Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manifesto moi partidario

11:25 07/07/2008

Ao longo desta primavera foi cobrando vida un manifesto que a priori é presentado como apolítico e en aras do ben común: a defensa de algo tan nobre como a propia lingua; iso si, a que eles consideran a súa lingua e común a todos os cidadáns do Estado Español: o castelán.

Coidadiño! Ben patente deixan que é unha preocupación política (logo xa non é apolítico o manifesto), pois o español goza dunha vitalidade sen igual no mundo enteiro; mágoa de chineses e anglófonos! En realidade, trátase dunha preocupación político-institucional (máis ben político-partidaria) polo claro predominio que, segundo os defensores do escrito, debe ter o español.

Tal predominio vese claramente referendado cando constatan que só é obrigatorio coñecer unha das linguas do Estado. A Constitución ampara unha evidente asimetría lingüística (o cal non ven inxusto, noutros casos si). Consagra así mesmo unha opción política moi concreta: non hai dereitos colectivos; só individuais. Son os cidadáns os que teñen dereitos lingüísticos, non os territorios, nin tampouco as linguas.

Seguindo con esta visión superior do español, combina a obrigatoriedade do seu coñecemento cunha voluntariosa aspiración a coñecer as outras linguas, desexo que só poderá ser estimulado o suficiente para que poidamos convivir cortesmente cos demais. Eh!, que os demais somos os que temos lingua propia, non catro paspáns que pasaran por alí por onde eles estiveren. Aínda que, lendo o manifesto, non se sabe moi ben por que nos toman.

Curiosamente, a constitución que sacralizan ao comezo do escrito pasa a ser, posteriormente, interpretada segundo o seu “san” xuízo. Ollo ó piollo co artigo 3, apartado 3, non o leamos de calquera maneira, só como eles digan. Eles si que poden interpretar a Constitución; os demais, non. Aínda máis: con toda a fachenda postulan unha reforma constitucional regresiva e de grandísimo calado: tanto como para derrogar total ou parcialmente varios estatutos de autonomía. Mi madriña! Menos mal que só se trataba dun manifesto de carácter lingüístico. Velaí vai a reforma:

-Aos españois só se lles pode supoñer a comprensión e coñecemento do español (en esencia, unha España unha e unilingüe); por certo, defenderán o mesmo para o inglés en EEUU? De se incorporar Xibraltar a España, que lingua habería que presupoñerlles?
As linguas cooficiais nunca poderán ser vehiculares no ensino de xeito exclusivo; mais en que quedamos, os dereitos lingüísticos son individuais ou colectivos?; segundo o caso, entón? Por exemplo: Luís, da Estrada, poderá estudar todo en castelán (agás o galego, claro) e Antón, da Laracha, podería estudalo todo en galego (agás o castelán)? Se aquí, na Galiza, si, por que non en Euskadi, por un dicir?

-Que haxa algún funcionario/a exótico/a  que saiba a lingua autóctona correspondente está moi ben; é guai, ponlle cor á vida e a un traballo tan gris; mais non todo o funcionariado debe coñecer a lingua cooficial correspondente (aquí non se especifica se é ou non recomendábel comprendela un pouquichiño polo aquel da convivencia cortés, e tal). E digo eu, entón tampouco fará falta que os cidadáns da UE que veñan opositar ao Estado Español realicen o exame previo eliminatorio de castelán, abondará con que demostren ao realizar as probas pertinentes que se saben expresar con soltura (polo menos para unha convivencia cortés).

-Xa na enésima ovella de tan infausto soño, ata se atreven a propoñer lexislación sobre un aspecto non regulado legalmente, aínda que si admitido tacitamente e recomendado colectivamente, como é o uso da lingua propia nos parlamentos autónomos; se alguén o quere facer, que o faga; outra cousa é que a aceptación social sexa nula.

Que unha nova organización política, como UPYD, queira facer proselitismo non ten nada de estraño. Que o PP lle entre ao trapo, ata certo punto, tampouco, pois xa boa estopa lle deron aos Aznar, Acebes e compañía en Valencia. Apoiando isto quedan como Deus e non gastan un can. Pero que o PPdeG lles siga a corrente non os leva a ningures; alá eles. Querer facer crer que na Galiza o castelán corre perigo e como dicir que a zorra, no medio do galiñeiro, vai ter que ser custodiada polo granxeiro. Que o PSOE cale, tampouco é bo (agás algunha beizón urbi et orbe que daremos por imposíbel). Que o PSdeG mire cara a outro lado non é nada conveniente. O BNG ten que facer notar máis a súa posición. Estamos achegándonos ao Día Nacional de Galiza. Imos defender entre todos os que nos sentimos orgullosos do galego o mesmo status xurídico para el e o castelán a todos os efectos e en todos os ámbitos legais? Imos poñer fin a esta, agora máis que descarada, superioridade do castelán sobre a nosa lingua?

4,71/5 (24 votos)


Comentarios (9)

mceleiro #1 7/Xullo/2008 mceleiro
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Bom artigo. Bate certo em muitas questões importantes. Parabéns.

