Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Non teñen remedio

13:17 29/05/2007

As forzas da esquerda, PSOE e BNG, poden formar governo nas sete cidades galegas. Na capital da nación, Santiago de Compostela, nas catro capitais de provincia, A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, na cidade máis populosa, Vigo, e no simbólico Ferrol coa presenza de EU. Unha situación excepcional, mui diferente da de Andalucía, tida como referente da esquerda, onde como sempre a maioría das cidades van ser governadas polo Partido Popular ou de Madrid, o feudo da direita castiza.

Non é nada novo. Xa en 1999, muito antes da derrota do PP nas eleicións galegas de 2004 e anos antes da catástrofe do Prestige, o PP non governaba máis que en Ourense. Ainda máis, en 1999 o BNG governaba coa alcaldías en Vigo, Ferrol e Pontevedra cando o PSOE só tiña as outras tres.

Daquela era evidente que a idea de Galiza como país conservador e atrasado non se correspondía coa realidade política e social. Nen era a praza do PP, nen necesitaba engancharse como vagón de cola á locomotora do progreso que seica avanzaba desde Madrid, como pretendían os que desde a esquerda perderan a autoestima.

Hoxe os resultados galegos só son comparábeis aos de Cataluña.

Non o cren así os medios madrileños. Salientaron con razón os resultados de Navarra, tan reveladores como os galegos, subindo a primeiro plano unha realidade vasco-navarra que pretendían ignorar. Destacaron os do seu Madrid, malia que alí non houve nengunha surpresa, e os de Canarias e Baleares, de menor transcendencia política.

Os de Galiza non. Non teñen remedio.

4,36/5 (50 votos)


Comentarios (18)

eugalego #1 29/Maio/2007 eugalego
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Camilo, estamos contigo.

Xeonllo #2 29/Maio/2007 Xeonllo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Eu respeto moito a opinión de Camilo Nogueira, que me parece posiblemente o mellor candidato para estar á frente do BNG. Non só nas "sete" cidades principais de Galiza senón incluso nas oito, se contamos Vilagarcía, vai haber gobernos de esquerda -aínda que unha esquerda moi moderada- mais non podemos esquecer a moita forza que tiña e aínda ten a dereita centralista, que de momento é practicamente toda a dereita que hai, neste país. Non me parece lóxico, por exemplo, que nunha cidade industrial como Vigo o PP estea preto da maioría absoluta.

Barcelos #3 29/Maio/2007 Barcelos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Iso será porque tes unha idea moi simple do que é ser de esquerdas e ser de dereitas.
Hai que ser moi simple para pensar que Paco Vázquez é de esquerdas ou que Ruiz Gallardón é de dereitas.

Aínda existe o Centro, aínda que está camuflado. Tamén están os oportunistas que dan culto ao ego, como Corcoba, o Partido Gil, etc.

Barcelos #4 29/Maio/2007 Barcelos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Por que as cidades industriais teñen que ser de esquerdas?
É posible que os traballadores do metal non vivan na súa maioría en Vigo e non voten aí.

A esquerda e a dereita non existen. Son conceptos relativos. Aí tes a Zapatero que lle ensina á súa filla que os de esquerdas son os bos e os de dereitas os malos, e imaxínome que Rajoy fará o contrario coa súa, cando en realidade os malos son os dous.

Barcelos #5 29/Maio/2007 Barcelos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Posiblemente esperades que chegue a unha conclusión. Pois non. Non cheguei a ningunha.

Alguén me dixo un día que había que tomar partido, pero eu penso que tamén hai xente que non pertencemos a este mundo. Son un extraterreste de outra Galixia.

Xeonllo #6 29/Maio/2007 Xeonllo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Pois se pensas que non existe a esquerda nin a dereita, ¿que lle imos facer? Non hai peor cego que o que non quere ver.

A min paréceme normal que nunha cidade na que hai tantos obreiros e traballadores por conta allea sexa de esquerdas, mais pode ser que eu perciba o mundo ao revés.

Pois nada, está moi ben e é moi positivo que o PP teña moita forza en Vigo, para premiar, entre outras cousas, o decidido apoio do franquista Aznar á guerra de Irak. E o moito que esa xente fai por Galiza e o idioma galego, por descontado.

Barcelos #7 29/Maio/2007 Barcelos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

¿Que facía entón un personaxe de dereitas, Aznar, con outro de esquerdas, seu amigo "Tony Blear", con outro de sabe Deus que "Iorlli Bush", nunha illa no medio do Atlántico retando ao
mundo enteiro?
¿Sabes ti Xeonllo, que son as esquerdas e as dereitas? Que diferenza hai entre Hitler e Stalin? ¿Entre Franco e Fidel?
Cando fixen o servizo militar, ao pouco de morrer Franco, coa transición, as leis militares sorprendéronme, Parecían de esquerdas, mesmo do Partido Comunista, pero á hora de aplicalas convertíanse do Partido Fascista.
¿Entendes a miña incredulidade na política e aínda máis nos políticos?
Non é que estea cego. É que me deixaron vesgo. Ou ao peor vexo de máis.

eugalego #8 30/Maio/2007 eugalego
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

A oitava cidade galega e Ponferrada.

