George Bush está en Oriente Medio. Procura a última hora un arranxo que garanta a hexemonía de Israel e consolide as fronteiras de guerra en favor do Estado xudeu. Quere estabelecer un Estado vasalo e reducido para os palestinos que viven colonizados e suportan un apartheid na súa propria terra, despois de padeceren sofrementos sen fin e o exilio forzado de millóns de persoas.
O presidente dos EEUU achégase a Israel cando seguen sumándose mortos aos centos de miles habidos en Iraque desde a guerra e a invasión dos EEUU. Tamén en Afganistán, en Darfur, no Congo e en tantos sitios.
Viaxa un presidente conservador que obstaculiza todas as medidas destinadas a solucionar ou aliviar a fame e a pobreza no mundo, que non aceita programas para evitar a deterioro ambiental do planeta, que ainda pensa que pode dominar a poder da agresividade militarista.
Entretanto, sendo todo isto furtado comezaron as eleicións para elexir os candidatos dos partidos demócrata e republicano á presidencia dos EEUU.
No arranque das primarias nos Estados federados a cuestión apresentada como crucial polos medios de comunicación máis poderosos foi a de determinar se para os electores o máis importante é o cambio ou a experiencia. Convidáronos a decidiren entre o cambio de Barack Obama e a experiencia de Hillary Clinton, os dous pretendentes do partido demócrata. Para os candidatos republicanos ese dilema era, seica, irrelevante.
Campo de xogo marcado
A pesar de estaren no corazón dos problemas dos EEUU, no debate non apareceron as catástrofes que provocaron Bush e os fanáticos neoconservadores que o inspiraron e secundaron. Mesmo aquí, en Galiza e no Estado español boa parte dos medios de comunicación e da xente aceitaron o campo de xogo marcado, tomando partido por Obama ou por Clinton .
Non é inocente que iso pase. Os republicanos saben que despois dos desastres causados polo Governo Federal estadounidense durante a presidencia de George Bush, a próxima presidencia dos EEUU pertencerá mui probabelmente aos demócratas e que para impedir que isto ocorra, o candidato a bater é Hillary Clinton.
Con independencia da simpatía relativa que poda suscitar Barack Obama, este non ten hoxe a forza necesaria para conseguir a presidencia frente aos poderes conservadores.
A redución das opcións á termos política e programaticamente tan equívocos e insubstanciais como a experiencia e o cambio é utilizada para agachar os problemas reais, tanto os exteriores como os internos de desigualdade e marxinación que afectan aos EEUU.
Sen necesidade de razoar en función das teorías da conspiración e tal como se desenvolveron os debates de Iowa e New Hampshire, a mistificación estabelecida persegue a eleición como candidato demócrata ao máis fácilmente derrotábel.
Medios de comunicación
En todo o caso, quen teña seguido os debates habidos en Iowa e New Hampshire pudo observar a preferencia por Barack Obama dos medios de comunicación norteamericanos, especialmente a televisión, de Fox News á CNN, así como a ironía ou a descualificación con que trataban a Hillary Clinton.
Despois da vitoria de Obama en Iowa, malia que nese momento as sondaxes a daban como vencedora no conxunto dos EEUU os medios conservadores especularon coa retirada de Clinton se perdía en New Hampshire. Intoxicaron mesmo coa idea de que os doantes de fundos para a súa campaña poderían retirarlle o apoio.
Sen romper a cabeza e sen máis comentarios daban ao mesmo tempo a noticia de que o gañador nas primarias republicanas de New Hampshire sería John McCain, o maior entre os que se apresentaban polo seu partido. Este afirmaba que el era o mellor candidato para derrotar, precisamente, a Barack Obama.
De cómo os medios galegos ou españois compartillaron ou recolleron acriticamente esas lideiras interesadas, constituen un bo exemplo titulares do día seguinte da última eleición, cando xa de madrugada Hillary Clinton triunfara entre os demócratas. Líase: “New Hampshire catapulta a Barack Obama hacia la presidencia”; “El ímpetu de Obama moviliza al electorado estadounidense”, que se sitúa “cada vez más cerca de ser el candidato demócrata para la Casa Blanca”.
O apoio por parte dos poderes e os medios conservadores aos candidatos mais fácilmente vencíbeis entre os da oposición democrática tamén sucede en Europa. Ocorreu en Franza. Aquí mesmo.
Descoñecía, e descoñezo, o interese de certos medios, algún tan ultra coma a Fox, en promocionar a Obama. Por algo será, e seguro que Camilo fala con coñecemento de causa.
