Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A PONTE

Electorado refugable

18:25 26/12/2008

O Parlamento Europeo bloqueou, de momento, a proposta de ampliación da xornada laboral a 65 horas, aprobada polo Consello de Ministros da UE. A votación producíase nun momento inoportuno, de deslixitimación do sistema: crise económica derivada da especulación financeira, inxección á banca de millonarias cantidades de diñeiro, a xigantesca estafa realizada por B. Madoff, etc,

Aínda así a ampla maioría parlamentaria necesaria para que a devandita proposta non saíse adiante esixiu que os eurodeputados votasen en contra da proposta dos seus respectivos gobernos e que se sumasen membros de distintos partidos. Poucas veces acontece algo similar, que voten maioritariamente contra as decisións dos seus gobernos.

Algo similar aconteceu hai pouco tempo cando a Cámara de Representantes en EE.UU, rexeitou o Plan de Bush para solucionar a crise financeira que non logrou o apoio de todos os membros do seu partido dado que moitos representantes xogaban en próximas datas a súa reelección e entendían que o seu electorado non era favorable.

Aínda que o fondo en ambos os dous exemplos é completamente diferente, presentan unha situación que, en España e aquí na nosa comunidade, é impensable: que os nosos representantes sexan indisciplinados co seu partido ou o seu goberno porque optan ser leais co seu electorado.

Fidelidade ao partido e deslealdade ao electorado

Aquí o sistema electoral - e na maioría dos países- está construído de tal forma que é máis importante a fidelidade ao partido político que ao electorado. As listas en que concorren ás eleccións son elaboradas polos partidos políticos que son os que deciden quen vai na lista e en que lugar, sen que o elector teña máis elección que votar entre as distintas listas partidarias que lle ofertan, independentemente da valoración que un poida facer sobre a actuación e compromiso de cada membro que se propón na lista; son listas bloqueadas e pechadas.

As oligarquías dos partidos políticos teñen así todo a decisión nas súas mans. Isto presenta algúns efectos perversos: non renden contas ante os cidadáns senón ante os seus xefes e eliminan, na práctica, un dos trazos mais definitorios do parlamentarismo: a deliberación. ¿Quen non pensou, nalgunha ocasión, que en vez de estar todos sentados, nos seus escanos, sabendo xa de antemán cal vai ser o resultado da votación, poderían estar reunidos con grupos de cidadáns, aínda que fose só escoitándoos?. ¿Non poderían reunirse os voceiros dos grupos parlamentarios e sumar os votos con que conta cada un, sen necesidade de estar presentes todos que, arguméntese como se argumente, xa teñen decidido o que han de votar?.

Desprazamento de obxectivo

O comportamento dos representantes subordínase aos obxectivos xerais da organización. Debe elixir entre a obediencia á organización e a lealdade aos seus principios e deixar a tarefa de satisfacer as demandas dos cidadáns nunha posición secundaria, producíndose o que Z. Bauman denomina "un desprazamento de obxectivo", converténdose a autoperpetuación e autoengrandecemento no único propósito.

Neste proceso de desprazamento de obxectivo prodúcense fendas que fan que as bases electorais de cada partido se volvan intercambiables e desbotables (por exemplo, perdo electorado urbano, gaño electorado rural). Para controlar o intercambio e tratar de atrapar os votos máximos posibles minimizando as perdas, activan os argumentos de autoidentidade previos a calquera reflexión, resaltando o "nós" e establecendo unha dobre moral: xustifícase e aproba calquera método empregado polo ben da causa e condénase implacablemente os empregados polos demais (aínda que sexan os mesmos ou similares).

A gran maioría das propostas de reformas electorais que emerxen de cando en vez están enfocadas a como obter mellor rédito en número de escanos cos votos que recibo ou unha maior cota de poder pero case nunca se formulan en termos de conceder maior poder de decisión aos cidadáns. E se algún partido político contemplou incrementar a capacidade de decisión dos/das cidadáns/nas, tan pronto alcanzou o poder gárdao no caixón do esquecemento. Creo que é necesario que as prometidas reformas do sistema electoral aborden, tamén cuestións que establezan unha relación de compromiso dos representantes cos seus electores e que iso non dependa exclusivamente do aparato do partido.

4.41/5 (22 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Eduardo Rego

Eduardo Rego

Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.



Máis opinións