Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A PONTE

Territorio e identidade

10:25 23/05/2009

Denunciaba Giovanni Sartori (2003), nun pequeno ensaio, hai uns cantos anos, que a consigna do noso tempo é a que proclama "o crecemento, o desenvolvemento, o incesante aumento de todo" e que aqueles que o queren frear son acusados de apocalípticos e catastrofistas.

Con todo, cada vez son máis os grupos e os individuos que son conscientes de que a natureza xa non pode ser pensada sen a sociedade e viceversa e que detrás daquel afán de desenvolvemento que se estendeu dende a revolución industrial se ocultan grandes intereses económicos e unha lóxica de acumulación do capital ilimitada.

Na medida en que crece a sensibilización da cidadanía pola cada vez maior problemática da relación entre a sociedade e a natureza, os partidos políticos incorporan ao seu discurso a retórica do desenvolvemento sostible e da cuestión medio ambiental, mesmo non teñen o menor reparo en utilizar aos grupos ecoloxistas e aos sectores sociais máis sensibilizados para os seus fins electorais e de conquista do poder.

É licito formularse ata qué punto están dispostos a esquerda e os nacionalistas a realizar unha práctica política que cuestione a lóxica do desenvolvemento económico aplicada ata hoxe. Na súa actuación durante o bipartito podemos atopar algunhas medidas que si - a moratoria de construción na franxa de costa de 500 metros, por exemplo-, e outras claramente prexudiciais e sometidas aos grandes intereses económicos, como o Plan Piscícola. A nivel municipal, no urbanismo desenvolvido na costa é difícil atopar diferenzas sustantivas en municipios onde gobernan partidos de distinto signo. As actuacións de próxima realización, como a ampliación do aeroporto de Alvedro, que como di o delegado da Xunta, Diego Calvo, está apoiada polas tres administracións, Concello (PSOE, BNG), Xunta de Galicia (PP) e AENA- Ministerio de Fomento (PSOE).

Non hai dúbida de que a lingua é un importante elemento de identidade cultural e/ou nacional -se se quere, que se situou por enriba de calquera outro. Pero, por que o relego a un segundo lugar - agás para uns poucos grupos e individuos- da relación "histórica" entre a sociedade e o medio, que  xa indagaran a finais do século XIX e primeiro terzo do século XX figuras como Otero Pedrayo, Vicente Risco e moitos outros antes que eles e que analiza García Álvarez(2003) na súa obra "Territorio e Nacionalismo: A construción xeográfica da identidade galega".

Se ben é certo que moitas desas achegas teñen connotacións administrativas, paisaxísticas e ás veces míticas- relixiosas, ¿non son, hoxe, unha liña de conexión insospeitada coas formulacións que levan a repensar a necesidade de establecer unha nova relación da sociedade coa natureza?.

Convertendo dende os anos 60 en diante o cemento e o asfalto nos símbolos do desenvolvemento transformamos o noso ámbito de xeito anárquico e fixemos que cada galpón sexa o signo do noso odio á natureza, á que había que conquistar e dobregar. ¿Non é hora xa de comezar a reconciliarnos?.

4.6/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Eduardo Rego

Eduardo Rego

Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.



Máis opinións