Nunca eu pensara no "Gibraltá ejpañol!". De conquistar aquele paraiso fiscal, como agiriam face ao inglês?
O resto das línguas do Estado são "lenguas minorizadas", o inglês, igual que o galego-português é uma língua internacional. Criar o "gibraltarenho", língua de seu?

Obom #2 7/Xullo/2008 Obom
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Muito boa, mceleiro!

E não creio que os da UPYD dem incrementado os seus votos com essa estUPYDez!! Votaram-nos quatro ressentidos do PSOE e do PP de Madri. Fóra daí, não conseguirão apanhar mais.

Obom #3 7/Xullo/2008 Obom
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Os que sim podem perder bem de votos são os do PPdeG como continuem a fazer parvadas.

LOIS_DE_SILAN #4 7/Xullo/2008 LOIS_DE_SILAN
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

"Imos defender entre todos os que nos sentimos orgullosos do galego o mesmo status xurídico para el e o castelán a todos os efectos e en todos os ámbitos legais?"

Pois NON!, para iso non contes comigo!

Aínda non sabendo cal é o estatus xurídico que pretendes defender para o castelán (oficial nas institucións da ONU, nas da UE, en todo o territorio do Estado español, só en "Castela" ?): o estatus actual ou outro que non expresas?, semella esqueceres que na Galiza a lingua propia éche o galego, como en Castela cho é o castelán.

Dárchelle na Galiza a unha lingua allea o mesmo estatus que á lingua propia éche tratar igual os distintos e, daquela, discriminar.

Dárchelle na Galiza a unha lingua allea (castelán) un trato distinto ó das outras linguas alleas (catalán, euskara, francés, inglés, chines, ... ) tamén che é tratar distinto os iguais e, daquela, tamén che é discriminar.

O castelán fóra do seu territorio propio, Castela, na Constitución española do 1978 tenche o papel de interlingua, lingua ponte, lingua que permite a comunicación entre españois membros de distintas comunidades lingüísticas españolas e mais, daquela, a integración de calquera membro de calquera comunidade lingüística española en calquera outra española.

O autarquismo político-cultural franquista xerador da Constitución de 1978 considerou España como prevalente universo lingüístico dos españois e por iso escolleu, acertadamente desde esa perspectiva de chauvinismo español!, o castelán como lingua ponte ou interlingua dos españois; porén, actualmente (UE, proceso de globalización) os membros das distintas comunidades lingüísticas españolas, europeas e do mundo precisamos dunha outra lingua ponte ou interlingua que nos permita a calquera membro de calquera comunidade lingüística do planeta comunicarnos lingüisticamente de xeito directo con calquera outro de calquera outra e mais, daquela, integrarnos en calquera outra comunidade lingüística do mundo.

Todas as linguas deben ter, nos seus territorios propios!, o mesmo estatus xurídico, institucional e cultural!; porén, igualar o estatus das alleas co da propia no seu territorio ou comunidade lingüística sen territorio éche continuar co actual proceso de exterminio das linguas menos potentes.

Gaviotero #5 8/Xullo/2008 Gaviotero
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Pues sí, Farruquito, es muy pero que muy partidario: partidario de la LIBERTAD, partidario de los derechos de TODOS los españoles, incluido tú.

Pero como es lógico esto le parecerá mal a cualquier totalitario, a cualquier nacionalista.

Por eso es bueno que tú lo critiques, aunque sea de forma tan parcial como lo haces. Te ciega el nacionalismo.

Dices que estos tipos del Manifiesto interpretan la Constitución...¡¡¡Y LO DICES TÚ!!!

Pero tío, que llevamos 30 años asistiendo a interpretaciones de los más retorcidas por parte de los nacionalismos de todo tipo de leyes, desde eso de que la "lengua propia" querría significar que es la única, cuando no la exclusiva, que no es lo mismo, hasta la interpretación de la reciente sentencia de la Justicia catalana, según la cual la Generalidad de Cataluña debía impartir la tercera hora de castellano y, según ERC, decía justo lo contrario.

Y deja de inventarte cosas de tu propia cosecha. Nadie habla de amenazas para el castellano, sino para los derechos de los castellanohablantes.

Pero qué te voy a contar yo a ti de los derechos de las personas, siendo tú tan nacionalista.

lavesedo #6 8/Xullo/2008 lavesedo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

é unha ghavota??, NON TAL! é un avión??, NON TAL!, é un feixista con pluma(s)? NON TAL! É SUPER LÓPEZ!!! parabéns pola túa volta para nos ensinar o mundo aos probes nasionalistas...

ecoe #7 8/Xullo/2008 ecoe
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

MALICIA BILINGÜE (Graciñas Calros Solla)

roibran #8 9/Xullo/2008 roibran
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

E curioso que o Gaviotero non sexa nacionalista e empregue unha bandeira coma símbolo. E qué non ten un simbolo persoal?

ranciadas #9 9/Xullo/2008 ranciadas
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Luz Casal descólgase do "manifesto":

http://www.elplural.com/politi...

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:





Locais:
GZ-Sete