Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A PONTE

A quimera do centro político

10:42 14/03/2009

Partindo dunha concepción do poder que supón que a ocupación e xestión deste a través das súas institucións (goberno autónomo, deputacións, concellos e goberno central) de seu permite conseguir os apoios necesarios - gañar as vontades- para reproducirse no mesmo, o PSOE e o BNG non tomaron conciencia da necesidade de apoiarse nos sectores máis dinámicos e con potencialidade transformadora do electorado, sectores que foron fundamentais nas mobilizacións previas á derrota do Partido Popular en 2005.

Ao contrario, en lugar de organizar as visións do futuro preferiron reorganizar o presente, dando por feita a fidelidade do seu electorado, tratando de ampliar a súa base electoral en detrimento do Partido Popular. Ambos os dous pensaban crecer sumando ás súas bolsas electores do PP. O PSOE non hai máis dun ano expresaba a súa confianza en converterse na primeira forza política de Galicia en detrimento da hexemonía do PP. Igualmente, o Bloque aspiraba a un importante crecemento a conta do PP - dos sectores máis galeguistas así como a busca de apoios novos de grupos aos que se lle supoñía unha gran sensibilidade ao poder -terceira idade-. Mantendo dende logo a defensa dalgúns sinais de identidade que puidese actuar como argamasa dun electorado que podería ir dende a extrema esquerda ao centro dereita, de aquí as dispares – e as veces contradictorias- políticas que poden observarse nos departamentos que xestionaban.

Máis uniforme nos departamentos do PSOE, aínda que con desigual éxito na xestión, máis aló dalgunhas iniciativas que actuaron como medidas de choque como as adoptadas para frear a especulación urbanística e a deterioración da costa que non deron lugar a unha articulación posterior, levaron a cabo, en moitos aspectos, unha política continuista, e en outros, non foron capaces de concretar proxectos alternativos cunha visión de Galicia e de facer política claramente definida e diferenciada, nin en materia de ordenación do territorio, nin medioambiente, nin administración pública... Naqueloutros ámbitos identificados cos alicerces das políticas de benestar como a educación e a sanidade os cambios que se introduciron - a pesar dos recursos económicos que se destinaron- non se traduciron nunha maior eficiencia.

Ademais, a esquerda cando goberna ha de diferenciarse claramente nos modos e nas formas de comportarse no poder: os recursos son públicos, dos cidadáns e hai que ter un coidado especial no seu uso, sen signo de suntuosidade nin sentimento de patrimonialización cando se exerce un cargo. A esquerda debe recuperar a ética e a estética coa que historicamente se identificaba.

Aquela forma de entender a política e de exercer o poder acaba por producir unha desafección de parte do electorado.  A hexemonía ideolóxica do neoliberalismo dende a década dos oitenta non só contaminou as políticas senón tamén as formas. A consecuencia dese auxe é que ata o día de hoxe a esquerda foi perdendo terreo. Se exceptuamos España - e xa veremos canto dura- a esquerda, na súa viaxe ao centro, non consegue arrebatar o poder á dereita: Italia, Francia, Alemaña - ao PSD outórganlle ao día de hoxe unha intención de voto do 20%, a máis baixa de toda a súa historia-, etc, dan que pensar

Son moitas as cuestións que merecen unha reflexión e a derrota do bipartito é unha oportunidade. Quizais, despois dos sentimento de frustración, sexamos capaces de avanzar. É unha tarefa colectiva e cantos máis se animen a participar moito mellor.

4.23/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Eduardo Rego

Eduardo Rego

Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.



Máis opinións