Open Vieiros

Vieiros

E o teu país normal como é?
Vieiros de meu Perfil


A cacharela das vaidades

13:45 01/11/2008

“Non vou a deixar de falarlle só porque non me escoite. Gústame escoitarme a min mesmo. É un dos maiores praceres da vida. Acotío manteño longas conversas comigo mesmo, e son tan intelixente que ás veces non entendo nin unha verba do que falo”.
Oscar Wilde

…E así é, temos os políticos do noso País máis interesados en contemplar o seu propio embigo, nas súas liortas persoais, e nas súas frustracións existenciais, que na representación e defensa dos intereses de aqueles que os elixiron. É dicir, de todos e cada un dos galegos.

Estes xa outonais días, contemplamos un auténtico espectáculo da nosa clase política. A oposición acusando o goberno de desbalde en tempos de crise, e os do bipartito utilizando a táctica do “e ti máis…” Realmente é esta a clase política que merecemos? Eu sinto vergoña allea ante episodios como os protagonizados polos deputados Bieito Lobeira e López Chaves nunha comisión parlamentaria polo termo “Galiza”, que me fan lembrar liortas de recreo de ensino. Pensan as súas señorías que é transcendente, nestes momentos tan economicamente complicados, que vostedes teñan liortas polo termo utilizado para referirse á nosa terra? Que problema pode supoñer ao común dos galegos a aceptación do termo “Galiza” nunha comisión? Vai a baixar o PIB, aumentar o paro, ou aminorar os expedientes reguladores de emprego por isto? Un pouco de seriedade. De verdade nunha sociedade seria pode pensar alguén que en Galicia/Galiza o castelán está seriamente ameazado?. Vexan o bombardeo sistemático de medios audiovisuais, escritos e de todo tipo na lingua de Cervantes. En contraposición os poucos que temos en galego. Todo fai que sexa un debate de ínfimo nivel intelectual, ante a evidencia de que se unha lingua se ten que protexer en Galicia, esta teña que ser precisamente, e por desgraza, o galego. Alguén pensa que un só pai non quere que o seu fillo teña un perfecto coñecemento do castelán, do galego, e dalgunha lingua estranxeira? Danse conta, señores habitantes da Casona do Hórreo, de que se aproban iniciativas que instan a continuar impulsando a plena normalización do galego, e non do castelán porque este xa está máis que normalizado? A qué xogamos? Estase a rir a clase política dos seus representados?

Episodios como o destes días cos vehículos oficiais do presidente da Xunta, -¿de verdade necesita señor Touriño tantos e tan caros?-, dos cartos públicos gastados na ampliación do seu despacho e oficinas anexas, a ridícula e esperpéntica acusación sobre a neveira de Quintana, e tantas máis, mentres a finada politicamente Ánxela Bugallo percorre o Malecón da Habana, entre “mojito y mojito” sen pudor ningún.

Prioridades
E mais eu pregúntome: Non será mellor gastar o tempo en artellar posibles solucións para o paro en Galicia? Existe algún plan alternativo ante a posibilidade dunha crise na factoría de Citroen en Vigo e a súa repercusión na súa área metropolitana? Como se pode crear emprego con previsións de crecemento do 1%? Para cando o remate do AVE galego? E un plan de estradas funcional da consellería da nosa Sarah Palin galaica, Maria Xosé Caride? Que futuro ten o campo galego e os nosos gandeiros? E o tecido industrial ante a falla de financiamento por parte da banca? É xusto este capitalismo de privatización dos beneficios e socialización das perdas? Cara onde irán os beneficios do concurso eólico galego aos concellos tan afectados polo finanzamento económico, ou a plans de pensións de xubilados nipóns? É necesario para reactivar a economía do País que as nosas caixas se fusionen? Que foi daquela constante reclamación en tempos do fraguismo/aznarismo da chamada débeda histórica? Non é de feito prioritario un novo Estatuto que poña os alicerces para poñérmonos, algún día, en pé de igualdade cos pobos máis desenvolvidos de España e Europa?

