Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


De "picos e palas"

13:00 21/07/2008

Pois si, tiñamos enriba unha tremenda crise. Despois dunha campaña electoral mais baseada nos conceptos territoriais, nas descualificacións persoais e na idea de España que outra cousa, agora a realidade dos números di que pintan bastos.

Gran parte da campaña os dirixentes socialistas tanto a nivel do Estado como a nivel do país congratulábanse do repasiño que Solbes lle dera á fichaxe estrela do PP, Pizarro, mais a teimuda realidade amosou pouco tempo máis tarde que o diagnóstico do popular era moito máis axustado a dita realidade, que o que facía (outra cousa é que o crera) o vicepresidente económico. Ou ben Solbes enganou ao electorado, ou ten un nivel de inutilidade para o cargo moi preocupante nun posto da súa responsabilidade, o cal é moito peor. Por acción ou por omisión o que queda desautorizado no debate económico é o número dous do goberno.

Agora que os índices do paro repuntan e os máis optimistas falan dun 11% a finais de ano con 1.600.000 persoas máis facendo cola no INEM, eu propóñolle á administración a creación dun novo posto que sería o de "analista de previsións económicas sen formación", posto para o que non sería necesario nin a antiga E.X.B en vista de todos os retoques á baixa que dende xaneiro vimos sufrindo sen ningún tipo de vergoña, nin desculpas pola falla reiterada de calquera previsión de indicador económico. Quen fai estas previsións? ten realmente algún criterio? algún tipo de reproche polos erros? Xa saben, soliciten ese posto, que polo que se ve é o único no que se tes un erro tras outro o teu xefe non só non berra, senón que o considera normal.

Mais en serio, a cousa é grave. A crise, á que de feito nas altas esferas se lle chama xa co termo maldito "recesión", vai para longo. Zapatero di que España está máis que nunca preparada para afrontar a situación, quizais chegou o momento de facer un gran pacto de Estado ante a gravidade do que acontece do mesmo tenor que foron os "Pactos da Moncloa" en plena Transición, e que os intereses políticos queden á marxe ante a urxencia que comezan a ter moitos fogares galegos.

Coma sempre nos ciclos económicos baixos eludimos as mesmas responsabilidades sobre a situación económica que nos atribuímos nos ciclos económicos de crecemento. Pero chegou o momento de pedirlle seriedade e medidas efectivas aos nosos gobernantes. Dicía Reagan nos 80´ que "crise é cando o teu veciño perde o traballo, recesión cando un mesmo o perde, e recuperación cando o perda Carter (naquel momento presidente demócrata e o seu rival pola presidencia dos USA), podemos aplicar esta máxima cambiando a Carter por Zapatero, o que pasa é que vendo a alternativa do PP actual cun Rajoy que anuncia que se concentra en Sangenjo (sic) localidade que polo que me contan debe quedar case ao lado de Sanxenxo, para estudar a situación económica e a estratexia ante as eleccións galegas, -puros mediante-, danme gañas de encomendarme a Santiago Apóstol (e non son especialmente crente) e pedirlle que se dean as condicións para que en Galicia a poida liderar a outra metade do bipartito, e no Estado o Alcalde de Madrid, mais claro, xa meu avó dicía: "ten coidado co que desexas porque pódese chegar a cumprir…"

ou non?

4,25/5 (61 votos)


Comentarios (15)

vonMises #1 21/Xullo/2008 vonMises
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Véxote un pouco desfondado...Non é para tanto...Gañamos a Eurocopa (e sin Raul), Wimbledon e a pouco que Sastre non caia da bicicleta tamén imos gañar o Tour. Se así son as crises...
Veña Rafa, anímate oh! e ven botarlle un polbo o xoves no prado de San Lourenzo.

mceleiro #2 21/Xullo/2008 mceleiro
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Boa, vonMises, viva a santa retranca!!!

vonMises #3 21/Xullo/2008 vonMises
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Perdoade, trabuqueime de día. Estaba a pensar no 25, que é venres. Pero os que queiran ir xa de víspora, tamén poden.

martin32 #4 21/Xullo/2008 martin32
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

a retranca e boa vonmises pero o Artigo de Cuinha e unha vez mais axeitado e brillante

vonMises #5 21/Xullo/2008 vonMises
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Tes moita razón, martin32, mais non quero que se lle suban os fumes ó rapaz...

Chousa #6 21/Xullo/2008 Chousa
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Claro que non é boa cousa que os fumes se suban; pero tamén como queden por baixo imos cheirar a afumado todos.

ranciadas #7 21/Xullo/2008 ranciadas
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Moi bo artigo si señor.

Moltres #8 21/Xullo/2008 Moltres
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Gústame ler ao señor Cuíña á par de xente, que en teoría está nas súas antípodas (velaí Celso ou X.C. Garrido). Á marxe disto, teño que confesar que comecei lendo a este articulista cunha miga de recelo, pero teño que confesar que, aínda discrepando de moitos artigos (faltaría máis), dá ben o nivel. Señor Cuíña, parabéns.

PD: Curioso binomio o que lle pide ao Apóstolo: Quintana-Gallardón.

Tino #9 22/Xullo/2008 Tino
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Palas... palas... Palas de Rei? Ou refírese o autor ao instrumento PA: coido q a alguén lle fai falta un dicionario...

Carl #10 22/Xullo/2008 Carl
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

estimado Tino: o titulo do artigo refirese a unha frase literal do Presidente da Xunta. Agradecido pola recomendacion que sen dubida fas de boa fe. Rafa

bezoucos #11 22/Xullo/2008 bezoucos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Só quero dicir que unha das cousas que fago cando entro en Vieiros é ver se o Rafael publicou artigo.
Outra cousa. Mira Rafael, non defraudes ¿vale?.

Tino #12 23/Xullo/2008 Tino
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Todo o fago de boa fé Rafael-Carl... como observarás a recomendación está no medio dunha rexouba q espero q non che molestara.

condedelrio #13 23/Xullo/2008 condedelrio
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Don Rafael, se o vexo xantando no prado de San Lourenzo o venres 25 como anima vonMises, entón volvo a crer en Deus.
Parabéns polo artigo.

Kandpalleiro #14 23/Xullo/2008 Kandpalleiro
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Si, enganaron a quen quixo escoitar. Como outros enganaron a quen quixo escoitar que o sector inmobiliario podería ter pulo durante 15 anos a eses ritmos. Non me veñan agora co tema dos parados, que o que queren é mais precariedade laboral, soldos mais baixos e mais subvencions pagadas por tod@s para que cando volten os beneficios liscar con eles a Rumanía, Tunicia ou onde lles pete.

Hai un grave problema a nivel mundial no sector financieiro e no enerxético que eiquí se vé agravado polo monocultivo do ladrillo e o sol mal planificado, sin sustentabilidade e sen reinvestimento dos beneficios. Hai 2 anos a banca dixo "burro el último" e liscou agora pagan os de sempre.

marcelino #15 24/Xullo/2008 marcelino
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Que razon temos. Moi ben, pero en estes intres o que fai o presidente do goberno ZP é celebrar os cen dias mais caoticos dende fai 15 años.Non pasa nada, soamente que as familias galegas, e do todo o Estado, non chegamos non a fin de mes se non a medio mes.Esto vai dirixido aos membros do goberno do estado, tomen nota e apliquense, que isto non é unha coña,como decia meu avó, o que sembra recolle, pero vostedes o unico que fan e o contrario. O QUE EXIXIMOS É UNHA FOLGA XERAL XA XA XA XA¡¡¡¡¡¡¡. Enhoraboa, Rafa, a ver si con teus escritos che copian é comenzan a tomar medidas.Unha aperta de meu avo( desde o ceo fai moitos anos) e mais eu

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: