Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Un cambio político histórico.

13:01 19/06/2007

É a primeira vez na historia de Galicia desde a democracia que se produce un cambio do mapa político tan extenso que leva a que case dous terzos da poboación vaian estar, nos seus municipios, con gobernos de esquerda, formados por coalicións -a gran maioría deles do PSdG-PSOE e BNG. Supón, ao tempo, unha gran oportunidade para a esquerda pero, tamén, unha enorme responsabilidade.

Este mudanza na situación política de Galicia, a nivel municipal, é unha continuidade que traslada a ese nivel o cambio que se iniciou nas pasadas eleccións autonómicas, coa formación dun novo goberno na Xunta de Galicia constituído por unha coalición do PSOE e o BNG que substitúe ao longo período de maiorías absolutas do Partido Popular, que permitira gobernar a Fraga desde decembro de 1989.

O acordo marco alcanzado polo PSOE e BNG recentemente, deu o seu froito - razoablemente - a nivel local o pasado día 16 de xuño (certo que con excepcións). Nin o PSdG nin o BNG, por si mesmos, obtiveron resultados que permitisen, de xeito xeneralizado, gobernos monocolor. A perspectiva a medio prazo de que algún dos dous partidos poida acadar unha hexemonía que lle permita gobernar en solitario é moi improbable, o que veu forzando e forzará aínda, un entendemento entre ambas forzas políticas, co risco de que se este non se produce, o Partido Popular, que mantén, aínda, unhas bases sociais suficientemente amplas e consolidadas, que o converten nunha ameaza e nun rival forte con capacidade, aproveite calquera ocasión para facer reversible a situación política nas próximas eleccións.

O PP foi capaz, en circunstancias adversas, de obter uns bos resultados, aínda que iso non evite unha enorme perda de cota de poder. Consegue a maioría en dúas provincias, as do Sur, que lle permiten manter os gobernos de ambas deputacións e, sobre todo, obtivo un bo resultado nas principais cidades, nalgunhas moi próximos á maioría absoluta; pola contra, nun escenario dunha participación bastante baixa nas cidades, tanto o PSdG (case logra manter os votos recibidos en 2003 -Ourense e Ferrol case compensan as perdas na Coruña e Santiago) como o BNG (de forma moi significativa - en todas e cada unha das sete cidades perde votos)) diminuíron os seus apoios. Ambos partidos deberan analizar detidamente as causas que motivaron ese escenario, ben sabido, por distintos estudos realizados sobre o comportamento electoral dos últimos quince anos, que a baixa participación prexudica especialmente á esquerda.

Liberados do vazquismo
Aínda que alcanzaron unha cota de poder inmensa, por primeira vez, na nosa terra, o BNG ha de demostrar que non acadou, aínda, o seu teito electoral e para ampliar as súas bases conta con instrumentos que nunca tivo. Pero é un arma de dobre fío: se non demostran con iso unha boa capacidade de xestión e unha resposta eficaz para solucionar as demandas cidadás, pode virarse en contra. O Partido Socialista de Galicia, liberado do vazquismo -que actuou como aliado permanente do fraguismo - , ha de demostrar a súa visión galeguista, o seu compromiso con Galicia na súa política, abrirse, ademais, aos sectores e grupos emerxentes da sociedade. Ambos han de ser capaces de transmitir unha verdadeira política alternativa con respostas aos problemas actuais, tanto a nivel municipal e autonómico e cunha visión de futuro de país, con claridade.

As friccións e conflitos de interese que se produzan entre as dúas forzas políticas, aínda que estas prodúcense só nalgúns gobernos locais importantes, terá un efecto de maior envergadura, porá en dúbida a fórmula de gobernos de coalición e sobre ese hipotético fracaso o PP traballará as súas maiorías absolutas.

4,05/5 (22 votos)


Comentarios (4)

esquio #1 19/Xuño/2007 esquio

Interesante artigo e interesante novo opinador. É aqradable que alguén, xusto en intres de pactos, dea unha idea de conxunto do "partido do cambio", no que estamos tantos galegos e galegas. Agradable tamén escoitar a un membro do PSOE definir a Vazquez como aliado permanente do PP e apelar ao compromiso que co País debe ter o seu partido. Góstame isto

Brais #2 19/Xuño/2007 Brais

O que me estraña a min é que no PSOE haxa agora tanta gana de enterrar a Vázquez. A ninguén lle acorda que fixo o que quixo durante 25 anos? Unha viraxe do PSOE cara o galeguismo segue a estar lonxe lonxe. Comparémolo co caso catalán...A maioría da militancia segue a ter unha visión profundamente xacobina do Estado, o resto son poses de cara a galería

Carl #3 19/Xuño/2007 Carl

O que máis graza me fai é o fenómeno do ¿líder? do PP decindo que "firmaría esos resultados antes dos comicios"

mau #4 20/Xuño/2007 mau

Andei desorientado ou Vieiros está abrindo o leque ideológico? Eu acho espléndido, ainda há bem pouco a Iolanda Diaz agora o Sr.Rego. O meio assim crescerá imenso. #2 o jacobinismo do PSOE acho que é proporcional a densidade de população, mais ou menos. Eu acredito e desejo que determinados sectores, bastante interessantes na minha opinião, saibam imprimir ao partido um sentido mais autónomo face a Ferraz. Confesso que não conheço a rapazada do PSdeG... Mas acho que o Vazquizmo tinha fartos a mais do que a maioria dos quadros!

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: