Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A PONTE

R. Kennedy, o PIB e a política progresista

09:00 18/04/2009

A ideoloxía de mercado considerou o crecemento económico coma un fin en si mesmo. O historiador Eric Hobsbawm, nun artigo recente (rebelión. org), recórdanos a vella convicción que pensaba que o crecemento económico non é un fin senón un medio e que o importante é "os efectos que ten sobre a vida, as posibilidades vitais e as expectativas das persoas".

Un dos indicadores macroeconómicos que máis se utilizou para medir o crecemento económico é o PIB (Produto Interior Bruto).

EE.UU, é un dos países cuxo PIB representa un das porcentaxes maiores a nivel mundial. E foi crecendo de xeito significativo durante anos sen que iso incidise nunha maior calidade de emprego, nin nun maior nivel de benestar, nin de satisfacción vital para a grande maioría dos seus cidadáns, tal como puxo de reflexo Richard Layard na "Felicidade: leccións dunha nova ciencia". Di que cubertas as necesidades esenciais de supervivencia, o benestar e a satisfacción vital non aumenta en proporción a maiores niveis de riqueza, senón que diminúe.

Z. Bauman, na "Arte da vida", cita un elocuente discurso de R. Kennedy, en 1968, dúas semanas antes de ser asasinado, que dicía:

"O noso PIB ten en conta, nos seus cálculos, a contaminación atmosférica, a publicidade do tabaco, e as ambulancias que van recoller os feridos das nosas autoestradas. Rexistra os custos dos sistemas de seguridade que instalamos para protexer os nosos fogares e os cárceres nos que pechamos os que logran irromper neles. Leva consigo a destrución dos nosos bosques e a súa substitución por urbanizacións caóticas... Inclúe a produción de Napalm, armas nucleares e vehículos blindados,... En cambio o PIB, non reflicte a saúde dos nosos fillos, a calidade da nosa educación nin o grao de diversión dos nosos xogos...”

A crise económica e social pola que atravesamos fai que cada día máis persoas se atopen en situación límite de supervivencia no mundo occidental, aumentando considerablemente esa bestial cifra de persoas no mundo que se atopan nesa situación.

Pero pode ser, unha oportunidade, tamén para cuestionarnos algunhas cousas que se veñen dando por válidas, como esta do crecemento económico e empezar a manexar outros indicadores. Como sinala Hobsbawm no artigo antes citado, unha política progresista debe estar baseada en "decisións públicas dirixidas a conseguir melloras sociais (non na) maximización do crecemento económico e o interese persoal"

4.71/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Eduardo Rego

Eduardo Rego

Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.



Máis opinións