Xeonllo #9 30/Maio/2007 Xeonllo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Tes razón, Tigalego.

Por certo, ¿que resultados houbo en Ponferrada?

Infidel #10 30/Maio/2007 Infidel
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Mesmo pode ser beneficioso que os mass media da capital se ocupen pouco do cambio político que está a ocorrer en Galiza. Probablemente sexa millor seguir traballando sen moito rebumbio e sen chamar moito a atención, posto que do que se trata é de construir este país, non de gañar as portadas de Madrid.

uxio1976 #11 30/Maio/2007 uxio1976
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Que Vigo, logo do que ten acontecido coa súa clase política e con tódolos medios a prol de Corina, teña votado maioritariamente a unha esquerda que dilapidou voluntariamente todo o patrimonio electoral gañado entre 1999 2003, amosa ben as claras como esa cidade é indiscutiblemente de esquerdas. Eu apostaba que o PP acadaba a maioría absoluta.

dumiense #12 31/Maio/2007 dumiense
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

A realidade non é a que expón Camilo Nogueira. Moi ao noso pesar, Galiza, España e Europa tiran pola política conservadora, a do capital...

En Galicia e en España o partido máis votado é o PP, aínda coa súa política actual ultraconservadora. O PSOE acada votos a base de centralizar as súas accións, a base de traición aos seus principios socialistas. O BNG mantén o seu número de votantes grazas a que Quintana moderou o partido, fixo un partido de centro-galeguista.

Moi ao meu pesar, as verdadeiras políticas de esquerdas están desaparecendo. IU baixa, non se fala do PCE.

A única esperanza é latino-américa!!!

Gaviotero #13 31/Maio/2007 Gaviotero
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Muy bien, Camilín, al BNG y a las fuerzas de progreso les ha ido tan bien en Galicia, que en sitios como Vigo el PP ha pasado de un 33% en intención de voto a más del 44%, mientras que las fuerzas "progresistas" que decís vosotros, han bajado de más del 52% al 48%...seguid progresando así, que en cuatro años todas las que ahora han quedado a un concejal serán una clara mayoría absoluta.

Por cierto, Camilo, Santiago es la capital de la Comunidad Autónoma, no de la nación, porque Galicia NO es una nación...ayayayay, que nos hacemos mayores...

Gaviotero #14 31/Maio/2007 Gaviotero
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Este Camilo, ¿no fueron esos malos malísimos de la derecha los que te dejaron compuesto y sin escaño europeo?

Xeonllo #15 31/Maio/2007 Xeonllo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Galicia é unha nación que non ten estado propio. O que ten propio é unha autonomía, mais non por iso deixa de ser nación. O estado español é un estado plurinacional, guste ou non e dígao a constitución ou non. Tamén a terra xiraría ao redor do sol aínda que a constitución dixese o contrario, igual que o teorema de Pitágoras sería certo dixese o que dixese a constitución ou o estatuto de autonomía.

Infidel #16 1/Xuño/2007 Infidel
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

A min prodúceme unha extraordinaria satisfacción constatar como o medio rural e semirural deixa de ser unha finca exclusiva do PP. Esto que agora para algúns merece escasa valoración, parecía imposible ó co mezo desta década. Igualmente resulta novedoso que o ascenso do PSOE non implique, necesariamente o decremento do BNG, circunstancia que era habitual nas dúas décadas anteriores. O éxito non é absoluto, nada o é, pero hai razóns para mirar o futuro con optimismo, sobre todo agora que a coalición BNG-PSOE xa non ten coartada para non levar a cabo a transformación que este país precisa.

Maeloc-do-Rouco #17 3/Abril/2008 Maeloc-do-Rouco
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Gaviotero: Demonstra que Galiza nom e umha nacom, fai favor ouh

Maeloc-do-Rouco #18 3/Abril/2008 Maeloc-do-Rouco
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Gaviotero: Demonstra que o Est. Espanhol e umha nacom, fai favor ouh...cais som esses alicerces "nacionais"??

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Camilo Nogueira

Camilo Nogueira

Camilo Nogueira Román naceu en Lavadores (Vigo) en 1936. Enxeñeiro industrial e economista, foi eurodeputado polo BNG entre os anos 1999 e 2004.

Outros artigos de Camilo Nogueira en Vieiros.