Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A PONTE

Contención salarial

09:00 20/06/2009

Logo de socializar as perdas millonarias do sector financeiro co diñeiro de todos, de financiar plans para a compra de vehículos que reduzan os stocks e estimulen a produción, de reducir o Imposto de Sociedades en 5 puntos e algunhas outras medidas que foi tomando o goberno como choque ante a crise económica e social que atravesamos, a presión das forzas neoliberais para impoñer o seu programa segue o seu curso.

Mesmo hai uns poucos días o goberno socialista sobe os impostos indirectos (gasolina e tabaco) que gravan igual a ricos que a pobres. ¿por que non reforza a progresividade do imposto nos tramos máis elevados?.  Ou  ¿por que tarda tanto en establecer os mecanismos necesarios para adoptar algunha medida que non deixe aos que están a esgotar xa as prestacións por desemprego, sen recursos mínimos para subsistir?. Ou, ¿por que non se é máis eficiente na loita contra a economía encuberta, que, ademais, de furtar impostos ás arcas do Estado, mantén a miles de traballadores/ás sen dereitos (nin paro, nin pensión, etc)?

Pola súa banda, a dereita política e social segue co seu discurso de baixar os impostos, de contención do gasto e de reforma do mercado laboral.  Din que así promoveríase o consumo e a inversión pero, en realidade, iso suporía recorte de prestacións e deixar a xente máis exposta ás sacudidas do mercado, convertendo en norma o traballo precario e acrecentando o illamento social de maneira que ante as crises persoais adopten unha postura pasiva e resignada.

A folga do metal en Vigo ¿un ensaio?
Abaratar custos é a cantilena da patronal, non só se despide, senón que se nega a aumentar os salarios. Pero, ¿acaso o aumento dos salarios non é unha medida para incrementar o consumo?. Badúan contra a crise pero non están dispostos a arrimar o ombro. O seu obxectivo do beneficio a curto prazo non se adecúa ao obxectivo macroeconómico de incrementar o consumo.  Se houbese maior transparencia, algúns deles, en situación crítica, poderían recibir axudas da administración, pero, en conxunto, adoptan unha estratexia contraproducente, na que, ademais, prefiren reducir os custos á cohesión de empresa, sen entender que iso se traduce nun valor económico e que o proceso de deslocalización, non sempre é doado nin sempre resulta un éxito, por máis que sexa unha ameaza no horizonte.

Non parece que as reivindicacións dos traballadores/ás do metal en Vigo sexan tan esaxeradas, aínda en crise, que non permitan alcanzar un acordo. Máis ben parece reflectir un conflito no que unha parte da patronal quere aproveitar a ocasión para impoñer o seu "programa de crise" que é o de fender un dos poucos instrumentos que teñen os traballadores/as para defender os seus dereitos cal é a negociación colectiva, instrumento que o programa neoliberal ten como obxectivo rematar, reducíndoo, en primeiro lugar, a nivel de empresa. Para ben ou para mal, o resultado deste conflito pode sinalar unha orientación a nivel estatal.

4.92/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Eduardo Rego

Eduardo Rego

Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.



Máis opinións