Con todo hai algo moi preocupante na política americana, e é a indiferencia con que consideran o dano que causan no resto do mundo, cousa que o mesmo Camilo recoñece no seu artigo:"no debate non apareceron as catástrofes que provocaron Bush e os fanáticos neoconservadores que o inspiraron e secundaron". Por tal razón son moi excéptico respecto de calquera administración, recoñecendo que son moito máis lesivos, tanto para a humanidade como para si propios, os gobernos do partido republicano.
"Con independencia da simpatía relativa que poda suscitar Barack Obama, este non ten hoxe a forza necesaria para conseguir a presidencia frente aos poderes conservadores"
A afirmación é arriscada, eu non o teño tan claro. O vello conto que fala que nos USA a presidencia a determinan os poderes fácticos non sempre pasou. En canto o apoio dos medios de comunicación, os mesmos que apoiaron a Carter, Clinton, Gore ou Kerry, o fan agora con Obama/Clinton tanto alá como no estado espanhol. Outra cousa que me fai graza é o intento da esquerda espanhola de identificarse cos demócratas cando estos son claramente de dereitas, aínda que os prefiro aos ultras republicáns do fascista BUSH, pero Mc Cain ten pinta de se-lo candidato dos xa referidos poderes fácticos.
Eu creo que o señor Camilo fala de EEUU pero no fondo ten a cabeza posta moito máis cerca. Di que os medios conservadores están a apostar por Obama porque saben que é o candidato máis feble e derrotable. Logo de argumentar que Obama ten un programa político descafeinado (ou non o ten) sinala que iso pasa incluso na vella Europa:
"O apoio por parte dos poderes e os medios conservadores aos candidatos mais fácilmente vencíbeis entre os da oposición democrática tamén sucede en Europa. Ocorreu en Franza. Aquí mesmo."
O "aquí mesmo" refírese a Francia ou pode que a Galiza? Igual é unha paranoia miña, aínda que a parábola de Nogueira lémbrame os verdes vales galegos.
É unha opinión moi respetabel do que pasa nos EEUU. A min nunca me ocupou o miolo ese país, non deixando de recoñecer que é o máis poderoso. Sempre me cinguin á miña terra, Galiza, donde tamén pintan cores, de falarmos disto. Logo eiquí non temos xornais que fan o mesmo?. Sr. Nogueira, sexa máis explícito ou cale para sempre. Non só é o ambiente natural o que está contaminado.
Nos 80s os medios galegos apoiaron á merxente esquerda galega fronte ó BNG. Ao remate desa década e cando parecía que o camilismo podía disputar o electorado da esquerda co psoe, os medios resucitaron a Beiras cun resultado que, probablemente, non espondeu estrictamente aos seus propósitos. Apartado Beiras, todo parecía indicar que o candidato do BNG que tiña o atractivo, a experiencia e a formación mais adecuados era o propio Camilo pero nese caso coincidiron os plans da UPG cos de determinados medios e foi elixido un corredor de fondo, non moi brillante pero teimudo e traballador, Anxo Quintana, para moitos de nos mais doadamente batible polo nacionalismo español que o vello e incansable Camilo.
Camilo candidato do BNG? Un home que, antes de entrar no BNG, nos puxo a parir? Algúns nin entendemos que pinta dentro...
Carbalho o problema do BNG é que hai moitos "Algúns" que non entenden nada.
A Infidel, decirte que non creo que o exito da esquerda galega fornte do BNG, o exito do camilismo, o exito de Beiras ou de Anxo Quintana se deba ó apoio recibido dos medios. Penso máis ben que o seu exito ou fracaso debese o apoio moitas veces cego noutras consciente das militancias e dos cidadáns, a ertirada do apoio debese máis ben o incumprimento de expectativas, as conspiracións e a dinámica competitiva das cabezas visibles das coorporacións políticas, os medios tamén axudan pero non son a clave do exito ou non deberan. Pobres os governados só pola boa prensa.
A Carbalho, decir que cada vez é máis doado poñer a aparir ó BNG, dan moitas facilidades.
Evidentemente, Camilo nunca poderia ser o candidato do BNG porque a UPG nom o permitiria, pois seguindo a linha dos partidos comunistas clássicos presisava un lider mediocre a quem poder dominar.
Camilo Nogueira Román naceu en Lavadores (Vigo) en 1936. Enxeñeiro industrial e economista, foi eurodeputado polo BNG entre os anos 1999 e 2004.
Outros artigos de Camilo Nogueira en Vieiros.