Os tempos son chegados para que os nosos políticos miren cara Galiza e os galegos, e deixen de estar en permanente tensión ante o “Nero me impune lacessit” –que ninguén me fira impunemente- no que viven, rematen coa “disociación cognitiva política” que evidentemente teñen, e cumpran co “contrato social” firmado cos galegos nas urnas.

Vaia material tería en Galicia Tom Wolfe para unha continuación da súa famosa novela!

Ou non…?

PD: unha de adiviñanzas

A que pacto chegaron hai quince días na capital do Estado, un amoral director de xornal, un alcalde conservador con fama de progresista, e un ex presidente do goberno rancoroso…?

    

4,15/5 (79 votos)


Comentarios (24)

independencia #1 1/Novembro/2008 independencia
[Valora este comentario Positivo -2 Negativo]

Señor Cuiña,vostede ten todo o direito do mundo a ser conservador,pero non baixe o nivel dos seus artigos.Nun escrito adicado aos problemas políticos do país, falar dos mojitos n'Havana
dálle un rigor propio de Federico ou Pedro J.

carxeva #2 1/Novembro/2008 carxeva
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

Pois eu doulle os meus parabéns polo artigo. Ten toda a razón e agardo que sexa no futuro un bo líder dunha forza galeguista de centro que axude a este sistema electoral galego tan apretuxado de tres forzas.

vonMises #3 1/Novembro/2008 vonMises
[Valora este comentario Positivo +4 Negativo]

Adiviñanza, ¿se cadra, chimpar a Rajoy?

bezoucos #4 1/Novembro/2008 bezoucos
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

#1
Ten todo o dereito de ser conservador!!!! Vaia, pois menos mal que hai xente tan indulxente como vostede que permite que haxa persoas que non pensan como un quere. Manda truco!!!.

Por outra banda, concordo en parte con #2 (en boa parte). Digo en parte porque o murmurio da forza galega moderada tan necesaria está tan usado, que o que escribe (eu, vamos) máis que nada pois se deixa levar pola vaga da resignación e o ollo de esguello ao BNG. Isto último con moita distancia, por certo. Que haxa algo que defenda a Galicia está ben, mais de aí a participar vai ti saber con quen pois...

toivonen1978 #5 1/Novembro/2008 toivonen1978
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Unha forza nacionalista de centro non lle ven nada mal ó país. Completaría o abanico político galego que anda coxo deste pé e, se callase, coido que ata lle viría ben á esquerda galega, que deixaría de bogar entre correntes para convencer a todo o nacionalismo cousa que, pola súa diversidade, resulta complexa.

Logo, entre entenderse co PSOE ou entenderse con estes, case me parecería máis sinxelo cos segundos.

surenho #6 2/Novembro/2008 surenho
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

A adiviñanza semella clara no que atinxe aos participantes nese pacto: Pedro Jose, Aznar e R. Gallardón; mais cal é o contido do pacto? Pícame a curiosidade!

breixoak #7 2/Novembro/2008 breixoak
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Non é de estrañar que o señor Cuíña estea ben informado das interioridades do PP. Daquela a adiviñanza podería ser: pedrojota, gallardón e aznar. O primeiro sabería que non hai remedio dentro da dereita se non é o odiado amado Gallardón, o segundo quere manda e o terceiro quere colocar á muller de alcaldesa. Eso se o pensamos en clave española.

Se é en clave galega xa quedo máis inquedo: un director de xornal (algún que vai saír? algún que xa está?); un alcalde conservador con fama de progresista (Crespo? Irisarri? Lores? Caballero?); e un presidente rancoroso (só coñecín un presidente antes de Touriño, e ese foi Fraga, Laxe aínda eu non fixera a comuñón).

Destes últimos o pacto seria impredecible.

Vakaloura #8 2/Novembro/2008 Vakaloura
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Iste Sr. ten todo o dereito do mundo a expresarse coma queira. Logo porque non? Que clase de demócratas somos os demáis para prohibirllo? Cadanseu ten as súas ideas e asistille o seu dereito a expresalas. Logo podemos estar ou non dacordo con elas. Isa xa é fariña doutro muiño.
O que pasa…; non será que algo de verdade hai niste artigo que a moitos lles molesta tanto?

dumiense #9 3/Novembro/2008 dumiense
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

O BNG xa é hoxe unha forza galeguista de centro. O que se necesita é un partido independentista de esquerdas.

condedelrio #10 3/Novembro/2008 condedelrio
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

¿Por que os comentarios son tan "educados e respetuosos" con Cuíña e non así con Loli, Iolanda e outros?

martin32 #11 3/Novembro/2008 martin32
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

#10 seguramente son "educados e respetuosos" porque gañouse o "respeto" do lector de Vieiros e Loli está a anos luz.

marcelino #12 3/Novembro/2008 marcelino
[Valora este comentario Positivo -1 Negativo]

Que razon tes amiguiño rafa.Xa sabes que estou cara a ti pra o que faga falta. Como segamos por estos camiños imos a tomar polo cu..O PP hoxe é un fiasco, o PSOE e todo publicidade, e o ultimo en discordia o BNG e todo moderacion de palabra, e na realidade son os mais sectarios e radicais. E falando do que se gasta o Bipartito, por que ninguen menciona a Quin, e as suas mans+uñas. Pois si, Quin vaise dous dias a seman a unha coñocida perruqueri de A Coruña a facerse a Manicura e a retocarse a barba, porque din que encantalle ter as mans de luxo( habia que velo fai uns anos)Quen paga eses gastos, que po lo que me din a miña dona, barata non é.Sr Quintana e ou non é certo oque estou a dicir?A ver si espabilamos todos un pouco e tiramos do carro de galicia/za.Xa é hora, que sodes unha banda de chupocteros,porque mentras a vaca de leite a seguir.

condedelrio #13 3/Novembro/2008 condedelrio
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

#12 Se o único e mais grave que lle podemos botar na cara a Quintana é a manicura, asino agora mesmo para que fora así en toda a clase política...

ghalisia #14 3/Novembro/2008 ghalisia
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Fala vostede, señor Cuíña, de un "debate de ínfimo nivel intelectual", pero vostede déixase levar pola estratexia demagóxica do PP -alentada por determinados medios- e os seus argumentos están á altura dos opinadores máis pacatos do país: "mojitos", Galiza/cia...

Supóñolle a vostede información veraz da etapa anterior, así que non se apunte ao carro e pense por si mesmo.

Iso si, confésolle unha curiosidade: por que libra vostede a Quintana de todo? O mesmo Quintana que, por certo, coincidiu nun avión con Touriño e mentres este ía en turista o vicepresidente ía en primeira...

Vimbio #15 3/Novembro/2008 Vimbio
[Valora este comentario Positivo -1 Negativo]

Prezado Rafa:
Concordo con algunha crítica a teu artigo: non ten o nivel dos anteriores. Deixácheste levar por certo politiquerío dos pepeiros e algunha pinga que había do insulso madrileñismo converteuse aquí en poza inaturable. Debo lembrarche que os atascos polos que criticaba Pepiño Blanco ao alcalde de Madrid, non lle interesan aos seus votantes de Lugo. As pseudoconxuras de palacios, penso, non nos tiran o sono á maioría dos lectores de Vieiros.

Vakaloura #16 3/Novembro/2008 Vakaloura
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

#12
Grazas pola información, se é certa, da manicura do noso Quin. Agora xa moitos nos poderemos expricar porque toda a Galiza quer botar unha bailiña co máis guapiño. Que agochadiño o tiña o moi pillabán! Namentras, moitos galeg@s (15%) están na solaina da extrema pobreza. Si Sr., iste si que é un tipiño de esquerdas e moi progre.

edreira #17 3/Novembro/2008 edreira
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Wilde, Rousseau, Wolfe.....se da un paso mais sáenos Jefferson e rematamos co Yes, we can!.
Parabéns polo artigo, so teño unha queixa, non se deixe levar polo que lle din e polo que vexa as veces....

alpabarda #18 3/Novembro/2008 alpabarda
[Valora este comentario Positivo +4 Negativo]

O problema non é que Quintana acaba facéndose a manicura e Touriño comprando o Audi máis caro e que ámbolos dous fagan medrar constantemente os postos de libre designación. Non, eso non sería o problema, bastaría con mudalos nas vindeiras eleccións, e xa está.

O grande problema (me intriga, en serio) e saber que acabarían facendo dous galegos escollidos o chou asignándolle os mesmos postos. Digoo porque é moi dificil entender o que fan estes dous sen entender, o mesmo tempo, que son moitos os que se están a beneficiar. Non sei se me entendedes...

Tino #19 4/Novembro/2008 Tino
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

A ver estes progre-pijos q peden un partido político de dereitas neste país:
-Eses candidatos nacerán e estarán formados en poucos meses para seren candidatos? Ou virán doutra galaxia?
Seguro q non. Pois van ser os mesmos q nos teñen acostumados a toda clase de disparates políticos, e despilfarros económicos.
Van ser os mesmos lobos con outros colares.
-É q xa non lembramos os tempos do PP onde os cargos utilizaban os coches oficiais para faceren a mundanza? Este caso é verídico.
-Outro caso verídico: as amiguitas de Lopez Besteiro visitando os centros de menores para ver q neno/a lle combinaba mellor coa nova decoración.

Vamos, q a dereita, ou centro-dereita, como se keren chamar agora, sempre deron signos de rigor e bo facer. E esa nova caste galega vai ser mellor. Escacho ás cacharadas!

maleiro #20 4/Novembro/2008 maleiro
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

Marcelino, -porque din que encantalle ter as mans de luxo( habia que velo fai uns anos-
Hearía que dicir: Porque lle encanta.
Deixa de criticar se non sabes falar.

maleiro #21 4/Novembro/2008 maleiro
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Caralláns!
Queredes seguir chupando do teto! PPePPeros!
Subide máis os impostos para rematar o Concello-Pirámide_Mausoleo de Crespín...
Bah! total, sólo son 40 anos de pagar a ipoteca do "Castro Tecnolóxico" rsrsrsrsrrssssssssssssss
hihihihihihihi

Reboredo #22 5/Novembro/2008 Reboredo
[Valora este comentario Positivo -1 Negativo]

Manda carallo na habana,como dicia o imitador de Don Manolo, ter que recibir consellos politicos do fillo de quen representou o peor da politica galega, o que tivo nas suas mans os millons de euros que chegaron de europa e que so utilizou para perpetuar no poder a un pp boinante, so pasa neste pais. Que o señor cuiña entre dunha vezx no bng, que non e de dereitas nen de esquerdas, e que aporte todo o seu saber facer para ver se os quintaneiros superan o record de fraga na xunta. Xa aburre sempre ca mesma leria

martin32 #23 5/Novembro/2008 martin32
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

#22 compañeiro, é de bastante mal gusto o teu comentario. Non creo que queira estar con nós no BNG senón xa estaría. Pero descalificalo por temas familiares dí pouco de tí.

Reboredo #24 5/Novembro/2008 Reboredo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Che goste ou non,coma ti dis é o meu comentario. E non esquezas que Cuña fillo defende o ideario politico do pp que dirixiu o seu pai. hoxe pode estar ben ledo pois a xestión do bng na xunta é un calco da praticada polo de Lalín nos seus mellores anos. E para espectaculos politicos os que daba o delfin fraguiano co amigo baltar tocando o bombo, ou cacharro facendo "pais" sudando o chandal nas inauguracións de gala que presidia o goberno Fraga no seu feudo. O que digan de min os meus comentarios non prexudican a ninguén o que pretenden os dun cuiña podenos levar a perder outros vinte anos. Animo martin que non todo vai ser darlle caña a Loli neste foros.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: