Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Farruco Graña

Diversidade en harmonía

13:40 03/04/2008

No proceso de recuperación da nosa identidade arquitectónica podemos correr o risco de pasar do odio secular á pedra a unha filia irracional pola mesma. É certo que a pedra foi un material de primeira magnitude na construción das casas dos nosos antepasados. Houbo épocas nas que foi ocultada por recebo e pintura (por considerala de probes). Posteriormente recuperaríanse moitas desas fachadas orixinais. Véxanse un sen fin de vilas mariñeiras nas Rías Baixas que pouco a pouco deixaron atrás o cemento e a pintura para recuperar á vista a pedra orixinaria.

Noutros contornos a pedra era de manpostería, e non en bloque homoxéneo. No seu momento, a escaseza de materiais na construción das casas facía que se recubrira a fachada para protexer mellor o interior de humidades e frío. Outra cousa é que actualmente, coas técnicas de illamento, poidamos protexer o interior sen necesidade de recubrir a pedra da fachada (ou, no seu caso, recuperándoa á vista).

A Torre dos Moreno (Ribadeo) e o edificio Castromil (Compostela) foron das primeiras construcións civís no país en usar o formigón. Como material construtivo é un avance importante na historia da construción. Hai casas do primeiro tercio do século XX que, con ter cemento á vista, amosan unha beleza envexábel. Porque ese material estaba, neses casos, ao servizo dun criterio de beleza. Había modelo, referente. Non simple caos especulativo, arquitectos sen ningún afán creativo e promotores/propietarios amarrados tanto de peto como de mente.

En Carballo tivemos, e por sorte aínda temos, moi bos exemplos do saber facer da construción con cemento. Quero destacar a Casa Neira, ou Casa Grande, na Gran Vía. Pero tamén poderiamos lembrar varios edificios das rúas do Hórreo, Camiño Novo, Coruña... Claros exemplos de combinación de distintos elementos construtivos tendo como referentes os criterios básicos de construción nas vilas galegas do seu tempo. Outrosí poderiamos dicir da aldea. Se ben a pedra foi o material primordial na súa construción, de cando en vez vemos nos núcleos rurais (sobre todo se hai unha estrada xeral de por medio) casas nas que se empregou o cemento. Pero con criterio. Pola Mariña lucense tamén podemos aportar un sen fin de exemplos de construción civil na que se usou o cemento que enchen o ollo a fartar. Non se trata de odiar este material porque si. Lembran a casa que serviu de escenario para a rodaxe de “Mar adentro” en Abelendo (Xuño, Porto do Son)? Ata un pequeno valo feito de bloque estaba perfectamente integrado no contorno grazas á acción naturalizadora e humanizadora da carriza.

4.11/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Farruco Graña

Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »



Anteriores...