Aínda que a Constitución española de 1978 afirma que "ningunha confesión terá carácter estatal" e polo tanto presupón a separación entre as institucións do estado e as igrexas ou organizacións relixiosas. Os feitos poñen constantemente en dúbida a aplicación dese artigo 16 (parágrafo 3º), salvo que a "cooperación" á que se alude neste se entenda en termos de relación privilexiada coa Igrexa Católica.
Sorprende, non obstante, que un partido como o PSOE que presume de tradición laica, despois de 30 anos de aprobarse a Constitución, discuta nun Congreso de Partido o alcance que haberá de ter a separación entre as institucións do Estado e a Igrexa ( ou igrexas). Para concluír no relatorio aprobado co rexeitamento a pedir a revisión dos acordos da Santa Sé (acordos de orixe preconstitucional) en base, segundo declaracións de Ramón Jáuregui, coordinador desta, a que "ninguén pode esperar que un país cambie da noite á mañá" (El País, 6 de xullo de 2008) ou que se dea conta agora de que a "laicidade non ten constituída unha liturxia alternativa". Iso sí, traballarase, sen sobresaltos pola "desaparición progresiva de símbolos e liturxias relixiosas (como os crucifixos e a Biblia nas tomas de posesión e en edificios públicos" pero non "por imperativo legal" senón dependendo da evolución da sociedade española.
Éxito do Embaixador no Vaticano?
Será un éxito dende a distancia do Embaixador do Goberno no Vaticano que xa na súa recente visita á súa terra pedira publicamente que marcásemos a cruz da Igrexa na declaración da Renda?, ou trátase máis ben, como escribiu recentemente nun artigo Peces Barba do "temor reverencial a desgustar á Igrexa". Outra hipótese: terá que ver cos tempos difíciles que hai que afrontar esta lexislatura debido á crise económica (que está a producir de por si unha guerra semántica) e que non vai estar o forno para máis bolos?.
En todo caso, non ten algo de contraditorio a condescendencia dun Partido e un Goberno do PSOE cunha relixión tan patriarcal que foi un dos instrumentos históricos de dominación da muller, coas políticas de igualdad?.E coa permanencia dos símbolos da opresión cando non cos beneficios e recursos económicos para que faga máis eficazmente a contra a esas mesmas políticas?. E non o é, tamén, co mantemento de clases de relixión (católica) no ensino público?
Menor relevancia cultural
E vaise adquirindo unha relevancia cultural menor tal como pode deducirse de moitos datos, non só en relación á porcentaxe de ciudadáns e cidadás que se declaran católicos senón á porcentaxe dos que se declaran practicantes, que descenden ano tras ano, principalmente entre os mozos e mozas de 15 a 29 años, ata os ritos, en moitos dos cales séguese participando - unha gran maioría por motivos no relixiosos-, o das vodas civiles gana terreo ata o punto de que en 14 provincias superan xa as unións relixiosas (El Pais, 7 de xullo de 2008), porqué non se quere interpretar esa tendencia como unha demanda da sociedade para avanzar con claridade cara á secularización ou é que, como se apuntou nalguna ocasión, o problema está en que os ateos, agnósticos, deístas, relixiosos new age, etc, non están suficentemente organizados.
Sexa polo que sexa, o laicismo que se deriva do noso "Estado aconfesional" adopta ese carácter líquido que Z. Bauman pregoa da modernidade; a diferencia dos sólidos, os líquidos non conservan doadamente a súa forma, desprázanse con facilidade e o que importa neles é o tempo.
Chama a atención, non obstante, que nesta cuestión, non se fixaran no tan citado libro - meses antes das últimos eleccións xerais- de George Lakoff. Cando di, escribindo sobre a política Norteaméricana: "os candidatos liberais e progresistas tenden a guiarse polas enquisas e así deciden que teñen que facerse mais centristas, polo que xiran á dereita. Os conservadores non xiran nunca á esquerda e, sen embargo,¡ganan¡". Intentando contentar a todos córrese o risco de que parte do electorado que votou ao PSOE remate abandonando. E a Conferencia Episcopal e o Arcebispo Rouco á cabeza continuará buscando a confrontación e pedindo o voto para o PP.
Brilante. Estou de acordo co fundamental do artigo, mas debemos organizarnos p.e.: http://es.wikipedia.org/wiki/P...
Agradécese a valentía do autor á hora de criticar a un partido co que coido que simpatiza. Por desgracia, a batalla de ideas e a lucidez analítica non cotiza á alza no PSOE e o panorama non é moito mellor no BNG. Os partidos prefiren mensaxes planas, masticadas para unha militancia acrítica. É isto a democracia do futuro?
Claro, e que alguén me diga se a presencia oficial do alcalde e a corporación municipal en procesións das festas patronais dunha localidade é ou non é anticonstitucional, porque a mín me parece evidente que si, e porén vén facéndose con total naturalidade dende que se aprobou a constitución (e antes xa por descontado) ata o presente, sen que ninguén diga nada. Nos últimos tempos vai habendo tímidos cambios nese aspecto. O do estado non confesional en España está a resultar unha boa brincadeira.
os/as non creentes nin practicantes que, por tradición fumos bautizados polos nosos pais, debemos ser coherentes cas nosas ideas e facer apostasia. Esa é o unico xeito de dar unha mensaxe clara e contundente sobre a situación da "fe" no estado e de poñer no seu sitio a igrexa catolica. http://www.apostasia.es
Non, Alberto, eu négome a facer iso. Non se pode admitir que os rexistros de bautismo sirvan para dicir quen é católico. E non temos porqué molestarnos en facer xestión ningunha para que nos borren deses arquivos ou rexistros. En realidade, nin sequera os rexistros de vodas pola igrexa son válidos para iso. Primeiro, pola farsa de moitas vodas pola igrexa, como ben sabemos, e segundo, porque a xente pode cambiar de opinión e deixar de crer, e iso non ten nada que ver con estatísticas de vodas nin de nada. Os crentes son os que practican e van a misa todos os domingos. Por tanto... moi pouquiños.
vale, mais quenes poidan e queiran...
ti saberás Xeonllo, pero dende logo a igrexa fódelle moito que alguén faga apostasía xa que durante moito tempo teimaron en ignorar totalmente os requirimentos, e tivo que ser a axencia de protección de datos a que obrigara a Igrexa a cumprir o dereito dos apostatas a darse de baixa "legalmente" e con "acuse de recibo". Porque unha cousa e perder ovellas en abstracto por "pasotismo" destas e outra moi distinta que as ovellas digan claramente e cuantificablemente que nanai, que xa nin ovellas nin pastor. E fódelles. Moito moito porque é unha constatación con nomes e apelidos do seu fracaso, e unha toma de posición clara e con nome e apelido cara a laicidade do estado e a retirada da financiación e privilexios da igrexa católica. Dálles onde mais lle doe: Apostata!
A retirada da financiación da Igrexa católica ten que ser totalmente independente do número de católicos que haxa ou deixe de haber, e máis aínda de se a xente fai a parvada de molestarse en borrar nomes de arquivos burocráticos dos que ninguén fai caso.
Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.