Vieiros

Vieiros de meu Perfil


LUGAR DOS ROMANZINHOS

A propósito do financiamento autonómico

12:15 07/07/2009

Se durante a Ditadura a visión de Galiza como Noroeste servía para ocultar ese país pobre, lonxano, cuxos habitantes estaban adoecidos por emigrar, agora ten outro carácter, mais a opinión preconcebida perdura, tendo protagonistas externos e, ¡ai!, internos.

Ha pouco máis dunha semana no Faro de Vigo, nunha interesante entrevista feita por Selina Otero ao xornalista de La Vanguardía Enric Juliana con ocasión da publicación do seu libro La deriva de España, este afirmaba que agora “o verdadeiro sur de España é o noroeste, que ficou estancado”, integrando nese espazo interpretativo ás catro provincias galegas, con Zamora, Palencia, León, Salamanca, Asturias e parte de Cantabria. Galiza “lonxe de Madrid, do Mediterráneo, de África, das rotas navais que enlazan Europa con Oriente, sendo Portugal a única viciñanza”, reproducíanse así as apreciacións da obra do xornalista catalán. O que o relato non incorporou é que Galiza fica perto de Inglaterra e de Franza por mar, mirando ao Atlántico frente a Norteamérica e virando á esquerda para Brasil, pasando por ese horizonte unha parte fundamental do tráfego marítimo mundial. Nen incluíu a realidade singular de ser o país da chuva, o vento e o sol e dos 1.500 quilómetros de costa, tantos como todo o mediterráneo peninsular. Pudo dicer, ademais, que a  viciñanza con Portugal non é apenas cuestión de xeografía senón tamén de intercambio comercial, situándose a galega como a primeira Comunidade Autónoma na importación e exportación á nación portuguesa, máis que Cataluña ou Madrid. Sería demais que Juliana encimase a todo iso a noticia, desconcertante, de que Galiza é a Comunidade Autónoma máis exportadora ao estranxeiro, depois de Navarra, destinando produtos equivalentes a 30% do seu PIB, unha cifra varias veces superior á de Madrid, que vive de outras cousas. Pudo dicer todo isto, mais é preciso recoñecer que resulta demasiado exixente reclamar a alguén que analisa “a deriva de España” que Galiza sexa xuzgada por sí mesma e non de acordo co preconceito español que toma por centro a excéntrica posición de Madrid a respeito de Europa e do mundo ou seguindo a interiorizada representación do Estado como mediterráneo.

Ainda que preso da visión ideolóxica oficial, Enric Juliana demanda un novo equilibrio económico no Estado español. Porén, para situar as cousas no sitio debido, debería ter en conta que Galiza é hoxe un dos paises máis industrializados do Estado, tendo unha proporción de emprego no sector industrial superior á media estatal e que lidera múltiples sectores económicos na Península, dispondo de sectores primarios especialmente capaces, grazas ao esforzo da súa xente e a pesar da sangría demográfica causada pola marxinación e a emigración consecuente, que continúa. Tería que saber que Galiza non ten unha especial relación comercial con Madrid, nen posibelmente a vaia ter, exportando a ese lugar do poder político, económico e mediático, iso sí, a maioría dos tributos que aquí se arrecadan. Que este país non precisa tanto axudas como autogoverno e a instrumentación do remedio final dos obstáculos da comunicación por terra, mar e ar que ainda padece.

Galiza debe ser solidaria cos territorios próximos, de Asturias a Salamanca, cos que tivo relacións históricas tan importantes como ignoradas pola cultura política dominante, como tamén con todos os demais. Non obstante ha que dicer que a situación económica e os problemas galegos son específicos, non tendo sentido integralos naquel pacote político-territorial.  

Non resulta estraño que desde fora nos perceban simplesmente como parte da simpleza do Noroeste “deprimido”. Depois de todo esa visión forma parte da ideoloxía dos que governan en Galiza. Cren que o problema económico a resolver é o de ser mellor tratados por un poder madrileño que non se pon en causa. Non pensan máis  que en como chegar axiña a Madrid no canto de avanzar na integración interna de  Galiza e na relación con toda Europa e co mundo.

A visión da Galiza excéntrica e pobre tivo sempre un carácter político. Mantense agora malia que foi superada contra vento e maré polos axentes económicos e sociais do noso país, pola nosa xente. Mais informa ainda as propostas de financiamento da autonomía que procura o Presidente do Governo Galego, fundamentándoas apenas nos cartos suplementarios que deben chegar a conta do avenllentamento, a dispersión da povoación e emigración -demandas que non poden esquecerse-, cando no que habería que pór o acento principal é na competencia política sobre a participación e regulamentación no arrecadamento dos grandes tributos e sobre a criazón de impostos proprios. Galiza ten unha renda por habitante próxima ao 90% da media da UE de 27 Estados. Porqué non había de dispór así de recursos de sobra para atender a un Orzamento de gasto que hoxe non sobrepasa o equivalente a 24% do Produto Interior Bruto galego?.

Coda 1: A dispersión da povoación merece ser considerada no financiamento autonómica, mais herdada da estrutura económica e social tradicional, agora constitui unha fortuna a protexer e non unha desgraza a superar. É preciso superar o avellentamento, mais os que reclaman xustamente un financiamento especifíco farían ben en praticar unha política de crecimento demográfico que estiver entre as maís importantes, senón a máis importante, das praticadas polo Governo Galego.

Coda 2: Cristóbal Montoro, antigo ministro de Aznar e eurodeputado de traballo descoñecido, agora portavoz económico do seu partido no Congreso dos Deputados, propugna a fusión de Caixa Galicia con Caja Madrid e Caja de Ahorros del Mediterráneo. Resolveríanse así todos os nosos problemas: solucionaríamos a crise financeira, ficaríamos enganchados á prosperidade e abriríamos definitivamente unha canle cara o centro e o Mediterráneo, sempre costa abaixo. 

Coda 3: Podo equivocarme e estou disposto a recoñecelo con tristeza antes de seguir adiante, mais intúo de que a grande maioría dos pais que enviaron a enquisa sobre as línguas no ensino contestaron en favor da língua galega, sabendo por riba que en Galiza ese é o camiño para saber muitas máis. 

4,81/5 (31 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Camilo Nogueira (foto pequena)

Camilo Nogueira

Camilo Nogueira Román naceu en Lavadores (Vigo) en 1936. Enxeñeiro industrial e economista, foi eurodeputado polo BNG entre os anos 1999 e 2004.



Máis opinións