses ocultos e reproches case “kafkianos” que dan mostra da urxente e imperiosa necesidade dunha reforma electoral que poida garantir a non existencia de semellantes aberracións ético-políticas.

O Partido Popular parece ser que recuou polo momento da súa intención de presentar unha moción de censura en Silleda, a pesares da situación potencial de ingobernabilidade na que queda o Concello ao retirarlle o apoio dous concelleiros non adscritos que foron elexidos nas listas do PSdeG. Sería conveniente que os partidos tivesen especial coidado á hora de confeccionar as súas listas electorais, para non levar posteriores sorpresas, e contasen máis cos sufridos e xeralmente traballadores militantes de sempre, que de novas adquisicións con relevancia mediática xeradores de problemas a posteriori debido ao seu interese persoal fronte ao decidido e militante compromiso político. Nesta ocasión as indicacións da dirección estatal do partido, como da galega, xurdiron efecto apoiadas sen dúbida polo influinte alcalde do concello lalinense, que polo que o coñezo, estou seguro que non apoiaba esa medida. Mais curiosas foron as declaracións da pasada fin de semana do presidente provincial pontevedrés Rafael Louzán cando facía referencia á ameaza de expulsión dos concelleiros populares silledenses no caso de levar adiante a censura; e claro, digo eu que se aplicamos unha “regra de tres” o que tiña que ser proposto para a expulsión debería ser o inductor da censura, que ao mellor é o mesmo que cinicamente nos xornais da leccións de ética aos seus correlixionarios, mentres por detrás alenta estas reprobables actitudes pseudo políticas. Repróbrese tamén pois aos autores intelectuais. En Galicia xa tivemos un goberno autonómico sustentado por tránsfugas que derribou ó do Presidente Albor dando lugar a un goberno socialista, rápida e democraticamente desaloxado polo pobo, na primeira ocasión que tivo oportunidade. Polo tanto nin populares nin socialistas poden dar leccións de moral nestes turbios asuntos.

Ao mellor chegou o momento de asumir uns criterios claros no chamado pacto anti transfuguismo é ademais do compromiso de non volver aceptar concelleiros “rebeldes” nunhas próximas listas electorais, tampouco o poida facer o partido que acepte tránsfugas, de modo que xa verían vostedes o rapidiño que remataban estas obscenas situacións. A sociedade está xa suficientemente madura para afrontar unha elección directa de alcaldes e un sistema de listas abertas que posibiliten que a cidadanía non apoie a elementos desestabilizadores da harmonía democrática esixible nun concello.

Pero xa se sabe que o pobo reacciona contra estas afrontas, pois o problema é que o maior castigo para os que non se interesan pola política é que serán gobernados por persoas que sí se interesan, e a frase non é miña mais reflexa un axioma incontestable da sociedade na que vivimos.

Ou non...?

Uns apuntamentos:

-O día 3 de Outubro será a asamblea de Prolingua en Compostela. Un proxecto esperanzador para o país.

-Xosé Manuel Baltar ten o mesmo dereito que calquera militante a optar á presidencia do PP de Ourense. Faltaría máis. E ten o meu modesto, e probablemente inútil apoio.

-Os que enviaron ás mocidades do PP a manifestarse diante da casa de “Pachi” Vázquez, digamos que non tiveron unha gran idea, por dicilo suavemente.

-Facemos unha aposta a que Anxo Quintana volverá a primeira liña política antes do que moitos pensan?

*Rafael Cuíña é membro de Prolingua

4,78/5 (78 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafael Cuiña

Rafael Cuiña

Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).



Máis opinións