Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A PONTE

Opacidade e mafias

19:30 30/04/2008

"Os especuladores saben que arriscan pouco" afirma Ignacio Ramonet en Le Monde Diplomatique( abril de 2008, en español) onde repasa algunhas actuacións dos estados para paliar os efectos da crise económica (nacionalización do banco Northern Rock polo Goberno Británico, por exemplo) que en moitos casos, supón unha socialización das perdas financiada polos contribuíntes á vez que é aproveitada polos grandes depredadores para concentrar máis o capital nunhas poucas mans.

A liberalización dos mercados financeiros de bens e servizos a nivel global que se veu producindo dende a época de Margaret Thacher e Ronald Reagan provocou unha maior opacidade nas operacións como no caso das “hipotecas subprime" que deron lugar á crise actual, cunha dimensión que se descoñece e onde nin sabe cales son os bancos afectados. Pero, tamén, supuxo unha oportunidade extraordinaria para a economía encuberta que representa entre o 17% e o 25% do PIB mundial, segundo Misha Glenny, citando fontes do FMI e o Banco Mundial.

As mafias globais

Este autor, correspondente de The Guardian e a BBC, publicou recentemente un libro baixo o suxestivo título de "Mcmafia". Libro ameno e de doada lectura pero cun coñecemento amplo ao que dedicou varios anos da súa vida, analiza como as distintas mafias locais aproveitando o insuficiente control dos mercados financeiros, o extraordinario aumento do tráfico de mercadorías marítimas (90% do tráfico mundial) e a dificultade de inspección así como, tamén, o proteccionismo dalgúns produtos, expándense a outros territorios e establecen redes globais: actúan como multinacionais con novos socios e mercados noutros lugares do planeta. O volume de negocio que moven nas súas actividades é tan enorme que a través do branqueo de diñeiro - en moitos lugares non se pregunta pola súa procedencia- penetra nas actividades económicas legais así como corrompe as institucións que teñen por obxecto a súa persecución, ademais de dominar as relacións sociais en amplos territorios nos que o Estado apenas existe simbolicamente.

As súas actividades ilícitas abranguen un amplo espectro: dende tráfico de drogas, tráfico de mulleres, tráfico de inmigrantes, tráfico de armas, tráfico de diamantes e outros minerais, etc., pero, como non, cada vez máis, en forma de delitos informáticos ou da explotación das diferenzas entre os sistemas fiscais ou a fraude sobre o imposto do valor engadido, etc. Os seus beneficios rematan formando parte de moitos negocios legais, empezando por moitas empresas do sector inmobiliario.

Teoloxía de mercado
Seguindo o primeiro principio da teoloxía do mercado, anunciada por Friedman, "nunha economía de mercado, hai unha e soamente unha responsabilidade social da empresa: utilizar os seus recursos e dedicarse ás actividades que aumentan os seus beneficios", gaña adeptos continuamente e nesta relixión as fronteiras entre licítoo e ilícito esváense.

Non é só un problema policial nin de coordinación internacional para loitar contra estas novas mafias globais, senón que, esixe, unha intervención política internacional dirixida a eliminar os paraísos fiscais que posibilitan o branqueo de diñeiro; con iso faríase máis difícil o lavado do diñeiro suxo nos mercados financeiros pero é necesario, ademais, que vaia dirixida a unha regulación dos mercados financeiros que posibilite unha maior transparencia aínda que iso vaia en contra dos intereses de grandes especuladores e dalgúns estados, que, de paso, se benefician das operacións ilícitas das mafias e da opacidade do sistema.

4.54/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Eduardo Rego

Eduardo Rego

Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.



Máis opinións