Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Farruco Graña

Felices anos 80?

11:57 31/12/2009

Alá pola década dos 80 o noso país viuse inmerso nunha curiosa situación política que amosaba a punta do iceberg dunha actitude política que proporcionaría anos de estabilidade no poder ao partido daquela (e agora de novo) gobernante. O PP de Xerardo Fernández Albor, un pouco máis respectuoso co galego e a nosa cultura ca esta caste de nugalláns neocon urbanitas requintados, aprobaba a Lei 3/1983 de Normalización Lingüística.

O goberno central, presidido por Felipe González, presentaba recurso de inconstitucionalidade. Manda truco! O PSOE, en cuxas listas ao Parlamento galego se presentaran Ramón Piñeiro e Carlos Casares, berraba alto e claro, na forma do devandito recurso, un “non” ao galego. As actitudes xacobinas e localistas do socialismo galego impúñanse por riba da visión de país imprescindíbel para artellar un proxecto político global que vertebrara unha alternativa clara ao PP. O paraugas do goberno central (cunha perspectiva de poder longa) e o das principais cidades e vilas galegas, amparaba unha estratexia de carácter localista (para Galiza) e xacobina (para a visión do estado).

Agora que imos comezar os anos 10, outra situación paradoxal asoma no escenario político. O PP de Feijoo (aínda vai ter que demostrar se [2]009 ou 2038) aceptou debater no Parlamento galego a proposta de Lei de Caixas presentada polo BNG. É ben certo que a actitude inicial de Feijoo semellaba máis ben a de quen está á expectativa de agardar ordes dos superiores coa fin de agradalos e poder aspirar a máis ascensos na política “nacional” (por española, obviamente). Nótase que as presións desde certos poderes fácticos deixaron a súa pegada na decisión de Feijoo, pero á fin decidiuse a coller o toro polos cornos e aceptou o reto. Tras a negociación pertinente, na que participaron os tres partidos do arco parlamentario, aprobouse a Lei de Caixas cos xa sabidos apoios do PP e do BNG e o voto en contra, nin sequera a abstención, do PSdeG.

Xa postos con paralelismos, houbo neste caso, como cando o PP se descolgou da negociación do decreto 124/2007 de uso do galego no ensino, unha chamada desde Madrid (léase Ferraz)? A actitude sopesada de Xaquín Fernández Leiceaga ao comezo do proceso negociador viuse desbordada polo elefante Pachi Vázquez (ben alentado polo rei da xungla, Xosé Blanco). A andrómena dos parvos útiles de Ricardo Varela non pasa de chiste malo e reflicte unha prepotencia fóra de lugar se realmente se quere artellar unha alternativa ao PP de Feijoo.

Que un partido que se di de esquerdas advirta dos perigos de intervencionismo estatalista coa Lei de Caixas agora aprobada mostra ata onde pode chegar a hipocrisía de algúns. As advertencias dun feixe de recursos contra esta Lei de Caixas traen á nosa mente recordos dunha década xa afastada no tempo, pero cada vez máis preto de nós a raíz da sucesión de feitos e actitudes. Semella que neste partido o PSdeG adiantou toda a súa defensa erguendo os brazos e reclamando fóra de xogo ao árbitro do partido. Por certo, este árbitro non é caseiro. Pita para os de fóra.

(PD) Está nas mans do nacionalismo galego evitar repetir os erros cometidos nesa década dos 80. Ou recuncar neles. En todo caso, felices e ventureiros anos 10 para todas e todos.

4.5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Farruco Graña

Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »



Anteriores...