Open Vieiros

Vieiros

E o teu país normal como é?
Vieiros de meu Perfil


Cristo que, ho?!

09:50 01/12/2008

Conseguir que os símbolos relixiosos foran desaparecendo dos centros educativos non foi labor doado. Sempre había algún que outro detalle que espertaba grandes receos por parte dos totems, cadeirádegos, vacas sagradas, pata negra (e reminiscente camisa azul) dos institutos e colexios.

Desde a capela como lugar sagrado, intocábel, inviolábel, etc., ata os crucifixos nas aulas, salas de profesores e salóns de actos, todo un universo iconográfico semellaba quedar por riba do ben e do mal; e o que é peor, por riba da transición política cara a un sistema político aconfesional. Vaia coa que se armou no IES Alfredo Brañas cando, querendo facer unha reforma na cafetaría se facía preciso afectar unha parte da sancristía da capela do centro! “Isto é unha manobra encuberta para facer desaparecer a capela do instituto!” Tamén no IES Marqués de Casariego houbo que botar man dunhas reformas no salón de actos para retirar un retablo cun enorme crucifixo no centro. E tantos exemplos máis! De todos é sabida a produtividade neste tema das reformas, necesarias por outra banda, levadas a cabo tanto na vía pública (probe (?) burro montado a cabalo!) como en edificios públicos.

En sentenza emitida polo xulgado do contencioso administrativo número 2 de Valladolid, e por recurso dun grupo de pais defensores dun ensino laico, obrígase a un colexio a retirar os crucifixos das súas aulas. Dito xulgado considera que a presenza de calquera símbolo relixioso, nomeadamente o crucifixo, vai contra o espírito da Constitución, que define ao estado español como aconfesional. Ademais, xa o Tribunal Constitucional sentou doutrina acerca da laicidade e neutralidade do Estado. Nun campo tan sensíbel como o da educación, débese velar polo respecto ás distintas confesións relixiosas, así como polo non seguimento de ningunha delas. Acostumados como estabamos ata hai ben pouco a ter escasa presenza de poboación inmigrante e de distintas relixións, parecía como normal contemplar o crucifixo e que, en todo caso, pasaran por rariños os non seguidores desa crenza (ou sexa, os non crentes ou os estranxeiros, pois non lles cabían na cabeza “nacionais” non católicos).

Semellaba que o debate quedaba lonxe. Que as distintas reformas foran deixando no caixón dos trastes a vella simboloxía relixiosa. Pero non. Nestes momentos en que a dereita non apoucada se manifesta abertamente cara aos demais reafirmándose nos seus principios ben conservadores, agora é a quenda da iconografía cristián. Tal e como puidemos comprobar que o principal problema da cidadanía era a brutal e atroz persecución do castelán polos imperiais idiomas galego, euskera e catalán, agora son esas hostes de pérfidos ateos cristofóbicos os que poñen ao país en xaque querendo borrar os sinais de identidade dunha civilización milenaria. Xa sentou doutrina a xerarquía eclesiástica española despois da XCII Conferencia Episcopal Española: hai que defender o crucifixo como elemento base da nosa (enténdase que deles) cultura. Por suposto, como non podía ser menos, o PP xa se apuntou ao carro. A ninguén molesta un símbolo tan entrañábel. Farán deste tema outro dos eixos da vindeira campaña electoral? O goberno, pola súa banda, de novo xoga ao gato e o rato: que cada consello escolar decida. Cren vostedes que un aspecto tan básico recollido pola Constitución de 1979 como é a aconfesionalidade do Estado pode ser sometido ao criterio de cada Consello Escolar?

4,44/5 (16 votos)


Comentarios (13)

mansdodemo #1 1/Decembro/2008 mansdodemo
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Hai unha CONSTITUCIÓN(aínda que precisa ter reformas),que hai que aceptar e cumplir.Eu,xa hai moitísimos anos,retirei da miña aula o crucifixo,e non o fixen por ir contra Cristo(ao que respeto, e moito),senón porque xa me decataba daquela,que os símbolos relixiosos non debían ficar nas aulas.
O Consello Escolar non pode ir contra a Constitución.

OBSERVADOR #2 1/Decembro/2008 OBSERVADOR
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

E a foto do Rey Bourbon que?

Xeonllo #3 1/Decembro/2008 Xeonllo
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Pois a foto do rei, mentres vivamos nunha monarquía, é inevitable. O que non é inevitable senón unha esixencia legal, ademais de xusto, é non confundirmos unha aula escolar cunha igrexa. O que sucede é que iso, malia ser lei vixente, se incumpre.

ecoe #4 1/Decembro/2008 ecoe
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Pois nesas tamén é inevitable a confusión, pois a mesma (con P) constitución fala de respectar as crenzas maioritarias, por tanto tamén na escola, na rúa, nos edificios oficiais, televisións públicas, cadeas de radio, xornais,...

Celso #5 1/Decembro/2008 Celso
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Xeonllo #3, não te inteiras: De RELIGIÃO é que está a falar OBSERVADOR, ó! Um poder masculino vitalício, não eleito, que não é responsável perante a Lei dos homens, que foi colocado aí por um ser superior, que preside todos os nossos atos, que tem enfados humanos PorQuéNoTeCallas como Jesus Cristo no Templo, que tem os seus "pecadillos" perdoados como Jesus Cristo com Maria Magdalena, que nunca jurou a Lei (a Constitución) porque a Lei emanou dele (imaginas Jesus Cristo jurando os 10 mandamentos?), que redimiu o Povo durante a Transición, que foi traído polos seus apóstolos em 23-F (Milans del Bosch; ou polo menos isso diz ele; haveria que ver se Cristo também foi traído), e que aparece no TV em 24 de Dezembro para dar-nos mensagens religiosas de Paz... Um poder inquestionado pola maior parte dos democratas-cristãos... Vamos, homem, se isso não é religião não sei o que é.

A mim o pagamento dos meus impostos não mos preside um senhor eterno, nem nos edifícios públicos nem na minha casa.

Xeonllo #6 1/Decembro/2008 Xeonllo
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Si, Celso, estamos nunha teocracia.

Celso #7 2/Decembro/2008 Celso
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Absolutamente. Que foi antes, Deus ou o Estado? Por isso o Estado burguès é incapaz de declarar-se ateísta, que significa que não tem deus. Declara-se "aconfessional" ou "laico", como se se declarasse "avegetariano", "nem ecologista nem o contrário", "assexista" (nem uma cousa nem a outra).

"Laico" significa 'secular, que não pertence a qualquer ordem religiosa'. É uma definição ex-negativo. O Estado, como tal, ou é ateísta, ou está subordinando a sua definição à religião.

malatesta #8 4/Decembro/2008 malatesta
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Noutros países da Unión Europea é unha obviedade que nin os mesmos cristiáns cuestionan: as institucións públicas e os seus equipamentos deben de estar ao marxe das ideoloxías relixiosas. A non confesionalidade dos recursos públicos é un requisito necesario para que poidan ofrecer os seus servizos en condicións mínimas de igualdade, tolerancia e liberdade.
Marcar un aula cun crucifixo é transmitir diariamente ás mentes dos alumnos/as unha mensaxe moi clara de proselitismo católico; ademais, erosiona o desenvolvemento do principio de liberdade de pensamento e de expresión, fundamental para a aprendizaxe dun neno/a. No aula debe predominar un ambiente de ensino racional e non de irracionalidade; de liberdade e tolerencia civil e non de servidume e intolerancia relixiosa; de igualdade e non de discriminación para aqueles que pensan - cren de maneira diferente.
Desde a crenza relixiosa é imposible xerar individuos libres, tolerantes e iguais; a relixión está baseada no pensamento irracional - dogmático (a crenza, a revelación divina a través dun profeta), o autoritarismo paternalista (papa-bispo-cura-pastor/crente-ovella-servo) e o pensamento dual baseado en criterios morais histórico-culturais que tratan de camuflar como produto da revelación divina, xeradores de segregación, desigualdade e sufrimento (deus-ben/demo-mal; cura-ben/humano-pecador; home-sacerdocio-sabedoría/muller-nai-ignorancia; home-pai-autoridade/muller-fillo(a)-subordinación; castidade-ben/sexualidade-mal;etc.).
Escribiu Bertrand Russell (Por que non son cristián)que as ideoloxías relixiosas cristiás melloraron bastante grazas á crítica realizada polos ateos e agnósticos; pero, aínda así, continúan sendo unha ideoloxía de irracionalidade e servidume para o ser humano, un inferno, unha fábrica de delirios e sufrimentos mentais, unha mazmorra para o espírito libre, racional, igualitario e fraterno do ser humano.
Desde a sociedade civil debemos defender as liberdades que conquistamos, non confíemos nos políticos profesionais porque están máis pendentes de asegurar os seus garavanzos - poder buscando votos no celeiro católico; por acadar e conservar o poder son capaces de vender a súa alma ao demo, á canalla da santa inquisición de Rouco, Cañizares, Opus Dei e o papa católico.
Igual que o chamado Xesús de Nazaret expulsou aos comerciantes do templo do seu deus, nós temos que facer o mesmo e expulsar aos crucifixos e curas dos centros públicos de ensino.
A escola pública non é un lugar para formar idiotas-servos do dezmo, senón homes e mulleres intelixentes, libres, fraternos, tolerantes e iguais.

Xeonllo #9 4/Decembro/2008 Xeonllo
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Unha teocracia sería que o rei fose un dios ou un sumo sacerdote que gobernase dende a súa posición de clérigo. Sería como se o rei fose o presidente da conferencia episcopal, un ser divinizado como o foi o emperador do Xapón, que dimitiu de deus despois da segunda guerra mundial, ou como monarcas da antigüidade clásica ou preclásica, por exemplo no Exipto dos faraóns.

O que hai aquí e agora é un estado oficialmente non confesional (nin a palabra "laico" se emprega, aínda que vén sendo o mesmo dicir "non confesional" que "laico", salvo matices sibilinos que parece que lle importan moito á curia). E ese estado non confesional na práctica permite feitos que o contradín con total naturalidade e sen que o poder, tanto executivo como xudicial, mova un dedo para impedir esas cousas que non parecen nada legais. ¿Que cousas? Pois, a parte do dos crucifixos, a presenza oficial de alcaldes e representacións do exército nas procesións ou actos relixiosos das festividades, a chamada "ofrenda anual ao apóstolo", os actos relixiosos oficiais en festividades de institucións do estado como o exército, policía e probablemente outras, o xurar cargos ante a Biblia, o mesmo feito de que os reis teñan que ser sempre católicos (a raíña "converteuse" no seu momento ao catolicismo para casar co rei), etc.

mceleiro #10 4/Decembro/2008 mceleiro
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Como revelou Cristo aos seus discípulos,

y = x^2

não o entenderam, mas era uma parábola.

Celso #11 5/Decembro/2008 Celso
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Ai Xeonllo #9, obrigado pola explicação, não sabia o que era uma teocracia. Agora já sei que a figura dum rei eterno não eleito cuja efígie preside a vida pública e não pode ser queimada não tem nada a ver com o monoteísmo patriarcal cristão.

Xeonllo #12 5/Decembro/2008 Xeonllo
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Celso:

Así son todos os reis.

Non debemos mesturar iso co asunto do que estamos a falar, que é o do estado confesional ou non confesional. Son temas diferentes, e o mesturármolos é como boicotear o debate sobre un deles. Para que haxa claridade e non confusión, cada tema debe tratarse por separado.

Celso #13 5/Decembro/2008 Celso
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Xeonllo, está tudo muito claro, nada misturado: Nas escolas, nem símbolos religiosos nem efígies de senhores que metem medo, sejam reis ou presidentes. Nem hinos, nem bandeiras. Nem publicidade de Coca-Cola nos comedores. Escolas públicas CIVIS, não religiosas, estatais ou comerciais.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: