Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A PONTE

Deixar as consecuencias en mans de Deus

12:30 07/09/2008

Seguimos tendo unha relación incómoda coa natureza e continuamos dobregándoa para poñela o servizo das nosas ambicións.

Creamos burocracias con competencias medioambientais como formas desacralizadas que nos protexan dos medos que a natureza nos produce, cando, de vez en vez, sorpréndenos con algunhas das súas manifestacións que a modernidade non foi capaz de domesticar á vez que nos decatamos que os recursos básicos que nos proporciona para sobrevivir vólvense nocivos con evidencia cada vez máis clara de que a intervención do home ten moito que ver. Con todo, outros incapaces de recoñecer esa evidencia, abóndalles con rezar. Xa o dixo Sarah Palin - a candidata á vicepresidencia de EE.UU proposta por McCain- que nada do que sucede na natureza é consecuencia da intervención do home. É cousa de Deus.

Nós os que vivimos dende Pedrafita e o Padornelo ata o Atlántico aínda temos sorte, polo menos relativa. Eliximos un goberno que cre no desenvolvemento sostible, mesmo a pesar de algúns grupos de cidadáns que padecen a febre do ladrillo, o cemento e o asfalto e da que esperan enriquecerse ou deixar unha pegada perenne sobre a natureza e a pesar de outros moitos, máis modestos ,que se limitan a deixar ao seu paso, aquí e alá, nunha esquina, nunha matogueira, plásticos, botellas e latas, entre moitos outros obxectos, que, ás veces, as autoridades locais -aínda que existan voluntariosos cidadáns que os agrupen en pequenas moreas-, prefiren que permanezan alí como testemuño do progreso e modernidade á que, tamén, alcanzou o seu concello.

Afortunadamente, o noso goberno utiliza todos os recursos dispoñibles ao seu alcance. Desprega esa burocracia ambiental ata onde lle alcanza pero, tampouco, descarta, se fose necesario e por se acaso, plantarse diante do arcebispo de Santiago, un 25 de xullo, e lanzarlle un rogo ao Apóstolo, antigo Patrón das Españas, para que evite consecuencias non desexadas e non avaliadas. ¡Que todos somos humanos¡

O Plan Acuícola
Por iso o Plan Acuícola que acaba de aprobar a Xunta é un bo exemplo - segundo nos din- dese afán polo desenvolvemento sostible. Convértenos, ademais, na primeira potencia mundial de produción do rodaballo, sinala a propaganda., ¡Que ingleses, irlandeses, franceses, etc, traguen o noso rodaballo¡,..Que nós levamos anos comprando nos mercados locais nécoras, vieiras, centolas e moitos máis mariscos producidos por eles. Ademais, vanse crear 2000 postos de traballo, que benvidos son nun momento de crise. E o mellor de todo é que ¡non se destrúe ningún empleo¡, non como sucedeu en Canadá e noutros sitios que ben arrepentidos están agora. Eu prefiro un Plan a non ter ningún e non que cada multinacional constrúa a súa piscifactoría onde queira sen respectar nada do que valoramos e queremos. Pero non calquera plan.

Que prefiran esas multinacionais as nosas costas ás deles, pode que sexa motivo de orgullo. Aí no norte de Europa sí que teñen costas e fermosas, pode que sexan demasiado frías para o rodaballo, ou quizais están moi contaminadas, ou quizais os seus gobernos son “moi proteccionistas” e non llas deixan montar alí, polo menos deste tamaño, ou pode que pensen aforrar en salarios con eses postos de traballo de pouca cualificación. Calquera sabe.

O Parque Natural de Corrubedo

Con todo, non todos estan de acordo co Plan. Certo que o aprobou o Consello da Xunta, do PSOE e BNG. Ademais dalgúns grupos ecoloxistas e varias plataformas de vecinos, no Bloque non están todos de acordo. Non coñezo todos os lugares nin todas as razóns polas que se opoñen.

Coñezo bastante ben Corrubedo. E aí, chámame a atención que a piscifactoría máis grande se sitúe ao lado do Parque Natural de Corrubedo. Imaxínome subido ao miradoiro - ao que tantos visitantes acoden- que hai xusto detrás do Parque ensinándollo aos meus amigos de fóra de Galicia como exemplo de convivencia entre modernidade e natureza: alí á dereita esa enorme planta de formigón que abastece de rodaballos os vosos mercados, alí, á esquerda, a conservación da natureza. E se xiras un pouco máis ves a Illa de Sálvora, eso, tamén, forma parte do Parque Natural, das Illas Atlánticas,¡eh¡. Ben, tamén hei de dicirvos que ese mar que rodea a Illa de Salvora e desas outras pequenas illas (Illas de Sagres) canda a Punta Couso e xa diante do Parque de Corrubedo, da Praia de Lagoa, Praia do Vilar e Praia do Castro (varios kms. de praias), forman parte do Complexo Húmido de Corrubedo, unha parte foi declarada de Interese Comunitario en 1997. De toda esa costa sae un dos mellores percebes de Galicia e é rica en innumerabeis especies. E non lles afectará as verteduras da piscifactoría?, preguntará algún dos máis espelidos. Segundo os técnicos as correntes deben seguir outro camiño e levar as verteduras orgánicas e químicas talvez alí onde está enterrado o Prestige, pois doutra forma non se entende. E isto que foi, realizado durante os gobernos de Fraga?, interrogará finalmente algún. Ben, non, non… foi agora con, con... o bipartito. Co PSOE e BNG. ¡ Aaah¡. "Amén", direi eu.

4.2/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Eduardo Rego

Eduardo Rego

Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.



Máis opinións