Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Choque de mentalidades

12:00 22/01/2008

Se ben acontece con frecuencia que as diferenzas entre as políticas de gobernos de esquerda e gobernos de dereita se esvaen (a política económica duns e outros na práctica presenta poucas diferenzas; a externalización de servizos públicos tende a crecer, por exemplo, así como algunhas outras cuestións que todos podemos ter en mente e discutir).

Mais alá da retórica que empregan e das mesmas técnicas de persuasión que utilizan para convencernos de que as súas políticas son completamente distintas, como a noite do día, existen, non obstante, notables diferenzas que afectan á vida dos cidadáns.


Moitas destas diferenzas dependen das súas concepcións (en conflito) sobre a sociedade (que teñen unha raíz histórica profunda, polo menos dende os tempos da Revolución Francesa, do nacemento do capitalismo e da aparición das ideoloxías contemporáneas) e que Richard J. Berstein denominou "choque de mentalidades" -como contraposición ao "choque de civilizacións" de S. Huntintong-, e que reflicten concepcións dispares "que condicionan o xeito en que encaramos, comprendemos e actuamos no mundo"

Ideas claras
Estes modos de presentar e facer política estiveron moi presentes nesta lexislatura na política estatal entre os dous grandes partidos - non só-. O slogan "Ideas claras" representa ben a concepción da dereita (neocon) e resume o seu discurso e actuación durante estes anos: mostra rudeza, forza, firmeza fronte á sensibilidade, indecisión e debilidade dos outros, neste caso, o Goberno de Zapatero.

Parece querer acentuar virtudes "tipicamente" masculinas fronte ás "tipicamente" femininas dos demais: acusacións de debilidade contra ETA (coma se eles non mantivesen contactos e reunións con representantes de ETA), de debilidade cos nacionalismos (coma se eles nunca gobernasen co apoio de nacionalistas), de romper España fronte á ficticia unidade esencialista que proclaman, de inxenuamente optimista (Bambi) que non comprende a natureza escura da vida humana e a intransixencia do mal (islamismo) fronte ao decidido apoio a Bush (o ben).

Maniqueísmo ante os retos do futuro
Aínda que resulta maniquea esta mentalidade é aínda atractiva a sectores importantes da poboación (de aquí que non importa qué propostas concretas realicen para manter altas cotas de fidelización do voto) en "épocas de ansiedade, medo e crises intuídas" (agora a recesión económica esaxérase para ir converténdoa nunha crise e unha catástrofe).

As transformacións sociais que estamos a vivir, no ámbito das relacións de xénero, da familia, da fábríca e o traballo -precario e flexible, os problemas de deslocalización, o encarecemento da vivenda, a integración dos inmigrantes, a deterioración do medioambiente e o cambio climático, os avances científicos, a xenética, a biotecnoloxía, etc, en definitiva, cambios que provocan incertezas ante os cales é necesaria a investigación, a avaliación coidadosa das consecuencias e a deliberación en todos os ámbitos e, particularmente, no político, o PP, proclama as "Ideas claras", claras, quizá, como pode desprenderse dunha noticia aparecida no diario "La Vanguardia", o 12 de xaneiro deste ano, co titular " O Metro de Madrid (Consellería de Transportes e Infraestruturas da Comunidade de Madrid) rexeita a unha muller como taquilleira por padecer cancro" Iso si, o Día contra o Cancro, Esperanza Aguirre ponse o laciño rosa. Ideas claras contra o divorcio, o aborto, o matrimonio homosexual, etc, aínda que algúns dos seus dirixentes e dende logo, moitos dos seus votantes fagan o contrario do que proclaman oficialmente. Din defender a sanidade pública pero deixan que se deteriore para poder privatizala. Deixan o cidadán á súa sorte, á sorte do mercado. Dobre linguaxe.

4,31/5 (13 votos)


Comentarios (3)

ecoe #1 22/Xaneiro/2008 ecoe

Mais ben semella (no artigo) que as diferencias tan notaveis nas nosas vidas redúcense ás conceptuais, mais no económico, que é determinante nas diferencias, son, como di tamén, a mesma!
Est é, diferencias só de literal "sensibilidade", mais nada efectivo. E abofé que acerta.

ANGR #2 23/Xaneiro/2008 ANGR

Puntualizar só que a dereita española leva a monte desde hai moito tempo, particularmente desde que comeza a segunda lexislatura de Aznar, e non é por suposto digna da tradición conservadora europea. Sonche basicamente un feixe de ultraliberais dogmáticos que fan unha interpretación da obra de Adam Smith semellante á que fai Al-Qaeda do alcorán. A mais duns españolistas do máis rancio que se pode atopar. Éche o que hai.

Roquinho #3 23/Xaneiro/2008 Roquinho

Ideas claras e certamente algo de valentía, Aznar gañou enganando os votantes cun suposto xiro o centro que deixou en canto tivo a maioria absoluta, Rajoy vai de fronte, escolle as ideas mais rancias do nacionalismo español, a dereita sen matices, e con elo intenta gaña-las eleccións, os votantes non poden simular que non saben o que teñen diante, é o PP, é a dereita española con maiusculas.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: